Opinión

Unha Copa con máis turrón duro que brando

O fútbol ás veces compórtase como un xusticieiro moi particular. Sempre e cando creamos que existe algún tipo de karma que fai pensar iso, claro. Pero o certo é que o fútbol é caprichoso. Non é a primeira vez que sucede, nin será a última. E seguramente todo é froito do máis puro azar. Unha casualidade. Pero hai que ver o que dan de si as casualidades coma un faladoiro disparatado…  

O capricho chámase Arribas e Luisinho. Dous compañeiros que o ano pasado foron un crebacabezas para Víctor Sánchez del Amo. O técnico tomou partido por un. Arrastrou unha mala xestión de vestiario durante toda a temporada, probablemente por inexperiencia, que acabou como o rosario da aurora. 

E quixo o caprichoso fútbol que Arribas e Luisinho foron os executores do seu ex-adestrador no torneo da Copa. Arribas tapouse os ollos na celebración coma que non o cre. Luisinho estourou de ledicia cando marcou. Sonou a vinganza, servida en prato frío. E a todo isto a bancada atónita, desbordada, fregándose os ollos, crendo que o que estaban presenciando nese instante era un conto de Nadal. 

E Víctor, Víctor… perdeu dúas veces. Unha cando deixou estoupar o grupo como unha caldeira descontrolada e sen capacidade para aguantar máis a presión. Acabou fóra do clube. Derrotado. Pensando falsamente que o adestrador ten o control. O adestrador poucas veces ten o control que desexa e espera. O fútbol non funciona cos cánons dunha empresa. E xusto na primeira cita contra a o Dépor, o seu ex, o seu querido ex-club, perde outra vez a partida. Luisinho marcou un golazo de quilates e que tirou, de inicio, o seu ex-xefe á cuneta.

O Deportivo agora si está callado. Ten confianza. Está seguro. Compórtase como un conxunto harmónico. Hai consistencia. Sentido. Xogo. Ideas. Gol. Un punto de madurez que chega, quen sabe, nun momento que crea incertidume ás portas do aninovo. O parón da Liga, polo Nadal, pode ser unha pedra no camiño. Os seareiros quixeran que este momento doce non se interrumpese e continuase a progresión positiva. En Riazor, agora, hai ganas de fútbol. Hai ilusión. 

A incertidume non vén só polas vacacións de Nadal. Tamén pola saída de Babel. O holandés ten noiva cara. E a dote da Coruña é modesta. Ante a opulencia turca ou francesa non hai competencia. Babel déixase guiar polo brillo dos dólares feitos de lingotes de ouro. No Dépor só hai cobre, o de bater o cobre concretamente. Os brillos foron doutra época. Pero Babel é sitio distinto. Xogador diferente. Futbolista, futbolista. De aí a rabia. O Dépor devolveu a Babel ó fútbol. Xusto cando lle estaba sacando rendemento, e, sobre todo, cando gozaba do seu fútbol… quítanllo dos fuciños… por un par de millóns de euros de diferenza arriba ou abaixo. Todos teríamos claro que elixiríamos o Deportivo, claro. Quen vai dubidar entre elegir cores ou cartos. A decisión é clara. E máis nestas datas, cando quen máis quen menos, ten os petos cheos de lotaría, por se toca, por un se acaso. E se toca…, quen elixiría Turquía como destino laboral? Ninguén mellor que un «turco» branco e azul. Todo encaixa. Mágoa, porque se botará de menos.

Máis aló dos romanticismos, a marcha de Babel é un problema para o futuro de equipo. Porque o holandés convertía cada movemento en perigo; unha sutileza coa cadeira nunha probabilidade de gol. Era un faro onde a claridade escasea. Difícil repetir en tan pouco tempo unha diana tan rendible. Pero así é a convivencia e a loita na Liga dos modestos. Dos pobres. 

Pan, pan, pan… de salvado, que non de trigo. Pero hai que roelo. 

Do partido destacar sobre todo que Garitano elixiu competir. Opción correcta. A digna. A que agradece a afección. Armou un equipo para sobrevivir na Copa. E houbo resposta acorde do seu grupo de discípulos, entre os moi titulares e os non tan seguros logrando formar un once de saída comprometido, unido, que reivindican un sitio entre os fixos. O comportamento ideal, o que espera un técnico que realmente ten o control grupal. 

Babel puxo a guinda dun pastel que sabe moi doce. O resultado é que o Dépor segue na Copa, sen Víctor, con Garitano. 

Qué «turrons» tan distintos!

Os tipos duros resisten mellor ca os brandos a temperatura en grao de ebullición. Comprobado. E todos sabemos xa quen vai comer o turrón este Nadal en Riazor e quen non.

O Deportivo remata a temporada coma nun conto de Nadal. Que siga o conto ata o verán para ter moito conto que contar.

Comentarios