Opinión

O Dépor madura convivir co sistema de tres centrais

Aínda non teño claro se o Dépor quixo definir o seu novo modelo de traballo desta temporada

Aínda non teño claro se o Dépor quixo definir o seu novo modelo de traballo desta temporada. Pero semella que se confirma que Fernando Vázquez aposta para o último terzo de competición por unha defensa de tres centrais, con dous laterais, que conforman unha zaga de cinco homes. A partir de aí constrúese un equipo que conecta con dous homes polo centro e dous interiores por ambas bandas cunha única referencia en punta.

Choven críticas por este modelo. Pero… non nos poñamos exquisitos. E sobre todo, fagamos memoria. Con defensa de 5 fíxose o SuperDépor de Arsenio Iglesias, que namorou a toda a Coruña. E lembren que daquela Arsenio era asubiado e criticado, pero con ese sistema case gaña unha Liga e levou ó saco unha Copa. Xogar con 5 atrás non significa que o Deportivo sexa ultraconservador, aínda que se manifeste de partida que rexeite un plantexamento máis ofensivo. Eso sí, pódese aceptar o debate de que guste máis ou menos. E semella que o público coruñés non se aliña con esta hipótese de traballo, como tampouco, insisto, se fixo na era Arsenio… ó principio daqueles tempos.

Tamén parece que o resultado, un empate a cero na casa contra un filial, se considera un resultado menor. Quizáis haxa que pensar que os nervios xa están repartidos pola bancada deportivista, e boa parte da culpa a teñen resultados como o do Mirandés, ou o anterior de Riazor, que malia gañar no último minuto ó Hércules, deixou un poso negativo. Porque non se pode deixar de lado que o prioritario para a supervivencia deste equipo é ascender. Iso sábeo a bancada, o consello de administración e todo aquel que siga a actualidade do cadro branco e azul. A xente bota contas e, por riba como non lle gusta o que ve, a polémica está servida.

Só falta que esta aposta de tres centrais, se prosegue como parece, aínda que teña críticas e non sexa compartida polo público, se consolide con resultados e demostrando que existe un modelo.

Pero aínda que pareza que nado contra corrente ou que me desdigo dos últimos dous comentarios asinados en Sermos, o Dépor esta sábado tiña un plan contra o Barça B. Sabía que estratexia quería seguir e cumpriu co debuxo táctico que se lle pediu ó equipo. Os de Vázquez deixaron o coiro para o rival, malia xogar na casa, e tentou pararlle os pes na saída de balón dos culés. O Dépor preocupouse, malia xogar con cinco homes atrás, de presionar ó Barça B no seu propio campo, taponando a entrada do seu rival. Asumiu grandes riscos porque calquera erro podía facilitar un contragolpe mortífero do equipo catalán con homes moi rápidos arriba. E o plan saíu adiante. Tapou ó Barça B e resolveu as xogadas complicadas, ás veces con apuros, pero logrou que a porta deportivista se mantivese a cero.    

Doutro lado, en ataque o Dépor logrou crear máis perigo. Chegou á porta rival. Tirou á meta. Serviu xogadas francas a Toché. Viuse máis potencial, con falta de sorte, ou centímetros, para converter, polo menos, unha xogada.

Tampouco foi un partido para enmarcar, pero si penso que mellorou. Individualmente, houbo detalles moi positivos. Toché confirmase como o novo dianteiro indiscutible do equipo. A actitude do punta herculina é para aplaudir. Moi metido no partido. Non se rende nunca. Entrégase en cada xogada. Agradecido co público. Xeneroso co compañeiro que o substitúe e agradecido co técnico. Nótase que Toché veu a comprometerse co Deportivo e a axudar. Mellorou o traballo de Rabello. Moi participativo. Máis acertado. Moveuse con rapidez e buscou asociarse con Toché. Semella que queren entenderse. E Sissoko fixo esquecer aos que se burlaban del o día da súa estrea. Vai haber un antes e un despois do costamarfileño despois do encontro deste sábado. Ten clase co balón, toca con sentido, devolve rápido cada combinación, mide ben os pases, centra con máis acerto e é xeneroso.

Comparativa de resultados

Só falta que esta aposta de tres centrais, se prosegue como parece, aínda que teña críticas e non sexa compartida polo público, se consolide con resultados e demostrando que existe un modelo. Un modelo que os futbolistas entendan, que o compartan, e que o desenvolvan con eficacia e resultados máis positivos.

Iso si. A comparativa de resultados que veño facendo semana a semana entrou en barrena. Nos primeiros nove partidos, o Dépor sumou 16 puntos gracias a unha vitoria no Mini Estadi. Nos mesmos partidos, agora o equipo de Vázquez suma 14 puntos, dous menos.

Como Recre e Spórting perderon, o equipo coruñés pode falar de semana proveitosa. Pero ollo que na vindeira semana viaxan a Zaragoza. Xa veremos se os maños seguen co mesmo adestrador. Será seguro unha semana revolta. En Riazor, só puido empatar.

Comentarios