Opinión

Dépor: “Con saias e ó tolo”

Baixou o telón. Acabou a tempada. Unha campaña que comezou con 18 futbolistas no primeiro equipo e que facía presumir un ano moi complicado e duro. 

Baixou o telón. Acabou a tempada. Unha campaña que comezou con 18 futbolistas no primeiro equipo e que facía presumir un ano moi complicado e duro. Pero finalmente para o Dépor pasouse dun “aterra como poidas” a unha recreación surrealista de “con saias e ó tolo”.

Difícil é facer balance deportivo dun ano con demasiadas aristas extradeportivas. Só valía e vale unha cousa: ascender para garantir a supervivencia do club. E ese obxectivo principal acadouse. Un éxito do que só se poden apropiar, porque só a eles lles pertence, Fernando Vázquez e os xogadores. A implicación no proxecto pasando por unha gran cascada de dificultades foi a clave fundamental para dar explicación a unha temporada rara, estraña e difícil de dixerir.

Agora que o obxectivo está conseguido, comeza a outra Liga. A de construir un novo proxecto con novas cabezas e novos futbolistas

Esixirlle este sábado a un Deportivo atolondrado pola festa do ascenso unha vitoria en Xirona ante un equipo en apuros era un canto ó ceo. O seu rival tiña demasiado que xogarse. Pero tamén foi a proba evidente, polo visto na última entrega herculina do ano, que se tivese que poñer en xogo o ascenso ante o Xirona, probablemente, estaría en promoción e non ascendido. O Dépor ía coa gasolina na reserva e pedindo papas, polo que xogalo todo á carta da motivación non ía dar resultado.

Decisións inintelixibles

Así pois, a derrota en Xirona é unha anécdota, Un accidente previsible. Un traspés inevitable. Saben aquilo de “noites ledas, mañás tristes”. Pois iso.

A este grupo de futbolistas só queda darlle as grazas, malia xogar partidos que exaltaron os ánimos dos afeccionados. Ó adestrador, o aplauso por ter a firmeza e o aplomo para termar dunha situación agónica, aínda que ó final da tempada tomase decisións inintelixibles desde a cómoda butaca do sofá ou da bancada.

Agora que o obxectivo está conseguido, comeza a outra Liga. A de construir un novo proxecto con novas cabezas e novos futbolistas que alicercen unha base forte para que o Dépor siga en Primeira División moitos anos para que poida pagar o que debe.

Pero sen dúbida, o gran reto a vindeira tempada vai ser que o Dépor siga afortalando o seu único activo: o xogador número 12, a afección herculina. É un factor poderosamente valioso, un empurrón necesario, unha vitamina crucial. Se todos entenden o proceso de transformación as pezas do novo Dépor encaixarán. Se as cousas non se fan ben, entón volveremos a agarrarnos á segunda parte de “Con saias e ó tolo”, pero iso si, en Primeira División.

Comentarios