Opinión

Os de branco e azul son os nosos

Lembro unha anécdota de hai 22 anos de Carlos Bilardo nun partido de Riazor co Sevilla cando un dos seus masaxistas foi atender a Albístegui 

Lembro unha anécdota de hai 22 anos de Carlos Bilardo nun partido de Riazor co Sevilla cando un dos seus masaxistas foi atender a Albístegui caído no céspede tras unha falta por un tremendo patadón de Maradona na faciana, o adestrador arxentino berroulle e botou un responso en forma de tremenda e noxenta bronca: “Boludo, la concha de mi madre, me quiero morir. En vez de agarrar a Diego agarra al otro. Los de colorado son los nuestros. Pisalo, pisalo!”

Pasaron xa 22 anos. Un ataque de exigua deportividade. De nulo exemplo. De escasa cordialidade. De repudio absoluto. Pero fixemos a foto nesa mítica frase: “Los de Colorado son los nuestros”. Pois ben, parafraseando esa frase hoxe berro: “os de branco e azul son os nosos”.

E nesas estamos, nunha nova etapa do deportivismo. Onde cada partido é unha cita coa guillotina. Cada minuto é importante. Cada erro de concentración é unha tortura. Cada falta de aloumiños é unha fenda máis intensa sobre unha ferida aberta. 

Mentres na bancada se xoga outro partido, un partido que só pode ter perdedores, ningún vencedor, e nin un só punto a favor, máis ben todos en contra, os homes de Víctor Fernández tiveron que poñerse de costas á bancada, taparse os oídos e fixarse máis que nunca só no que sucedía no céspede. De onde podían sacar calor, os branco e azuis só atoparon xeo, frialdade, silencio. Os de branco e azul son os nosos… En Riazor, por primeira vez en 20 anos, escoitouse máis, por momentos, os seareiros visitantes que os locais. Só, por momentos. Cando o outro partido rematou, o “Athletic, aurrerá!” enmudeceu e o resto da bancada herculina tomou o mando da tarefa coral.

Estreamos ano e estreouse Riazor con vitoria. Algunhas cousas semellan mellorar. o Dépor non está tan perdido, xoga más xunto. Comete menos erros, anda máis xunto. Traballa con máis intensidade. E non cambiou de técnico. Aínda é cedo para dicilo, pero se o equipo mantén esta liña, podería dicirse que Víctor Fernández atopou algunha maneira de facer competitivo ó seu equipo. Non hai que esquecer que os bilbaínos xogaron sen os seus homes de referencia, con mais talento.

Mentres na bancada se xoga outro partido, un partido que só pode ter perdedores, ningún vencedor, e nin un só punto a favor

O Dépor tivo máis iniciativa, tirou máis á porta. Era o que se lle pedía. Ao Dépor esixíaselle converter algunha ocasión e aínda que debe mellorar neste eido, cumpriu. Pídeselle que teña menos erros, concentración en defensa e consistencia, e o equipo mellora. A Víctor pedíaselle máis acerto colocando as pezas das que dispón, poñéndoas no seu sitio, escoitou con humildade e corrixe con máis tino. 

Falta que os de Víctor manexen mellor o xogo polas bandas, que as usen con máis perigo e sentido construtivo e sen que o equipo acuse os fallos cando este se bota ó ataque.

Se cadra convén lembrar que a sorte tampouco lle sorrí en materia de lesións. Luis Fariña, co que chegou algo de sentido ofensivo para os branco e azuis, volveu magoarse levemente. Lucas non se dá recuperado e nin se sabe cando volverá xogar. Salomão leva media temporada sen participar por lesión, aínda que o seu regreso xa se ve moi próximo.

Non todo é escuro no Dépor. As vitorias axudan a iluminar o túnel e a piques de rematar a primeira volta o equipo alumea o camiño para salvarse. Agora só falta que siga a estela ata dar co fío de luz que asoma. Quizáis coa luz todos vexamos que os de branco e azul son os nosos.   

Comentarios