Opinión

Dépor: non caian na trampa dos estafadores

Poucas veces estiven tan de acordo con Víctor Fernández desque chegou A Coruña, pero onte suscribo cen por cen ás súas palabras

Poucas veces estiven tan de acordo con Víctor Fernández desque chegou A Coruña, pero onte suscribo cen por cen ás súas palabras. Quizáis sexa o máis lúcido que lle vai aportar ó equipo coruñés. Luz para un escuro tunel. Moi escuro e do que debe saír con intelixencia e con moito tino. E ten que ser coa unión, coa forza, a integración de todos os que senten algo polo deportivismo.

O ambiente turbio non permite facer unha análise clara sobre o fútbol. Imposible. E ademáis non serve de nada. A morea de problemas que se xuntaron e mesturaron na cocteleira é de tal calibre que, se non se corrixe o rumbo, acabará esnafrando a nave herculina contra as rochas da Torre de Hércules e contaminándoo todo, como fixo o Mar Exeo hai 22 anos.

Malia todo farei un esforzo por facer unha pequena foto fixa do partido. Gustoume o Dépor. Conta cun Fabricio seguro, unha fortaleza na porta, malia o erro deste sábado e que propiciou o gol que trouxo a derrota. Foi mala sorte e non se repetirá, seguro. A zaga constatou que está algo máis segura en tarefas defensivas, aínda que lle falta axustar o traballo dos laterais que están mellor cando se incorporan ó ataque e frouxos na retagarda. Na zona ofensiva o Dépor constrúe con máis talento, pero ten que afinar no ariete. Postiga non está, neste momento, para ser titular. É un xogador co que hai que traballar para que recobre a confianza que o levou un día a ser internacional. Se algo quedou claro tamén é que Medunjanin e Juan Domínguez non son compatibles, polo menos, con Víctor Fernández dirixindo este equipo. Cando xogan por separado o equipo medra. Nin Medunjanin está mal, nin Juan Domínguez descentrado e descolocado. En calquera caso, os dous aínda teñen que aportar moito máis.

Independentemente das carencias manifestadas e algunhas delas analizadas nesta columna en diferentes semanas, o equipo nota o ambiente a corno queimado

Dito iso, o equipo, mellor na segunda metade, moito mellor, pero retomando síntomas preocupantes. Independemente das carencias manifestadas e algunhas delas analizadas nesta columna en diferentes semanas, o equipo nota o ambiente a corno queimado. E iso axuda a que o equipo estea sen confianza, feble, sin creto e sen credo. Se lle falta a calor da bancada o equipo e o club acabarán na bancarrota. O Dépor necesita saír desta. Ten que ser unha saída do túnel firme, forte, unida. E se non a destrucción vai ser segura. O Dépor precisa o control da nave urxente. Iso inclúe o aspecto técnico. Alguén que transmita confianza ó grupo de xogadores e unha nova dirección da bancada ó campo.

Iso inclúe esquecerse do pasado. O rexurdimento só pode pasar por construír futuro sen mirar polo espello retrovisor. O único que serve do pasado é a vitrina de trofeos que lembra a quen queira ver que este club é moi grande. Non fixen a mirada nos arquitectos. Fixen a mirada nos froitos. Os que fixeron que a entidade branco e azul chegase ata aquí. Vivo e sendo un dos clubes máis grandes da Liga española, por títulos acumulados, incluidos os que recoñecen ós afeccionados herculinos como a mellor do panorama español por dúas veces. Poucos poden contar con esa medalla e esa honra repetida por méritos propios.

Desexar o pasado é activar o botón da autodestrucción segura e definitiva. Activar o pasado xerencial non ten sentido e é perigoso. Só cabe mirar á fronte, ó futuro. Unha empresa complicada, dura, esixente e para a que fan falta moitos remos e brazos vigorosos que os movan. Iso inclúe a afección, a directiva actual que asumiu o reto e o cadro de xogadores e o seu adestrador, con Víctor Fernández ou o seu substituto, se ten que chegar.

Non se deixen manipular. Non caian na trampa. Queren dividir o deportivismo. Estamos naquel punto que hai 25 anos se chamou Dépor camiña ou rebenta, cos seus matices novos, propios deste andazo que vivimos no século XXI. É hora de coller unha correa de transmisión nova.

Desta encrucillada só pode saírse cunha soa voz. Coidado. Refreguen os ollos. Aclaren a vista. Desde Madrid móvense todo tipo de intereses buscando chivos expiatorios. Interésalles máis poñer o foco na Coruña. Non busquen os culpables do tsunami interesado en Galicia.

A afección é o último que pode descompoñerse. Sen afección non hai club, nin hai equipo.  

A afección é o último que pode descompoñerse. Sen afección non hai club, nin hai equipo. Esquezan o palco cando se trate de asuntos extradeportivos. Esixan ó palco cando se trate da marcha ou sobre a confección do equipo, como sempre fixeron. Deporte e política son como auga e aceite. E neste momento, hai unha batalla política, allea ós térreos de xogo. Un candidato pode quedar en fóra de xogo e unha carreira política escachada por descoidar o seu traballo. A alcaldía de Madrid ten un candidato menos, previsiblemente. Pretenden poñer cortinas de fume, contaminar o ambiente. Identifiquen o inimigo. Na Coruña non está. 

O fútbol é un deporte. Non o esquezamos. No deporte só se pode gañar ou perder. No fútbol pódese gañar, perder ou empatar. No terreo da violencia todos perden, ninguen gaña. Non caian no xogo. Coidado cos estafadores. E sobre todo, recobren a ilusión aínda que as sombras fagan crer que lles espera unha Longa Noite de Pedra. Coa unión virán Follas Novas. 

Comentarios