Opinión

Dépor: a sorte hai que buscala

Outra vez en Riazor o empate sabe a doce. Pero a do Atlético non é unha larpeirada calquera, porque esta sabe moi moi moi doce


Outra vez en Riazor o empate sabe a doce. Pero a do Atlético non é unha larpeirada calquera, porque esta sabe moi moi moi doce, aínda que haxa que compartir un anaco desa gustosa e golosa dozura. Porque ante equipos así sobra para repartir.

Un empate, este si, que é reconfortante logo dun desastroso partido como o de Málaga. O Dépor fixo un partido máis serio, máis concentrado, sen riscos, encorsetado á vez que controlado. Un punto de equipo reservón de máis, pero xustificado pola entidade da escadra de Cholo Simeone, que pretendía deitarse líder, a sabendas de que ese liderado sería só cuestión de horas. Ó taboleiro de marcas me remito. O Cholo non só non durmiu co cetro de rei da Liga por unhas horas senón que foi incapaz de conciliar un sono pacífico. Marchou da Coruña como alma que leva o diaño, esquecéuselle dar a man a Víctor Sánchez del Amo cando este lla ía dar nada máis rematar o encontro. Porque xa se sabe, en terra de meigas, ollo con intentar sacar da manga un truco en plena fin de semana de Samaín. Mellor trato que truco, porque habelas, hainas. E hóuboas. E coidado que puido formarse un akelarre. Ao técnico arxentino estivo a piques de xelárselle o corazón cando apareceu Fayçal en forma de encantamento. Levouse un tremendo susto no corpo cando viu bater o coiro na cruceta da portería de Oblak, que salvou, por un polgar, dunha derrota inesperada.

Quen saíu unha vez máis a ombreiros de Riazor foi Lucas Pérez que, definitivamente, colleu a estrela de líder. Líder en todo

Quen saíu unha vez máis a ombreiros de Riazor foi Lucas Pérez que, definitivamente, colleu a estrela de líder. Líder en todo. En actitude, en esforzo, en intelixencia e nos xestos dentro do terreo de xogo e de cabeza e palabra fóra do rectángulo de herba. Con menos presión vese que é máis dianteiro, máis perigoso en ataque, máis listo, máis rápido, máis oportunista, máis rendible, moito máis xogador. Lucas Pérez xa marcou en dez partidos tantos goles como en toda a temporada pasada en Liga.  

O empate que agora se relame non foi froito da casualidade. O Dépor saíu a buscalo. Tarde, seguramente, tarde, pero atopouno. Agazapouse moitos minutos, a maioría, no seu campo deixando moi só a Lucas Pérez. Pero á vez, mantendo a garda alta e sen deixar que o Atlético atopara rotos como en semanas anteriores. De feito, o equipo madrileño só marcou no único descosido importante que atoparon. O mesmo, que sucedería despois. Cando se decidiu meterlle presión alta, ir a polo partido, o Dépor encontrou formas de darlle a volta. No único erro defensivo, Lucas tirou do seu pasado, cando aprendeu a regatear e xogar con velocidade no fútbol sala, e marcou un gol de ratoneiro, de pillabán, de ladrón de soños.

Se o Dépor fai 14 puntos cada dez partidos, como reflicte a táboa neste momento, se salva con total seguridade. Así que bo lle sería asinar outra xeira de catorce puntos antes de que acabe a primeira volta.

Comentarios