Opinión

Dépor: días de viño e rosas


Cando as cousas van ben nada se toca. Quen o diría! Hai un ano, botando a ollada cara atrás semellaba que ós deportivistas se lles abría o chan baixo os pés. Si, porque hai só un ano, o equipo estaba xa nunha fonda crise de xogo e de identidade, unha fenda social enorme agravada co asasinato do afeccionado coruñés Jimmy, problemas por todos lados. Salvo os económicos, que daquela xa se endereitaban. Pero que as contas fosen cadrando non servían para calmar os ánimos. 

Porque o fútbol necesita goles. E precisa agarrarse a un estandarte. Sen líder non hai referentes. Os afeccionados queren ter unha identidade, recoñecerse baixo un mesmo sentemento. O fútbol ten fame de triunfos, quere fachenda, ilusión, aínda que só sexa de cando en vez.

Empeñados en construir un proxecto que afondase nas raíces, en riscar no pasado glorioso e buscar no baúl das lembranzas elaborouse unha fórmula que está aportar estabilidade, unión, recoñecemento, ilusión.

Aínda quedan 6 xornadas para chegar ó ecuador do campionato e o Dépor xa ten a metade dos puntos dunha máis que probable salvación matemática tal e como van as cousas

Elixiron un adestrador sen experiencia, como primeiro técnico na Liga, pero con galóns acumulados por triunfos pasados como futbolista branco e azul que facían inspirar, ós seus impulsores, unha fórmula que devolvería a unión e acadaría a identificación do proxecto que se pretendía construír. Acompañaouse a idea de xogadores coruñeses e outros que non sendo galegos tiñan experiencia e veteranía.

Trala milagrosa permanencia en Primeira, Víctor elixiu un líder: Lucas Pérez. Os resultados agora demostran que foi todo un acerto. Pero o mérito é de quen apostou desde o principio por el. O dianteiro aceptou o reto e converteuse nun sinal de identidade indiscutible. E o resto do equipo, como un bloque, moi solidario, segue ó líder.

Aínda quedan 6 xornadas para chegar ó ecuador do campionato e o Dépor xa ten a metade dos puntos dunha máis que probable salvación matemática tal e como van as cousas. Ademáis, quintos na clasificación despois de trece xornadas, lembrando vellos tempos. 

Quen pode dar máis?  

Comentarios