Opinión

Coidar a leira

A vitoria ante o Zaragoza volve tapar o que levamos tempo comentando. O sistema de Natxo non está completo. Probablemente, a explicación está nos homes que utiliza e o resto de futbolistas que descarta. É dicir, Natxo trata de adaptar os seus homes a un sistema no canto de adaptar un sistema para as características dos futbolistas que ten ás súas ordes. De momento, supera sempre os problemas, pero coa sensación, moitas veces, de que hai algo que non vai con finura. Ao Dépor ráscanlle as marchas.   

O adestrador herculino ten un cadro de futbolistas moi superior ó resto de clubs. Así o opinan moitos técnicos da categoría, que aseguran que só falta saber cando vai ascender o Dépor, dando por descontado que o ascenso do equipo herculino é un feito. Unha afirmación que, por outro lado, é perigosa se o receptor non a xestiona con coidado. O afago debilita e escoitada desde un plano superior, mirando por riba do ombreiro, trae problemas porque o fútbol non é unha ciencia. Por exemplo, en Riazor, aos de Natxo pasoulles factura co Numancia e fóra da casa houbo máis exemplos: Zaragoza en Copa, Extremadura, Albacete… 

Ante o Zaragoza a cuestión non foi de falta de humildade. O último partido do Dépor en Riazor ten que ver con que os rivais teñen xa moi estudado o sistema do rombo de Natxo e coñecen as eivas do sistema. O cadro maño soubo presentar un fútbol que fixo dano aos herculinos. O que non puido controlar o técnico do Zaragoza foron os erros arbitrais (que deu dous goles en fóra de xogo) e probablemente se deixou un penalti sen pitar. Esas circunstancias minaron a moral do Zaragoza, que xogou moi ben case corenta e cinco minutos sen dar respiro ó Dépor. Os erros arbitrais por un lado, e o esgotamento físico, polo outro, bloquearon as ideas do equipo aragonés. Foron as dúas claves que acompañaron a vitoria deportivista.

O adestrador herculino ten un cadro de futbolistas moi superior ó resto de clubs

 

Hai unha terceira clave que analizo a renglón seguido porque é a máis interesante a futuro. Natxo González traballa minuciosamente a estratexia. A do balón parado. O plan da semana en canto ás xogadas nacidas dun saque de esquina, ou unha falta a favor, están funcionando cunha rendibilidade altísima. O abano de posibilidades e xogadas é moi grande e o equipo tenas moi ben aprendidas. Logo, son executadas segundo o plan marcado. Aproveitar este tipo de alternativas como un recurso altamente produtivo é unha habilidade que o Dépor non tiña desde hai moitos anos. Aquelas disparatadas muiñeiras nos saques de esquina xa non existen. O Dépor agora ten un plan cando ten unha oportunidade deste tipo. Os tres goles do partido saíron de tres accións así. Dúas faltas e un penalti. 

En tarefas defensivas o Dépor tamén está maduro. Na portería, hai semanas que quedou demostrado que hai solvencia baixo os paus. O rombo é o que non está engraxado, máis no repregue que en ataque. En Segunda División, o sistema funciona tal e como o está insistindo Natxo porque hai moitas diferenzas entre os equipos, sobre todo, á hora da definición e tamén porque no momento en que o rival baixa a garda uns minutos aí está o equipo branco e azul listo para dar caza en cada alternativa que se lle presenta. Unhas veces con máis éxito na definición que outras. Ante o Zaragoza as xogadas combinadas fallaron. A máis clara, unha de Borja Valle servida por Eneko Bóveda librando un disparo a porta moi frouxo e mal orientado, fácil para Ratón. Pero as faltas resolvéronlle a papeleta.

O Dépor, con detalles importantes por puír, volve estar en postos de ascenso directo. Esa é a zona na que agora ten que traballar. A misión de Natxo agora é coidar a leira. Non é tan importante o ser líder da categoría como abrir unha fenda a respecto do terceiro posto da clasificación. Aí está o plan de presente do equipo coruñés. E para conseguilo o sistema do rombo, no que o técnico vai seguir instalado, ten que se puír. Máis no plano defensivo que no ofensivo. Os rivais están aprendendo a saltarse o xogo do técnico vasco. Con velocidade e polas bandas conseguen chegar con moita facilidade á última zona de tres cuartos, onde busca unha falta ou centrar unha xogada perigosa. Por agora, a sorte sorrí do lado deportivista porque a maioría das veces a eficacia destas accións de ataque morren sen éxito. A diferenza nas áreas, afortunadamente, nesta primeira metade da temporada é favorable aos branco e azuis.

Por certo, o de coidar a leira non hai que tomalo tan ó pé da letra. Neste último partido semellou que lle pasaran unha fresadora ó céspede de Riazor. Está máis para plantar uns nabos ou unhas patacas que para xogar ó fútbol, porque o balón agora circula a saltos entre rego e rego. Mellorar o estado do terreo de xogo tamén se converteu nun plan de presente sobre o que hai que actuar.

Malia todo, con matices como algún dos que se apuntan aquí, a leira de Natxo produce. A colleita é satisfactoria. Aplicando os factores correctores axeitados, a explotación pode ser moito máis abondosa. O control de pragas, que tratan de destruír o rombo máxico do vasco, é un traballo prioritario agora para minimizar os danos e o sufrimento da colleita de cada partido.

Comentarios