Opinión

Dépor: derrota humillante

Que o Barça ten un equipo superior ao Dépor se dá por descontado. Que a mala xeira do equipo culé non era normal e ía acabar, tamén. Que o tridente é poderoso cando está entoado está constatado. Pero oito? Tiñan que ser oito? Como se recupera un dunha goleada bochornosa? Unha goleada que rexistra o peor resultado do equipo coruñés na casa en 110 anos.  

Ao Dépor pintáronlle a cara. Non se esperaba este desastre. Por que? Porque o equipo viña á Coruña nun mar de dúbidas. Proba delo tamén foron os primeiros minutos do partido. Os de Luis Enrique comezaron con gran lentitude, con certos nervios, doses de inseguridad e coa impresión de que estaban pouco convencidos. Iso animou por un momento o encontro porque Celso Borges nun par de occasions puido dar un susto. Duroulle moi poco tempo, porque co primeiro gol, que chegou tras un saque de esquina, comezouse a desarmar o equipo. Ata o descanso polo menos gardou a compostura. Pero nada máis iniciarse o segundo tempo Luis Suárez desconectou definitivamente o cadro de Víctor. E a medida que foron caendo os goles, o equipo foise descompoñendo máis e máis ata a vergoña total. Cada gol foi un perfecto kit de rescate do Barça, que pechou aliviado unha crise que o afogaba. O caso é que a goleada non abra unha crise no Dépor. A priori, non debería porque Riazor, xeneroso cos seus, perdoou o bochorno. Pero co Xetafe seguro que non se perdoará un traspés por mínimo que sexa.

O caso é que a goleada non abra unha crise no Dépor. A priori, non debería porque Riazor, xeneroso cos seus, perdoou o bochorno

O resultado é desastroso. Perder cun dos candidatos a ser campión da Liga, actual líder para máis datos, cando o equipo que está enfronte é un dos que loita pola permanencia, é un resultado na maioría das veces esperado. Agora ben, saír coa cara tan colorada de Riazor! Da túa propia casa! Iso si que non era imaxinable. E pasou. Inexplicable.

Hai que ser prácticos e o mellor para o equipo é esquecerse deste negativo e gravísimo resultado. A cita en Eibar -ironías do calendario puxeron ó Dépor fronte ó Barça e ó Eibar un detrás do outro- convértese agora en crucial. O Dépor ten que demostrar que é quen de recuperarse deste gran naufraxio. Lembremos que o equipo de Víctor Sánchez del Amo non está salvado e que os resultados dos rivais non foron os mellores tampouco. A vitoria do Sporting coloca ós asturianos, por exemplo, a seis puntos dos branco e azuis. Damos por salvados ós herculinos con 38 puntos, pero a clasificación tamén amosa que o Dépor só conseguiu 7 vitorias en todo o campionato, son os mesmos triunfos que teñen Granada, Levante e Xetafe cun partido menos á hora de redactar este comentario.   

Que ninguen pense que o 0-8 é un agradecemento polo 2-2 do ano pasado en Barcelona

E por certo, que ninguen pense que o 0-8 é un agradecemento polo 2-2 do ano pasado en Barcelona. O escándalo e a humillación son incompatibles coa devolución de favores, por moi grande que este fose. Hai formas e formas. Hai sistemas e orgullo para evitar esta desfeita. Outros modestos da Liga cun Barça, sen a crise destas semanas, saíron da súa casa moito mellor parados e moito menos avergoñados. Incluso nalgún, quen saíu colorado foi o Barça como o día que perdeu 4-1 en Balaídos co Celta. 

Esta derrota fai moito dano cara o futuro inmediato do club. Ó tempo. 

Comentarios