Opinión

Dépor: permanencia en tres pasos

O Dépor perdeu moito tempo este ano. Tirou demasiadas oportunidades. Especulou en exceso. Acostumouse a vivir no arame.

O Dépor perdeu moito tempo este ano. Tirou demasiadas oportunidades. Especulou en exceso. Acostumouse a vivir no arame. Sobreviviu demasiado tempo gracias ós agasallos dos rivais. Faltoulle sentir o descenso nas pernas. Entregouse a pequenos arreóns para xustificar que competía. Pero todo iso resultou moi insuficiente. En 35 xornadas faltaron sempre tres elementos elementais para revalidar a permanencia: acerto, sentido común e intensidade. 

Intensidade. Esa palabra tan repetida, por fin apareceu. Tarde? Xa veremos. Probablemente, si. Pero queda unha reserva que alenta a esperanza. Ante o Vilarreal o cadro de Víctor Sanchez del Amo atopou esa garra que deixou tantas e tantas veces na caseta. Desperdiciou o recurso, a estratexia, a única a que se pode aferrar un cadro ó que lle falta moita calidade.  

Por que foi tan difícil asimilar unha palabra tan sinxela? Intensidade. Contundencia. Garra. Forza. Presión. Chamalle xi. Por que houbo que esperar a sentir o alento da ameaza para demostrar o que todos supoñíamos? Porque… a intensidade, esa que se pediu ata a extenuación, a hai, como se viu na noite do sábado. Así é como o Elxe nun pulso dunha semana deu un chimpo cara a reválida. Así é como o Granada o está a conseguir por debaixo do Dépor. Así é como o Almería ameaza con deixar colgados aos branco e azuis.  

Sentido común. Outra das cuestións tan comentadas esta temporada nesta columna. Sentido común no terreno de xogo, pero sobre todo sentido común tamén nas decisións previas ao xogo. Deixar na bancada ou na suplencia ós veterans, probar cando non hai tempo para probar, xogar ás presas cando máis cabeza hai que poñer, pensar cando máis acerto se precisa. No fútbol o sentido común é un escudo de protección necesario. 

Dúas finais, a morte. Onde a intensidade ten que ser extenuante. Total. O sentido común, presente en todos os minutos do partido. E o acerto, máximo

Acerto. Demasiadas ocasións fallidas. A falta de gol é unha lousa pesada. Unha asignatura pendente. Un recurso demasiado escaso que se converte nunha condea.

O empate ante o Vilarreal non lle chega ao Dépor para case nada, pero aínda non está todo perdido. Iso sí, a esixencia vai ser máxima nas dúas próximas citas: en Bilbao e en Riazor, co Athletic e co Levante, respectivamente. Dúas finais, a morte. Onde a intensidade ten que ser extenuante. Total. O sentido común, presente en todos os minutos do partido. E o acerto, máximo.   

Na única xogada na que faltou esa presión abafante, os herculinos pagáronno caro, porque encaixaron un gol que como nos últimos cinco partidos os obrigou a xogar contra o marcador. 

Conclusión: a salvación está cara, pero salvarse é barato. Cara para o que non poña intensidade, sentido común e acerto, porque facer han facer falta poucos puntiños. Menos, que nos últimos anos.

Este Dépor bisoño, que pensou que era superior a outros rivais, aprendeu na recta final que conservar a categoría precisa de experiencia, evitar experimentos, cumprir con obxectivos moi básicos, asegurar mínimos con cabeza e non deixarse levar polo corazón.    

E que ten que facer arestora o equipo para salvarse? 

En primeiro lugar. Sentido común. Deixar o equipo en mans dos veterans. Dos que dan a cara. Dos que son un exemplo: Manuel Pablo e Laure son arestora imprescindibles xunto a Sidnei e Lopo. Atar o centro do campo para que non pase apuros. Borges e Álex teñen que ser fixos porque son un pulmón e centrocampistas incansables. José Rodríguez, colocado no seu posto, non en banda, sería unha axuda. Fóra inventos e experimentos. Ou xogar con interiores dos de verdade: Luisinho, Juanfran, Salomão ou Hélder Costa. Nin Lucas, nin José Rodríguez, nin Juan Domínguez, aos que non se lles perde nada polas bandas. Ese foi un dos grandes problemas da temporada: poñer os futbolistas onde non poden aportar nada positivo. Poñer a Lucas ou a Juan Domínguez como interiores lonxe do gol é sacrificar ó equipo. En mediapunta cerca dos arietes é onde son perigosos. Oriol ou Toché, claramente, son xogadores para rematar a gol.

En segundo lugar, se hai xogadas a balón parado, aproveitalas. Nada de experimentos. Que cada oportunidade sexa iso, unha ocasión para ser rematada. 

A salvación pasa por gañar dous partidos. Para asegurar a permanencia non cabe outra combinación. Moitos non se fían

Terceiro. A estas alturas só se pode pedir entrega máxima, esixencia, contundencia, concentración, definición, moita cabeza fría e tranquilidade. E nada de inventos. O exemplo está na retina: co Eibar, Valencia ou Athletic de Bilbao. O deste sábado, un paso se hai vitoria.

A salvación pasa por gañar dous partidos. Para asegurar a permanencia non cabe outra combinación. Moitos non se fían. Moitos entregaron xa a toalla na bancada. Moitos son pesimistas. O importante é que esa confianza non se perda no vestiario, Demostrar xa demostraron que son capaces. Se queren, poden.

Vai poñer o Dépor intensidade, sentido e acerto en Bilbao? Son quen de repetilo? Asumen o compromiso? Queren realmente salvarse do descenso? Asinan os xogadores este reto? Recóllense sinaturas desde xa. Quedan dous telediarios… e a folla está en branco. 

A recollida espera xa ás portas de San Mamés. En xogo, a ilusión dunha cidade de Primeira. Que non a decepcionen.   

Comentarios