Opinión

A chilena máis cara xamais cobrada

Nunca saberemos cómo acabaría o partido con todos os homes no campo e que un exceso arbitral estragou. Si, porque a expulsión de Quique González é inxusta a todas luces. Nunca un xesto técnico, de fútbol, pode ser castigado cun cartón vermello. Obviamente, unha chilena mal calculada e que chega a contactar co defensa do Málaga é un simple cartón amarelo. Por riba, a inxusta decisión trae consecuencias, porque, en principio, salvo mellor consideración do comité disciplinario, o dianteiro tampoco xogará o venres en Riazor.

A decisión é máis importante do que parece porque se produce nun momento clave do encontro, cando os herculinos xa tiñan igualado un partido que se lles escapaba e cun Dépor envorcado ó ataque.

O partido pasará a historia por unha chilena que non foi e que custou un cartón vermello directo. Quen sabe se é a primeira vez que sucede no fútbol. Se non foi a primeira, probablemente, sería a segunda. E en calquera caso, un erro que alporizou a bancada. Con razón.

Antes da expeditiva chilena o Dépor estaba xogando un partido con bo ritmo e mandando ante un Málaga que, contrariamente o que se pensaba, non se quedou pechado atrás. O líder de Segunda veu a Riazor a xogar como un líder, con valentía, tratando de levar a iniciativa. Pero os de Natxo González interpretaron ben o seu papel. Conseguiron neutralizar os andaluces en zonas pouco comprometidas, tanto que o Málaga só tirou en todo o partido unha vez a porta. E dese disparo saíu o único gol que marcaron. O Málaga fai dos números ouro puro. Chama a atención que facendo tan pouco saque tanto, pero así é o equipo malacitano. É o máis rendible da categoría e con iso chega para ser líder. 

O partido pasará a historia por unha chilena que non foi e que custou un cartón vermello directo. Quen sabe se é a primeira vez que sucede no fútbol

 

Esa rendibilidade é a que non ten o Deportivo. Xogou mellor, tivo máis posesión, construíu máis, e tivo máis ocasións fronte a fronte do porteiro. Non foi o día de Quique González, que aparte do cartón vermello, nos primeiros minutos puido marcar un deses goles que nunca se deben nin se poden errar, pero botouna fóra por pouco. Non foi a única ocasión clara. Tampouco Carlos Fernández estivo acertado no primeiro tempo. Esas xogadas claras que nunca soben ó taboleiro de marcas son as que penalizan e as que marcan as diferenzas.

O Dépor mellorou nas últimas semanas e ten outra feitura. Ten máis sentido e máis rigor táctico. Segue persistindo o factor de conversión en gol. En Segunda quen marca, sobe. Ese é o aspecto que agora urxe mellorar para non perder de vista o obxectivo real da temporada, o primeiro ou o segundo posto do campionato. 
 

Comentarios