Opinión

O Dépor repítese como o allo

A historia desta temporada repítese constantemente e xa aburre. E agora si, parece conducir ó fracaso. O Deportivo é un equipo impotente. Irresoluble. Incapaz. Vulnerable. 

Agora ben. É cousa de adestrador ou é cousa de cadro de xogadores? Ou unha combinación de ambas? Nas últimas temporadas o cadro de xogadores foi similar. Pasaron Oltra, Domingos Paciencia,  Fernando Vázquez, Víctor Fernández, Víctor Sánchez del Amo e agora Gaizka Garitano. Foise mellorando lixeiramente os planteis, pero os resultados son todos iguais: un equipo que sofre, un equipo que non controla o marcador, un equipo que ten que saír sempre á remontada. Un equipo que non é capaz nunca de dominar con claridade ós seus rivais.

Á saída do partido de Riazor, un afeccionado dirixiuse a min e díxome: «non defendades a mediocridade». Estamos entón dando por suposto que o cadro de futbolistas é mediocre? É o adestrador do equipo herculino mediocre? 

Un afeccionado dirixiuse a min e díxome: «non defendades a mediocridade». Estamos entón dando por suposto que o cadro de futbolistas é mediocre?

O que teñen en común ambos (xogadores e técnico), sen discusión, é pobreza de resultados. E iso está en conexión con Víctor Sánchez del Amo, Víctor Fernández, Oltra e Paciencia, Fernando Vázquez. Son todos eles uns mediocres? No caso de Víctor Fernández polo menos pódese dicir que como adestrador foi campión dunha Recopa de Europa e da Copa do Rei; ademais, unha Intertoto, unha Intercontinental e unha Supercopa de Portugal. Os outros adestradores citados, todos, son recén incorporados á profesión de adestrador, sen curriculum, e todos con pobrísimos resultados que os acabaron despedindo ós poucos meses dos seus equipos, incluído o club branco e azul. Fernando Vázquez do resto deles si ten curriculum. 

O Deportivo, sabemos, e se non temos que darnos conta delo, está feito cun dos orzamentos máis curtos da Liga. Na temporada 2014/2015 foi o quinto equipo con menos salarios dispoñibles para o seu cadro de futbolistas. Na 2015/2016, foi o segundo máis pobre, só superaba o Spórting de Xixón. Neste 2017, volve ser o quinto máis curto superando UD As Palmas, Eibar, Sporting de Xixón e Osasuna. E a Unión Deportiva e o Eibar están moi por riba do Deportivo, agora mesmo, na clasificación. Xa que logo, quedan por baixo, Sporting e Osasuna. Ollo con iso! 

Imos ´q análise do partido ante o Alavés. A Garitano funcionoulle o seu plan A durante case 50 minutos, con algún baixón dentro deses minutos. O xogador máis inspirado na creación foi Kakuta. O francés desbordou, tivo explosividade, condución, penetración e tiro. Case marca un gol. A mellor ocasión fóiselle á cruceta. Á segunda metade chegou fundido, convertíndose nun xogador inservible. E aí é cando veñen os problemas para o técnico. O seu plan B, ou C, non resulta eficaz. Incluso complica o cadro. Rompe a construción, a conexión entre a zona defensiva e a ofensiva. Líase coa colocación dos futbolistas. Unha vez realizados os tres trocos, o discurso futbolístico careceu de sentido. Que pintaba Çolak no medio centro levando o peso organizativo do equipo? Çolak!!!!! O turco ten que estar na mediapunta buscando Andone ou Joselu. O Deportivo non pode demostrar que está desesperado. A vulnerabilidade que presenta hoxe é a de mañá tamén. Se non se atopa unha fórmula coherente o mostrado ante o Alavés xogando en Riazor é moi perigoso porque descobre os puntos débiles do equipo: principalmente a impotencia e a escasa efectividade. 

Os trocos deben realizarse para sumar, para cambiar aspectos que melloren o que hai. Esa sensación apenas se viu nunca na temporada. Aí é onde está un adestrador que debe ser decisivo na toma de decisións. Outra cousa é se o que ten no banco de recambios suple as carencias que ten no campo verdaderamente. Esta premisa podería funcionar se Garitano usase todo o seu potencial. Pero hai xogadores inéditos, como Álex Bergantiños, un multixogador, un futbolista polivalente, ó que non lle presta atención e ao que se nega a sacarlle proveito. Un gravísimo erro pola súa parte.

Da fotografía do Alavés hai moitos aspectos preocupantes. Agora si. Por que? Que fixo Andone? O rumano estivo perdido todo o encontro, descolocado, sen recibir un balón para definir. Que aportou Joselu? Ao de Silleda saíulle un tiro que tiña que ir á porta e foi desviadísimo pola banda dereita! Por que a teima con Bruno Gama? E, sobre todo, que lle pasa a Albentosa? Como é posible que provoque un estúpido penalti? E xa van dous penaltis estúpidos! En pleno mercado de inverno nesta fiestra de opinión que me permite Sermos dixen que o Deportivo necesitaba un central máis, mellor que os que hai, claro. Agora se ve o porque. Xa se vía. Era visto!

Como é posible que Albentosa provoque un estúpido penalti? E xa van dous penaltis estúpidos!

Pero non é todo un asunto de adestrador. O equipo está por terceira vez de pretemporada. A primeira foi a do verán. Todo o mundo o sabía -era un clamor-, a dirección deportiva, principalmente, que Lucas Pérez ía marchar. E esperouse ata que se marchou para buscar o seu suplente. Chega a lesión de Joselu no primeiro partido que xoga. Urxentemente tráese un futbolista: Ryan Babel. Ven descompensado, gordo, fóra de forma. E hai que esperar dous meses ata que se pón a ton. Chega o mes de decembro e Babel, xa recuperado para competir como profesional e non como se fose un afeccionado, que foi como veu, convértese nun futbolista imprescindible, como Lucas Pérez a temporada pasada para Víctor Sánchez del Amo. Non foi espellismo. Foi ter un futbolista realmente diferente, capaz de solucionar. E chega o mercado de inverno e o holandés foxe mercenariamente. Hai que buscar un novo suplente. O suplente do suplente. Por terceira vez chega outro futbolista ó que hai que poñer en forma. Posiblemente, a súa posta en forma non sexa tan esaxerada como a de Babel, pero Kakuta está en pretemporada. E cando se esgota, esmorece o Deportivo. Por que? Porque ten verticalidade, perigo, oportunidade, talento, intelixencia, desborde, conexión.  

Xa que logo, non é certo que se deseñara ben a plantilla esta temporada. Nego a maior. E plantéxanse obxectivos irreais cando se apunta a que con este cadro de futbolistas se pode aspirar a moito máis. Non é certo. O Dépor pelexa pola posición que ten que pelexar, a que lle corresponde, unha vez máis: a permanencia en Primera División. E acabará sufrindo. Xa veremos se esa pelexa será ata a última xornada.

Neste punto, co equipo, agora si, con mostras de impotencia resolutiva, xogando ben por fases, e sen descompoñerse nunca en todo o ano -esa é a principal virtude do equipo de Garitano-, cabe pensar se os futbolistas precisan un cambio de mentalidade. Aire fresco no vestiario. Todo apunta a que si. E que non ha tardar en vir. Gaizka Garitano entrou xa en fase de desconto. Riazor baixou o polgar. Ditou sentencia. Pode durar unha semana máis ata ver o que sucede co Leganés. Pode ser. Pero logo vén unha montaña rusa: domingo-mércores-domingo-mércores-domingo. É necesario correr ese risco se a idea de cambiar está prácticamente tomada?

Gaizka Garitano entrou xa en fase de desconto. Riazor baixou o polgar. Ditou sentencia. Pode durar unha semana máis ata ver o que sucede co Leganés

Garitano é un home tranquilo. Traballador. Moi traballador. Premia cada xornada ós futbolistas que máis se esforzan durante a semana nos adestramentos -de aí a teima con Bruno Gama-. É un home respectado no vestiario. Manexou as crises de egos con solvencia e fíxose coas rendas do grupo por ser ecuánime con case todos -a excepción de Álex-. Pero todo iso non é suficiente. Os resultados non favorecen a súa posición. Son malos. Rotundamente malos. E son a súa condena. Triste condena porque probablemente vai ter que marchar sen recompensa ó traballo invisible que fai. E o que se ve é deprimente: Só catro vitorias en 22 partidos. Según os datos que publica Pedro Martín, a través de @pedritonumeros, Gaizka Garitano só gañou 9 dos seus 56 últimos partidos (20 co Éibar, 10 partidos co Valladolid e 26 co Deportivo). Neses 56 encontros empatou 15 e perdeu 32, case o 60% dos partidos. 

Está claro que estes números son unha lousa insalvable. Cos números á vista, non hai por onde defender este tipo de traxectorias.

Agora ben. Cando se produza o cambio de técnico xurdirá de novo a pregunta inicial. E cousa de técnico ou de cadro de futbolistas?

O normal é que o equipo salve a categoría. Pero a que prezo!  


Tope salarial da temporada 2014/15 dos equipos de «LaLiga».  Gastaron en salarios un total de 1.284,7 millones de euros, repartidos así:

1- FC Barcelona: 347,9 millones de euros
2- Real Madrid: 328
3- Atlético de Madrid: 105
4- Sevilla: 78,6
5- Valencia: 73
6- Athlétic: 49,9
7- Vilarreal: 44,2
8- Real Sociedade: 38,9
9- Español: 32,2
10- Málaga: 27,5
11- Granada: 22,8
12- Celta: 18,7
13- Xetafe: 18,7
14- Levante: 17
15- Raio: 15,8
16- Deportivo: 15,3
17- Córdoba: 14,2
18- Eibar: 12,8
19- Elxe: 12,5
20- Almería: 11,7

O tope salarial da Primeira División na temporada 2015/2016 en millóns de euros:

1- Real Madrid: 431,32
2- FC Barcelona: 421,68
3- Atlético de Madrid: 159,59
4- Valencia: 122,84
5- Sevilla FC: 105,03
6- Vilarreal: 61,5
7- Real Sociedade: 56,57
8- Athlétic Club: 53,69
9- Betis: 39,16
10- Español: 30,57
11- Málaga: 28,7
12- Levante 25,94
13- Granada: 25,26
14- Celta: 22,56
15- Raio: 20,87
16- Xetafe: 20,65
17- Eibar: 19,11
18- UD As Palmas: 18,45
19- Deportivo: 17,8
20- Sporting de Xixón: 14,6


Así queda o tope salarial de «LaLiga 2016/17» coas cifras en millóns de euros, aproximadamente: 

1- Real Madrid: 419,3
2- FC Barcelona: 390,7
3- Atlético de Madrid: 182,8
4- Valencia: 129,7
5- Sevilla FC: 123,8
6- Vilarreal: 76,9
7- Athlétic Club: 61,4
8- Real Sociedade: 56,7
9- Español: 47,4
10- Betis: 44,6
11- Málaga: 43,1
12- Celta: 39,3
13- Granada: 31,9
14- Leganés: 30,2
15- Alavés: 28,6
16- Deportivo: 24,7
17- UD As Palmas: 24,6
18- SD Eibar: 23,5
19- Sporting de Xixón: 21,3
20- CA Osasuna: 15,6

Comentarios