Opinión

Dépor: borrón e conta nova

Rematou un ano complicado para o Dépor. Con partido de «chufla» porque foi case mais un amigable que un partido competido de Liga. Con todo, case sen ganas, máis por parte das Palmas que do Dépor, o equipo de Mel conseguiu unha clara vitoria, a máis clara de Mel, pero non a máis avultada da temporada, xa que a maior goleada conseguiuna o equipo de Garitano ante a Real Sociedade por 5 a 1. Pouco hai que analizar porque, co equipo salvado, o encontro xa non tiña moto máis aliciente. O Spórting de Xixón descendeu finalmente con 31 puntos, polo que ao Dépor acabáronlle sobrando 5 puntos. Riazor incriblemente rematou o ano facendo a onda, vendo mesmo como o equipo subía un posto máis na clasificación grazas ao empate do Leganés.

O que non sobrou, ata a semana pasada, foi agonía. Unha temporada no seu conxunto mala. Deportivamente houbo máis nubarróns negros que grises. O club esperaba unha campaña tranquila, onda o equipo non tivese que pasar apuros. A dirección deportiva facía contas ó inicio do campionato e vaticinaba unha colleita de puntos que rondase os 50, que colocase o equipo polo medio da táboa. Pero nin os resultados acompañaron, nin as arbitraxes, que Tino Fernández chegou a cualificar de «arbitraxes de merda», nin a eficacia dos futbolistas foi a esperada. A saída de Lucas ao Arsenal co campionato empezado, xogadores substitutos fichados fóra de forma, que cando a acadaron, como foi o caso de Babel, marchou, ou o de Kakuta que foi apartado das convocatorias por Mel, por indisciplina, complicaron tamén o ano inexplicablemente. E como os resultados non acompañaban, o club tivo que tomar medidas e botar á rúa o adestrador do proxecto, Gaizka Garitano, para traer un novo de urxencia que resolvese a papeleta.

Para facer balance hai que separar dúas cuestións. A situación económica e deportiva do club e a parte do espectáculo en si. Na primeira parte abonda só con manter a permanencia. É realmente o compromiso que se lle pide aos xogadores. Porque o realmente importante, ata saldar a débeda do club, é conseguir só, ano tras ano, a permanencia. Tan sinxelo e tan complicado á vez. Cada ano en Primeira supón ao club branco e azul 43 millóns de euros, só en dereitos de televisión. Mantendo o equipo na máxima categoría cinco anos máis o club terá remontado o seu gravísimo problema económico e condiciona calquera actuación deportiva. Por riba hai que entender que estar en Primeira este intre ten un peso extra cada máis grande, xa que mentres os rivais van alixeirando a súa mochila de cartos co erario público e outras carteiras privadas, o Dépor aínda sofre unha carga enorme, aumentada, pola sentenza do Tribunal Supremo que sumou 20 millóns de euros máis á carga. Así pois, é imposible extraer a situación económica do club da deportiva. A afección ten moi claro iso, polo menos, a maior parte. O que non pode entender é a segunda parte. O compromiso e o esforzo dos futbolistas. Sexan os que sexan hai actitudes vistas durante o ano sobre o terreo de xogo que non poden repetirse.

Cada ano en Primeira supón ao club branco e azul 43 millóns de euros, só en dereitos de televisión

Sabendo que o peso da carga económica é aínda excesivo e que condiciona o deseño dos proxectos deportivos, a cuestión do espectáculo é mellorable e non se pode descoidar de cara o futuro. Se o nivel do cadro de xogadores era o que supoñía a dirección técnica do club debía esperarse outro nivel de fútbol. En todo caso, de calquera cadro de futbolistas que compita en Primeira División espérase outro nivel de competencia e otro tipo de comportamento, na que non haxa dúbidas sobre a entrega de cada un dos xogadores, e, sobre todo, onde non se admita ningún tipo de desplante á bancada e aos seareiros por parte dos seus futbolistas. Cuestión que deben ser reprobadas e cortadas de inmediato. E esixir en caso de cometer un erro deste tipo a petición de excusas. Para iso, para que non volva pasar, o Dépor precisa capitáns que manden, xogadores con peso no vestiario, futbolistas que saiban cal é o peso da camiseta que visten, e, desde logo, que esixan ser respectuosos coas decisións técnicas e cos seus seareiros. 

Pensando na próxima temporada, e sabendo xa que Mel será o adestrador, hai que esperar que se corrixan todos os defectos que levaron ao equipo a vivir unha nova situación agónica, a terceira consecutiva, e que no caso da temporada que nos ocupa foi superada porque Osasuna, Granada e Sporting amosaron durante toda a temporada que serían claramente incapaces de salvarse. Eran indubitadamente piores, rotundamente piores. Só iso salvou o Dépor. Unha graza e unha circunstancia que non se vai repetir todos os anos. Para o ano, por exemplo, subirán equipos de Segunda totalmente saneados, e os da Liga do Dépor que quedan agora en Primeira cada vez teñen menos débeda ou simplemente non a teñen. Xa que logo, o equipo herculino partirá comprometido desde ese punto de vista, polo que terá que ser máis listo noutro tipo de parcelas. Previr axeitadamente para evitar as complicacións deportivas dun ano longo e tremendamente competitivo.

Soben agora equipos de Segunda totalmente saneados, e os da Liga do Dépor que quedan en Primeira cada vez teñen menos débeda ou simplemente non a teñen

Polo tanto, xa é sabido que a situación será complicada outra vez. Partamos desa base. O que non vai fallar seguro é a afección que estará de novo empurrando e demostrando que desde a bancada hai realmente compromiso. A cuestión é que ese compromiso se contaxie desde o primeiro minuto no equipo e que o demostre xornada a xornada como é de esperar. Que a limpa sexa gratificante e para ben.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios