Opinión

Dépor: o tempo é ouro

Un equipo que se cae a cachos. Esa é a imaxe que deixou o Dépor ante o Córdoba. 

Un equipo que se cae a cachos. Esa é a imaxe que deixou o Dépor ante o Córdoba. E esa imaxe está ligada queiramos ou non o traballo de toda unha temporada con Víctor Fernández á fronte. Cumpriu ata agora co obxectivo, si, evitar o descenso pero o equipo cáese a pedazos. Desfaise perigosamente. 

A descomposición é de tal grao que toca a hora de mudar as cousas coa esperanza de que o tempo aínda poida arranxar a desfeita.

Vímolo en Xetafe, xa o estabamos vendo nas últimas semanas. E aplicar cirurxía é unha obriga. Ou autoxestión ou alguén que sexa capaz de recompoñer os anaquiños que quedaron espallados por Riazor. Vin algunhas bágoas en Riazor. Unha delas, Luisinho. Chorando como un neno nas escaleiras que conducen ós vestiarios. Negando ca cabeza. Incrédulo ante o que acabara de vivir: un penalti non pitado e unha expulsión inxusta. 

Pero xa non caben excusas. O Dépor-Córdoba só durou 3 minutos. A xogada do penalti non sinalado e outra ocasión de Luis Fariña. Pasado ese tempo o equipo diluise. Tanto que o Córdoba xogou cómodo, como na casa, con dominio da situación. Ata que marcou. E con esa vantaxe xogou. A reacción chegou da man de Víctor á desesperada. Tan á desesperada como a situación que representaba o equipo desde que comenzara o partido de Xetafe. Sen ideas. Sen traballo. Sen nada de nada de nada. Non é falta de ganas. É que nada sae. Porque nada se traballa. Todo semella entregado á improvisación. O iso é o que parece.

A desesperación é tan grande na bancada como no campo. Pero é unha anguria que vai en direccións opostas. O choque é tremendo. 

Chega Víctor Sanchez del Amo. Esta noite confesábame por teléfono que ten gañas de volver á terriña (sic)

Chega Víctor Sánchez del Amo. O futuro. A ilusión. Unha faciana pensada para reconciliar a afección co glorioso pasado do deportivismo. Un home escaso de experiencia como técnico, pero que conviviu con situacións de máxima esixencia. Gañou títulos co Dépor e co Real Madrid. Pero sobre todo, co equipo coruñés. Esta noite confesábame por teléfono que ten gañas de volver á terriña (sic). Vén con ilusión. Cre que vai conseguir sacar o equipo adiante. “Desde que comezou a temporada estou convencido de que este equipo ten madeira para salvarse”.

Quédense con iso. Cambio de mentalidade. Necesaria. Outra dinámica no vestiario. Outra forma de facer. Un adestrador próximo aos xogadores que chegará, case con toda probabilidade, salvo que as limitacións económicas o impidan, con todo o seu equipo de preparadores. Un duro traballo para levantar o equipo en oito semanas. 

A favor, Víctor conta cun cadro de xogadores que non tira coa camiseta, que está entregado á causa, comprometido, malia estar roto polos resultados. E por outra banda, que o taboleiro de marcas indica que o equipo aínda está fóra dos postos de descenso, con dous puntos de marxe, porque os rivais seguen de picada en picada. 

En contra, un calendario durísimo. Ir a San Sebastián, a Málaga, a Elxe, a Bilbao e a Barcelona. Por Riazor chegarán Atlético de Madrid, Vilarreal e Levante. Os partidos contra a Real, Elxe, Athletic e Levante aínda dan unha marxe para pensar que a esperanza é posible.

A unidade será fundamental. Víctor chega para ser a argamasa que una a división entre os afeccionados e fortalecer un equipo que necesita aire fresco, ideas novas, un enxeñeiro da alma e da cabeza. Queda pouco tempo. Pero o tempo é ouro. E o Dépor aínda ten unha pequena mina da que extraer quilates que valen unha permanencia un ano máis en Primeira División. Só queda dar coa veta. 

A picar mineiros!

Comentarios