Opinión

O Dépor “lidera” a proba de wáter-polo

O partido en Riazor co Osasuna foi o encontro máis feo que xogou o Dépor na casa esta temporada. O peor partido. Pero gañou. E foi o máis feo porque Riazor foi unha auténtica piscina. Mais que xogar ao fútbol alí xogouse ao wáter-polo. Hai anos que non se ve un encontro así en Riazor, un dos mellores campos de España para a práctica do fútbol polas súas extraordinarias condicións para filtrar a choiva. Pero foi tal a manta de auga caída que o campo parecía unha auténtica charqueira. Nesas o Dépor tivo que adaptarse ante un equipo ao que non lle vai mal o de manexarse entre charcos.

E o partido foi tan de wáter-polo, que Clerc nadou pola área pamplonica arrapañando un balón co brazo, ben estiradiño. Ao árbitro pareceulle totalmente normal. Un escandaloso penalti non pitado na primeira metade. E máis escandaloso aínda que a televisión pasase desa xogada tan inaudita, por grave. A polémica, por non saír non sae nin na repetición das mellores xogadas do encontro que realiza a Liga 123. Xa verían como se fose o Madrid ou o Barça iso non pasaba. Sairían imaxes cenitais, con drons, programas especializados e inclusive desde a perspectiva da permanente de Sergio Ramos. Unha proba máis de que se o que pasa nos equipos galegos non o contamos nós, quen o vai contar? Aí está o papel fundamental do En Xogo da TVG e de cómo se debe coidar e mimar por parte dos clubs de fútbol galegos este gran programa de televisión, que resiste con moi bo facer profesional malia ter minguado os numerosos e valiosos profesionais cos que contaba. En todo caso, inaceptable erro arbitral na categoría de prata. E xa son moitos acumulados, prexudicando o Dépor, aínda que nalgúns casos non trascendan aos resultados ou á clasificación. Non hai partido non que pase algo difícil de dixerir desde o punto de vista arbitral. Este ano constátase o baixísimo nivel dalgunhas arbitraxes, algo realmente preocupante e perigoso, sobre todo cando a costa da competición comece a empinarse. O VAR é urxente e necesario nunha categoría profesional como a Segunda División. 

Non hai partido no que non pase algo difícil de dixerir desde o punto de vista arbitral

 

Xa que logo, o Dépor tivo que acomodarse á auga e ao colexiado. O rombo de Natxo sufriu porque o balón non circulaba a gusto. Era imposible. Entre as augas, emerxeu un fantástico Fede Cartabia, que a falta de aletas, tratou de conducir o balón o mellor que puido todo o partido. E foi o factor diferencial do mesmo, por calidade e por ser finalmente o elemento desequilibrante. Foi como un desatascador na poboada área vermella. O arxentino, pouco acostumado a surfear co balón nos pés, foi o catalizador de todo o xogo de ataque do seu equipo. Por el veu o pase letal do primeiro gol, cando todo parecía que os xogadores acabarían indo ao vestiario no tempo de lecer con táboas no marcador. Cartabia volveu ao once e disputou os 93 minutos. A reivindicación autoproclamada a semana pasada cundiulle.

O Dépor consumiu no primeiro tempo a parte boa que soe realizar. Na segunda metade, baixou. Só puido controlar que o partido non se lle fose das mans. Ata que explotou o recurso do balón parado. Outra vez, un saque de esquina foi clave para darlle a definitiva calma ao encontro, aínda que Dani Giménez saíu co susto no corpo antes do remate do encontro ao ter que empregarse a fondo cunha espectacular dobre ocasión a prol de Osasuna. Resolveu ambas as dúas con sobresaínte. Pablo Marí asinou o segundo tanto do Dépor, de cabeza. O valor dos centrais, tanto de Duarte como Marí, incrementou notablemente a respecto da temporada pasada. Aportan goles que confirman puntos para o equipo e son seguros e rigorosos na parcela defensiva. 

E con este resultado o equipo de Natxo González logrou esta fin de semana durmir como líder e conservar os postos de ascenso na tarde dominical. Agora empeza a outra Liga para o Dépor, a de verdade. Conseguir os resultados para non perder esos postos ata que remate a competición. 

Comentarios