Opinión

Dépor: aturulado

Sumar un punto fóra da casa está ben. O Dépor suma puntos nos dous primeiros partidos do campionato e iso é o que se lle pide. En dúas xornadas, media inglesa -gaña na casa, empata fóra-. Abofé que esa tónica será difícil de cumprir toda a temporada.

Ben se sabe que ao inicio dun torneo, e con adestrador novo, hai moitos detalles que ó equipo lle quedan por encaixar. Incluso o seu carácter. Vense algunas intencións. Un conxunto moi ordeado atrás, minimizando os erros para evitar que o Dépor encaixe tantos na súa porta. Albentosa e Sidnei ofrecen garantías como parella de centrais. Aí o Dépor está atado e ben atado. A iso, hai que engadir o bo estado de forma de Lux, importante nas escasas oportunidades perigosas do Betis, e as axudas de Juanfran e Navarro. 

Os problemas no Dépor aparecen máis arriba, sobre todo, na conexión co ataque deportivista

Os problemas no Dépor aparecen máis arriba, sobre todo, na conexión co ataque deportivista. Aí o Dépor amósase aínda aturulado. Andone está só, moi só. Este foi o primeiro partido sen Lucas tras a súa marcha a golpe de “rivaldazo” ó Arsenal. Lucas era unha referencia para o Dépor. Era un factor imprescindible no ataque. O factor diferencial. A conexión do equipo coa portería rival. Agora, ábrese un tempo de transición mentres o Dépor se adapta á falta do seu último emblema e atopa no mercado un recambio que trate de asemellarse. Cousa difícil. As perlas non abundan nos rastrillos, o tipo de mercado no que se pode mover actualmente o club tras investir 6,5 millóns no defensa brasileiro nunha xogada maxistral para evitar a zoupada do Valencia.

Co xogo visto en Sevilla, o equipo de Garitano non vai namorar ós seareiros. Mais ben, aburre. O medio do campo herculino está a medio perfilar. Co mercado estival sen pechar, e pendentes a que xurda unha nova incorporación para suplir a ausencia de Lucas, é cedo para saber que ano lle espera á parroquia deportivista. O parón da Liga debe ser un tempo para aproveitar e “desaturular” ó equipo, seguir avanzando nas propostas, indagando en como aproveitar as pezas dispoñibles e sacarlles todo o rendemento posible. O Athletic de Bilbao non ha ser pedra branda.

Comentarios