Opinión

Çolak acende a luz no Dépor

O Dépor precisaba un partido sen erros e un sen goles en contra. Sumando ambos conceptos conseguiu unha vitoria moi importante, que lle pode dar unha dose de moral moi necesaria para poder rematar o ano 2017 a falta de saber cómo lle irá co intratable Fútbol Club Barcelona e o derbi co Celta en Riazor, un partido que marcará o balance da primeira volta. 

A vitoria non debe servir para armar falsas conclusións. Os tres puntos acadados serven, sobre todo, para dar tranquilidade momentánea e para poñer distancia sobre os postos de descenso. A vitoria leva tamén unha vitamina necesaria cando un equipo está afundido porque nada lle sae: a da moral. Pero tamén é dunha tranquilidade remota. Canto lle pode durar este colchón ó Deportivo? Os equipos implicados no descenso levan semanas reaccionando e sumando, achicando os espazos e ensinando que o precipicio cada vez está axexando máis preto.

O equipo de Parralo gañou un partido con moitísimo esforzo. Non encaixou goles e non tivo erros que penalizasen o equipo. Tampouco houbo erros arbitrais. Iso tamén suma nunha temporada en que a cuestión arbitral deixou certo amargor. Levaba o Dépor dous meses sen gañar na casa e dous meses sen encaixar. A media para gañar un partido estaba moi alta, coa necesidade estatística de marcar polo menos tres goles para asegurar os tres puntos. É moi cedo para poder falar dunha nova seguridade defensiva. É un obxectivo que trata de traballar o adestrador. Nesta ocasión, o plan saíu ben. Pero agora xoga en Barcelona e logo ante un Celta que vai chegar moi entoado e maduro a Riazor. Ó técnico tócalle agora manter a firmeza desa defensa.    

É moi cedo para poder falar dunha nova seguridade defensiva. É un obxectivo que trata de traballar o adestrador. Nesta ocasión, o plan saíu ben

 

O equipo coruñés só puido marcar un gol ante o Leganés. O cadro madrileño, sobre todo na primeira parte, montou unha gaiola case inexpugnable. No único burato que atoparon, nunha dobre ocasión, veu o gol, o único do partido. 

O Leganés, o mellor equipo de Primeira entre os modestos, non fixo un bo partido en Riazor. Apenas chegou á porta de Rubén para intimidalo. Seguro que algo de mérito ten o Dépor, que esta vez estivo máis atento e sacrificado nas tarefas defensivas, o que minimizou a perigosa capacidade ofensiva do equipo madrileño. Con todo, Amrabat puxo dos nervos os centrais en ocasións contadas durante o segundo tempo. A falta de pegada do Leganés foi unha das claves do partido. Impresionou e moito, sobre todo na primeira metade, ver a perfecta formación marcial das dúas liñas de catro, nos movementos harmónicos dos seus repregamentos e na construcción dos ataques. Ao Dépor supúxolle un enorme sacrificio superar a dobre muralla humana. As dúas liñas ademais estaban moi xuntas no ancho do campo e tamén na distancia existente entre elas. Cando os herculinos conseguiron marcar o gol, as liñas romperon e o partido abriuse, sobre todo para os locais, que decidiron ter a posesión do balón e o dominio da iniciativa en todo momento.    

Unha das claves do partido foi a titularidade de Çolak. Fixo o papel que se espera del. Foi un pincel de creatividade nun lenzo en branco. Cumpriu coas expectativas. Foi un abrelatas para Lucas e Adrián, principalmente. De feito, o gol nace nunha xogada previa. O turco, depois de mandar o coiro cara a gol, é interceptado por Cuéllar que logrou despexar a tempo o balón para caer morto, coa colaboración previa do central coruñés do Leganés Raúl García, para que Adrián aproveitase a ocasión. Pero Çolak foi moito máis. Fantasía pura. Unha conexión electrizante. Unha descarga de lategazos provocando o erro da defensa. Un abano de posibilidades. Çolak foi inspiración para o seu equipo. Se o mediapunta turco lograse a continuidade neste tipo de xogo pode haber outro Dépor. Pero ese precisamente é o gran dilema que se cerne sobre este futbolista. Combina unha boa actuación cunha misteriosa desaparición que é un apagón de talento moi desconcertante. Un Guadiana inquietante á espera de saber e ver cándo volverá Çolak, o bo, o inspirado, o creativo.

Unha das claves do partido foi a titularidade de Çolak. Fixo o papel que se espera del. Foi un pincel de creatividade nun lenzo en branco

Pero o talento de Çolak non foi a única boa nova do Dépor. Sidnei volveu a aparecer coa seguridade que o caracterizou na súa primeira etapa deportivista, antes de asinar a renovación hai case un ano. Desde entón, o brasileiro estaba de vacacións. A outra perla do equipo é sen dúbida Adrián. O asturiano é vital neste Deportivo. Non só resulta desequilibrante, determinante, agora mesmo é un futbolista hiperdependente para Parralo. Sen Adrián non hai recuperación, nin resultados. É o factor diferencial do equipo. Coa recuperación física de Adrián chegou o esperado cambio na parcela ofensiva do equipo en canto a efectividade. A luz sobre Adrián fai sombra agora sobre Lucas Pérez, que malia todos os minutos que está disputando non está a ofrecer a rendibilidade esperada. Pero o dianteiro coruñés si atopa mellores asociacións e unha nova disposición táctica nas áreas. A Lucas fáltalle agora mellorar o seu rendemento cara ao gol.

A vitoria do equipo deportivista é un claro entre nubes. En función de cómo sopre o vento nos vindeiros quince días saberemos se o Dépor saíu da treboada ou segue no centro dunha cicloxénese explosiva. O tempo dirá.  

Comentarios