Opinión

Crecemento negativo

Dicíamos onte… que o equipo de Víctor Sánchez del Amo perdera a súa identidade. Perdeuna toda. O encontro en San Mamés resultou totalmente decepcionante. O resultado final do partido anuncia que o Dépor está en caída libre. E para parar esta xeira negativa algo hai que facer. 

Como dicíamos antes de onte, con Víctor Fernández no banco técnico, o primeiro é facer cousas con sentido común. O equipo xa está bastante desorientado como para poñerse a estas alturas con probaturas. No fútbol hai que ser intelixente cos recursos que se manexan. Quizáis un dos problemas cos recursos é non xestionalos axeitadamente, sen man esquerda, creando problemas onde non os hai. Hai patróns que se repiten e que cheiran a corno queimado. A recente historia deportivista arrecende. Aínda se ve o fume do vapor dos efluvios. Tamén eran de corno queimado. 

O 4-1 de San Mamés é un revés enorme porque abre moitas incógnitas e dúbidas sobre o equipo

A Víctor Fernández achacóuselle a temporada pasada que estaba “pasado”. Que levaba moitos anos sen adestrar, que non conectaba cos futbolistas e que as súas receitas non eran eficaces porque non chegaban ó terreo de xogo. Xa verán como non ha tardar en aparecer críticas de que ao novo Víctor lle falta experiencia, man esquerda, xestión de vestiario. Hai varios capítulos para tal análise: Luisinho en plena pretemporada, antes de comezar a competición, un intercambio de palabras con Jonathan Rodríguez, outro capítulo con Lopo -do que se quixo desfacer no inverno.

Antes de ir a Bilbao, coa crise de resultados e de xogo comezando a apertar, Víctor vía o equipo “creciendo”. O 4-1 de San Mamés é un revés enorme porque abre moitas incógnitas e dúbidas sobre o equipo, o seu estado físico, a súa credibilidade…

Na primeira volta, os deportivistas só perderan 4 partidos. Agora xa leva tres. Tres consecutivas. E faltan ainda 11 xornadas

Coa derrota en Bilbao, o equipo de Víctor Sánchez del Amo encadea, por primeira vez, tres derrotas consecutivas. Non consegue unha vitoria desde que gañara en Eibar. Dende aquela, o Dépor tivo 13 partidos. 7 empates e 6 derrotas (cos dous partidos de Copa). Na primeira volta, os deportivistas só perderan 4 partidos. Agora xa leva tres. Tres consecutivas. E faltan ainda 11 xornadas. Esta vaga de resultados negativos levan o equipo coruñés cara a súa peor clasificación da temporada, no posto 12. Sempre estivo por riba. E a marxe cara abaixo é máis pequena. Coa vitoria do Granada ante Sporting -gran polémica arbitral e posterior balbordo de Abelardo incluida- o Dépor está só a seis puntos do descenso. Ou sexa, a tiro de dous partidos. En só dúas xornadas o Dépor recurtou 5 puntos cos equipos implicados no descenso e baixou dous postos no taboleiro de marcas. Con estes números, poderíase parafrasear a Luis de Guindos, cando en xullo de 2012 dixo que a economía española estaba en “crecimiento negativo”. O Dépor, tamén. Está en plena fase de “crecemento negativo de resultados”.

E xa saben o que iso significa se os números non cambian. Recortes. 

A imaxe do Dépor en Bilbao foi a peor da temporada. Foi a dun equipo totalmente superado. En todas as liñas. Non houbo balóns que bombear, e iso que estaba Oriol, que, por certo, por fin marcou e marcou co pé, non de cabeza. A defensa fixo augas. Estivo moi lenta. O centro do campo deportivista non existiu. A desconexión entre as distintas liñas de xogo foi total. Víctor tivo que rectificar o plantexamento inicial, cos dous interiores, porque o Bilbao encontraba excesivas comodidades para construír o seu ataque. 

A de Bilbao é unha imaxe que non se pode repetir. Lembrou a do Elxe da temporada pasada, cando o Dépor perdera 4-0.

Este sábado Riazor acolle o seu equipo ante o Málaga. Non vai ser un partido cómodo. Será unha primeira final. Vaian cos nervos controlados e temperados. Non hai Varoufakis que o soporte, se volve perder. 

Comentarios