Opinión

Dépor: triunfo balsámico

Partido feo, feo, feo.

Partido feo, feo, feo. Sobre todo na primeira metade. Excesivos fallos. No que toca o Dépor, preocupa, moito, a perda de solvencia en defensa dos deportivistas. Un apuntamento que se debe reflexionar agora, con urxencia, e cando non hai feridas que curar. A vitoria do equipo é importantísima, pero non debe ser excusa para agochar que o equipo ten un problema que resolver na parcela defensiva. O Dépor precisa apuntalar o centro da defensa ou recibirá máis sorpresas como a do domingo pasado. O Betis foi brando e iso salvou que o partido non correse grande perigo.

Víctor confirmou coa aliñación a sorpresa. Realizou numerosos trocos, sobre todo, na parcela que mellor sensacións dá. Salvo Fayçal, todos os demais homes de ataque mudaron. Non saíu mal o cambio, malia que o planeamento ofensivo non estaba dando sinais de esgotamento por agora. O técnico optou por poboar o centro do campo para parar o Betis e afogar calquera intento de ataque andaluz. Optaron polo corpo a corpo nos primeiros corenta e cinco minutos. Na segunda metade, co equipo máis estirado houbo opción para o talento. Foi o caso de Fede Cartabia que marcou un golazo -na primeira metade avisou con outro gran zapatazo-, que confirma a extraordinaria calidade que ten este arxentino. O gol desde 25 metros é un dos tantos da xornada.

O técnico optou por poboar o centro do campo para parar o Betis e afogar calquera intento de ataque andaluz

Mágoa que o seu extraordinario gol quedara un tanto empañado por un balón enviado cara Lux desde o outro lado do campo. Un pase cara atrás sen sentido, que sobrou. E de aí ó gol só houbo un paso. Un gol que fixo que o Betis, cando peor se atopaba, rexurdise. O cadro coruñés dominara ata ese momento todo o segundo tempo, pero o gol de Petros deulles vida. Pero só ata que un rápido e bo contragolpe, no que participou case todo o ataque, acabou nas botas de Fayçal que encarou porta con grande acerto.

A vitoria fóra da casa é brillante. Arregla o traspés de Riazor có Spórting. Pero hai moitas, moitas cousas aínda por facer, pero mellor pensar coa vitoria no peto que andar lamentando. O de Riazor foi un aviso. Serio. Pero aviso.

O domingo, en Riazor, co Español xa se verá se a lección está aprendida.

Comentarios