Opinión

O Dépor de Víctor pinta ben

Vitoria brillante. Boa imaxe, bo control, eficacia goleadora, poucos apuros, poucos erros.

Vitoria brillante. Boa imaxe, bo control, eficacia goleadora, poucos apuros, poucos erros. É certo que o Dépor non se atopou en Vallecas un Raio moi incisivo, que non fixo un gran partido e que ó equipo herculino se lle presentou un enfrontamento cómodo. Pero hai que valorar o inicio de temporada como positivo. Sobre todo porque o Dépor parece que xoga algo máis alegre que o ano pasado. Os xogadores de Víctor aprenderon ben a lección durante a pretemporada, e, polo momento, están a resolver con boa nota o ensaiado este verán. 

Pero este comezo de temporada non pode servir aínda para ver os trazos finos do equipo. O que si se perciben, polo momento, son os trazos grosos. A pintura vai collendo corpo. Apréciase un debuxo táctico que semella atractivo. Faltan partidos para confirmar que o resultado final ha ser un lenzo que sirva para enmarcar.

"O equipo ten homes dos que tirar cando un plan se torce. Os conceptos que pide o adestrador enténdense. Os trocos chegan a tempo e para retocar o que se precisa para o partido"

A seguridade de Sidnei é un alto valor para a defensa branco e azul. O que confirma que a teima  da dirección deportiva por conseguir que volvese á Coruña é un acerto. As incorporacións de Elxe, Mosquera e Fayçal, son dous puntáis para este equipo. Son, de feito, dous elementos principais e fundamentais na actual composición cromática branco e azul. Luis Alberto e Lucas aprovéitanse do traballo incansable de presión que fai Fayçal, ou da función de catalizador de xogo que imprime Mosquera. Por iso, de momento, a factura é sólida e moi aceptable. O único borrón: Arribas. O erro cometido en defensa no único gol encaixado do encontro é un exemplo. 

O equipo ten homes dos que tirar cando un plan se torce. Os conceptos que pide o adestrador enténdense. Os trocos chegan a tempo e para retocar o que se precisa para o partido. Iso facilita as cousas para que a bancada exerza de xogador número doce sobre o terreo de xogo.

Tamén é unha moi boa nova a eficacia de Lucas, que en tres partidos xa leva dous goles. O ano pasado foi o máximo goleador do equipo, con seis goles en Liga. Este, xa leva anotados un terzo dos tantos da anterior tempada.

Se as cousas seguen así, o Dépor de Víctor pinta ben.

Comentarios