Opinión

Conta atrás para a permanencia

Sen convencer pero avanzando no obxectivo. A permanencia, grazas tamén ós deméritos dos rivais, está case asegurada. Semella que o equipo non sufrirá finalmente. Pero ollo, non durmirse, por si acaso, vai ser fundamental. Con todo, ó Deportivo podería valerlle incluso non gañar nin un só partido ata o final de temporada e seguir onde está. Os tres equipos de abaixo non teñen folgos, nin fútbol.

Mel apela a non ter apuros, a non verse coa ansia de ter que marcar por resolver un partido, para mostrar un mellor nivel de xogo e outra impresión aos seareiros. Así é como xustifica que o segundo tempo do Deportivo ante o Málaga fose mellor que os primeiros corenta e cinco minutos. Da primeira metade, mellor non falar. Un bodrio. Lamentable. Nada que destacar.

Quizáis por destacar dos primeiros corenta e cinco minutos, o momento en que a bancada aplaudiu a saída de Andone do banco da suplencia para facer exercicios de quecemento. Andone respondeu, agradecido, con aplausos aos afeccionados. Porque, unha vez máis, deixar Andone na suplencia semella un luxo. Igual que Çolak, que tamén fixo tándem co dianteiro no asento dos suplentes.

Unha característica que estamos a ver esta temporada, dá igual que sexa con Andone ou con Joselu, é que os dianteiros deportivistas xogan moitas veces caídos por unha banda. Non teñen un lugar fixo no centro, ou na área. Veñen buscar o balón ao medio do campo e, normalmente, están sempre pegados a unha das bandas, como se fosen extremos. Chama a atención. Serán cousas do fútbol moderno, das novas ensinanzas que reciben os adestradores nesas magníficas clases que aprenden. O caso é que cando vexo o Dépor sobre o terreo de xogo pregunto sempre, u-lo dianteiro centro?

Unha característica que estamos a ver esta temporada, dá igual que sexa con Andone ou con Joselu, é que os dianteiros deportivistas xogan moitas veces caídos por unha banda

Na segunda parte, Joselu, colocado como dianteiro centro, a un gran centro de Luisinho, xogador escasamente valorado neste Deportivo, cabeceou certeiramente a gol. O gol dun dianteiro centro. Dun cabeceador. Logo, hai que estar onde hai que estar. Non só nas xogadas a balón parado, onde non queda outra que poñer rematadores, tamén no centro da área. 

Joselu marcou e desbarrou. Xa sabemos. As pulsacións, unha quentura, os nervios… Escusas. Aos xogadores profesionais hai que pedirlles, hai que exixirlles que o seu comportamento sobre o terreo de xogo sexa impecable. Sobre todo, cara os seus propios seareiros. Sobráronlle os xestos tras o gol. As explicacións cando veñan xa sobran. Non foi o único capítulo inexplicable do de Silleda no partido. Cando foi substituido, o dianteiro seguía coa “cachola” revolucionada e dirixiuse a Mel inadecuadamente pedíndolle explicacións pola súa saída do terreo de xogo.

Joselu ten moitas cousas boas, pero ten que mellorar outras. Está claro que non está aceptando ben a súa situación actual, pero tamén é certo que o dianteiro galego fixo actuacións máis regulares que sobresaíntes. Tócalle facer máis autocrítica. Por Riazor antes que Joselu pasaron Bebeto, Claudio, Makaay, Tristán, Pauleta… Repasar a historia do Deportivo, sobre todo, o día en que Mauro Silva estaba presente vendo este equipo da supervivencia, debe servir para poñer os miolos a arrefriar. 

Foi precisamente, despois de que Mauro Silva saíse ó centro do campo, durante o tempo de lecer, cando o Deportivo colleu o pulso do partido. Algo haberá que pensar.

Co un a cero, as augas baixaron máis tranquilas. O equipo de Mel repousou as ideas e, ante un Málaga relaxado, puido dar un pouco máis de seu. Unha velocidade maior, un control máis dominante, unhas chegadas máis perigosas. Mosquera marcou de novo para o Dépor nunha desas chegadas.

Quedan seis partidos. Todo indica que a permanencia está a un paso. Pero mellor que chegue sen galos que alboroten o curral. Diso xa houbo abondo ó final da temporada pasada. Que non se repita. 

Comentarios