Opinión

Dépor 2012 vs Dépor 2013

O Dépor atopouse en Riazor coa súa propia estrutura 365 días atrás

O Dépor atopouse en Riazor coa súa propia estrutura 365 días atrás. Si, si, querido lector. O domingo viron na Coruña un “revival”, vestido de encarnado, o equipo que xogou contra o Dépor actual, pero que semellaba o Dépor do ano pasado. O equipo de Vázquez viuse diante dun espello, cos defectos que o mergullaron no pozo do descenso da Segunda demasiado cedo e que o deixou desafiuzado para o resto do campionato. A culpa comprobouse que está en quen dirixe, que, como diría Julio Iglesias na súa canción...., o home é o único animal que sempre tropeza dúas veces contra a mesma pedra. Lémbranse daquel que había morrer coas botas postas hai un ano na Coruña? E morreu. Pois, resucitou. E vive coa mesma filosofía. Fiel a súa relixión. E segue dándose de bruces coa realidade. Malia que os xogadores deportivistas daquela defendían esa filosofía de xogo, e malia que se indignaron coa decisión do cesamento de José Luis Oltra, o certo é que onte algúns deles, os repetidores, se deron de conta de que á filosofía oltriana se lle gaña con orde e talento, tal e como xogan arestora os herculinos. No caso de Oltra, tropezar dúas veces é facer mal as contas, porque os seus equipos, polo que se ve, tropezan tres, catro, cinco e seis veces se fai falta. O seu esquema futbolístico ten os seus pros e os seus contras. E pode ser que un día, todo o que escribo hoxe o teña que tragar, porque ha gañar a champions con este sistema. Iso sí, será cando teña un equipo como o Real Madrid ou o Fútbol Club Barcelona. Coma min, que acabarei levando a razón de que me toque o EuroMillón, cando se me dea por selar o boleto e dar cos números correctos.

Os branco e azuis teñen máis opcións de perigo con dous extremos claros

Tras esta introducción, imos ao partido. Salvo os primeiros dez minutos da primeira e segunda metade, onde o Dépor estivo durmido e perdido, o resto do encontro foi dos locais. Por fin, os de Vázquez xogaron na casa como se fosen da casa. Milagre!

Está claro que este novo debuxo de Fernando Vázquez vaille mellor. Os branco e azuis teñen máis opcións de perigo con dous extremos claros, ben cubertos atrás por dous laterais cos que se entenden moi ben. Atopamos un equipo que ademáis elixe mellor a execución das xogadas a balón parado, e mesmo parece defendelas mellor cando xorden contra a súa porta.

O Mallorca foi como una fotocopia do Deportivo do ano pasado. Un equipo que leva ben a iniciativa arriba e mesmo con opción de perigo, pero descoidado, desordenado e caótico en defensa. De aí que lle marquen tantos goles, aínda que sexa un dos mellores conxuntos da categoría. E ollo, será galo de pelexa ao final da temporada.

Foi unha ledicia ver a Luís Fernández que se reafirma marcando o segundo gol da súa conta particular. A progresión de Luisinho, de máis a máis. Destacable o traballo máis centrado e razoable de Culio. E o incombustible pesadelo de Manuel Pablo, aínda que sexa na banda que non lle corresponde. Soberbia a solvencia da tripla Insua, Marchena e Álex Bergantiños. Máis desaparecido nos últimos encontros Juan Domínguez.

Este é o camiño. Serán quen de confirmar partido a partido esta estrutura e esta rendibilidade? Canto durará a alegría na casa do millonario endebedado? Asinemos este novo modus vivendi para que dure!

Comentarios