Tres vitorias fóra da casa en catro partidos. As Palmas, Sabadell e Alacante. Por só unha vitoria na casa, co Alcorcón. Á vista das estatísticas semella que ao Dépor se lle dá mellor xogar lonxe de Riazor. Pero non só estatísticamente. Vendo o equipo de Vázquez tácticamente parece que xoga máis e mellor lonxe da Coruña. Unha propiedade nada común nos últimos tempos. Xa que sempre construíu toda a súa forza en campo propio.
O normal é que esta doce e harmónica vivencia co triunfo alén de Galicia non durará sostidamente no tempo. Xa que logo, será bo pensar que o Depor debe reconciliar canto antes o seu compromiso coa bancada, desexoso de ver que o seu equipo ten personalidade e capacidade para resolver os encontros ao seu favor. O público acode ao estadio coruñés para observar ao vivo que os branco e azuis son capaces de ter a mesma efectividade que ve cada dúas semanas a través do plasma, como lle acontece ós xornalistas da actualidade política cando devecen ver e preguntar a Mariano Rajoy.
Borja, mellor fóra de Riazor
E non é só cuestión de táctica. Tamén é algo que se observa a nivel individual. O exemplo máis claro é o caso de Borja Bastón porque multiplica a súa efectividade fóra de Riazor e o seu potencial gaña moitos enteiros: ofrécese máis no ataque, encara máis a porta, proba sorte desde máis posicións e dispara a gol con maior acerto. É curioso ver o comportamento deste equipo a centos de quilómetros da Coruña. Dá a sensación de maior dominio da situación en campo alleo.
Comeza a verse que Vázquez colleu o pulso deste cadro de xogadores feito na urxencia
Aleda ver que Juan Domínguez e Insua manteñen unha regularidade magnífica e que Wilk vai de menos a máis. Pouco a pouco as pezas van encaixando e ten moito mérito, aínda que na montaña rusa da Segunda non serve ningún tipo de confianzas. Pode pasar e han pasar moitas cousas. Ollo coas confianzas.
Outro dato moi positivo é que comeza a verse que Vázquez colleu o pulso deste cadro de xogadores feito na urxencia. Tácticamente máis correcto, minimizando os erros e imprecisións, que aínda ten, e realizando os trocos en momentos clave para apuntalar unha valerosa vitoria.
Por certo, quen lle ía dicir ao malogrado Antonio “o xitano”, aquel entrañable e traballador masaxista do Super Dépor, que coa camiseta amarela o seu equipo ía celebrar máis vitorias deportivistas que coa branca e azul!