Opinión

Dépor: “Mallado” por Undiano

O que pasou en Los Cármenes foi un roubo. Un atraco. Así de claro. Unha arbitraxe escandalosa. Undiano Mallenco desmontou o partido en dúas xogadas. Esta temporada os erros arbitrais están sendo significativos contra o Deportivo porque están costando, claramente, puntos. Goles anulados e erros que provocan goles en contra. Undiano só merece un lugar na Liga: o curruncho de pensar onde arrefriar as ideas nunha neveira tipo combi, para que o poidan acompañar os seus linieres, un por exceso e o outro por corto de vista. Os dous erros do colexiado en Granada son moi significativos: anular un gol, o segundo do Dépor anotado por Babel, por un fóra de xogo que non existiu por tres metros non se pode pasar por alto. Un erro gravísimo. A seguir, o trencilla sinalou un saque desde o curruncho, que de estar atento, o liña incluido, o gol do empate non tería chegado porque a xogada rematara a favor dos branco e azuis.

Agora ben, o colexiado e as malas arbitraxes non son o único problema do Deportivo de Garitano. O Dépor sacou un punto que noutras circunstancias poderia considerarse meritorio. Pero non, colleitou un punto ante o colista de Primeira que ten moi mala pinta, pouca saúde, polo menos ata que chegue o Nadal momento en que se abre o mercado invernal e quen sabe se a chequeira chinesa combinan unha solución. O empate ante o Granada non chega, non sabe, non serve nas actuais circunstancias.

Undiano só merece un lugar na Liga: o curruncho de pensar onde arrefriar as ideas nunha neveira tipo combi

Os dous equipos renunciaron a máis de sesenta minutos de partido. Unha fraude para os que investiron tempo na estrada e nas entradas. Velo por televisión, aínda que aforraron 1.000 quilómetros de ida e outro mil de volta, foi tan pesado como as horas de autobús para ir e volver. É grave que esta Liga presuma de ser a mellor do mundo para logo programar semellante calote.

O Dépor esqueceu o partido co Valencia. Duroulle un día o fútbol de combate, de proposta ofensiva. En Granada o equipo de Garitano engurrouse, case tanto como o equipo de Lucas Alcaraz. Los Cármenes cheirou o medo, pero, que medo? Se aínda lles quedan 27 partidos de Liga! O caso e que o Dépor esqueceu rápido case todo o bo que demostrara tan só seis días antes. Por suposto, o Granada non estivo moito mellor.

O positivo foi que Andone viu porta. Tras dez xornadas e un cacho da undécima, o romanés marcou un tanto que só salva os mobles. Pero as dúbidas seguen ante a inoperancia dos atacantes para anotar goles.

Comentarios