Opinión

Cuestión de polos

Primeira conclusión. Preparémonos para ver un Dépor sen Babel. É distinto. Non hai color. E non falo do ton da pel. Pero non é o único. Un Dépor, o de agora, sen Andone, sen Carles Gil e sen Babel, sobre todo Babel, é menos Dépor, é un equipo máis próximo ás primeiras semanas desta temporada. Ou sexa, case un cero a esquerda. 

Pero hai unha cousa que o fai igual, aínda que as ausencias sexan, son, notables: a competitividade. O equipo de Garitano, as veces apupado polo público inxustamente, outras, quizáis si, é competitivo. Aí parécese máis ó das últimas semanas no ano pasado. 

O 2-2 maquilla un partido malo, que fixo pensar máis nas ausencias e nas posibles fichaxes que, a priori, hai que sacar da chisteira no mercado de inverno. Difícil misión.

Lastrado polas baixas e mermado pola espantada «económica» de Babel é menos equipo porque Arribas-Albentosa non é o mesmo que Sidnei.Albentosa ou Sidnei-Arribas. Sen o brasileiro capitaneando a defensa, a zaga reséntese. Só hai que fixarse cómo se ten que incorporar, no medio de Albentosa e Arribas, Mosquera para poder sacar o balón medianamente conducido e controlado. Mágoa que Mosquera está sendo menos Mosquera nos últimos meses. Pode ser que motivos non lle falten, e que estes non sexan deportivos precisamente. Seguindo esta relación, unha medular sen Guilherme, tamén dá igual a combinación, pero sobre todo sen Guilherme, non é o mesmo. Unha vez máis o brasileiro, o do medio do campo, aporta seguridade e orde ao xogo que non teñen as outras alternativas sen el. Por no movernos deste posto, segue sen comprenderse que fixo Álex Bergantiños, xa adianto que nada malo, para non ter unha soa oportunidade, salvo a de Sevilla co Betis na Copa, onde o canteiro estivo moi correcto. Álex non ten a confianza suficiente do técnico, no que semella a peor teima como adestrador deportivista. Non é a única. Pero esa é outra historia. 

Segue sen comprenderse que fixo Álex Bergantiños, xa adianto que nada malo, para non ter unha soa oportunidade

Na creación, Bruno Gama e Marlos non están para moitos minutos. Pero tamén é certo que, xusto este momento, a Garitano non lle quedan moitas máis alternativas. Unha vez máis, con estes dous homes polas bandas, e cambiados de banda, son menos perigosos. Ata Çolak é menos Çolak con eles a súa dereita e a súa esquerda. Tamén é menos Joselu. Só arriba está desubicado, perdido. 

Competir, reaccionar, traballar suplen, momentáneamente, os signos negativos. O 2-2 non é unha alegría. A eliminatoria de Copa está en perigo pero non perdida e o Dépor leva as botas ben postas.

Ah, por certo, para non variar.. e seguindo coa tónica dos últimos meses, aos branco e azuis pitáronlle un penalti en contra que non foi e o árbitro non viu un que si foi a favor. Outro galo cantaría, ou outra alegría. 

As vacacións de Nadal cortaron a senda positiva e algunhas das sensacións creadas no final de 2016. Víase vir. Con todo, esta eliminatoria de Copa segue a ser ilusionante.

Comentarios