Opinión

Basta xa!

Hai unha lei non escrita no fútbol, pero moi popular, que di que cando un equipo sae a empatar, perde. O planeamento de Pepe Mel era o do empate, e perdeu. 

O Deportivo non é un equipo fiable. Deixou de ser fiable cando Mel arremeteu contra os xogadores no momento en que os resultados comezaron a faltar. A fenda no vestiario instalouse cando o adestrador comezou a disparar en todas as direccións sen asumir unha boa parte da súa culpa. Nesta columna de opinión falamos de ataques de adestrador. E non foi nunha soa ocasión. Ante o Espanyol podría falarse ata dun terceiro ataque de adestrador, entendendo como tal decisións técnicas que son máis ben ocorrencias.    

Non é certo que haxa un ambiente negativo ou adverso no deportivismo. O que dixo Mel na rolda de prensa tras o partido se chama tribunerismo. Aquí, en Riazor, non coa este tipo de escusas. Porque pola Coruña xa pasou outro tribuneiro na era Caparrós, e xa estamos vacinados contra ese tipo de mensaxes.

Ante o Espanyol podría falarse ata dun terceiro ataque de adestrador, entendendo como tal decisións técnicas que son máis ben ocorrencias

Mel errou completamente no seu equipo inicial ante o Espanyol. Tiña unha idea fixa. Inexplicable, pero fixa. Quería recibir na casa o equipo catalán cun trivote. Nese trivote estaban Álex Bergatiños, Guilherme e Borges. Como se lesionou Luisinho, pasou Álex á defensa, onde ía xogar Navarro, e Navarro ocupou a posición do lateral portugués. Quedaba un oco no trivote e decidiu poñer Edu Expósito, do Fabril. De entrada, xogar con trivote para recibir o Espanyol, un equipo sen nada que xogar no eido deportivo, transmitía medo, falta de confianza. Ademais, outra das aberracións técnico-tácticas era a colocación de Çolak en banda, e non por detrás do punta, onde é creativo e onde, por mobilidade, é máis perigoso. Çolak non se ofrece en defensa. Tende a xogar polo centro. E así foi. O Espanyol encontrou unha autoestrada libre de peaxe para entrar como un coitelo nas posesións deportivistas. Ese erro foi tan evidente, que Mel tratou de enmendar a plana, en parte, nada máis comezar a segunda metade. Sacou Edu Expósito, que non tivo culpa na desfeita táctica do adestrador, e meteu Carles Gil, mantendo en banda Çolak, aínda que os dous se intercambiaron posicións, o que fixo que mudaran as cousas. Pero o dano xa estaba feito. O Dépor encaixou dous goles no primeiro tempo, e tal e como vai a temporada, remontar dous goles é como tentar escalar ó Everest, aínda que o outeiro a coroar sexa o da Cova da Serpe.

Ademais do erro táctico de partida e que propiciou a derrota do Deportivo, hai que falar de máis cousas. Un escandaloso descontrol de Arribas no primeiro gol do Español. Deulle unha patada ó aire deixando o balón morto diante de Baptistão, que coa rapidez que o caracteriza aproveitou o tremendo agasallo para marcar. O segundo gol veu dunha contra do equipo visitante montando o ataque pola autoestrada libre de peaxe xa comentada. 

De nada serven todas as ocasións do equipo herculino. Un pau de Borges, outro de Arribas, unha ocasión de Andone, unha falta de Fayçal. Dá igual. O problema xa estaba causado no primeiro tempo. Unha vez máis, o equipo tirou 45 dos 90 minutos que disputa. Mel non ten un planeamento claro. Cambia cada dous por tres. Non falamos de homes, que está claro que tiña que cambiar por mor das lesións. É o sistema o que falla. E tamén é a intensidade. O Espanyol xogou con máis interese, máis concentrado a primeira parte que o Deportivo, que estivo totalmente perdido, cometendo gravísimos erros en defensa. O equipo de Mel é un sensentido. Unha aberración táctica. Un despropósito. Elixe mal os homes e os planeamentos. E cando se dá de conta é demasiado tarde, xa non hai remedio, como pasou neste último partido. 

O Deportivo está no pozo. Está na pomada do descenso. E está por méritos propios. Esta situación xa está vivida

O Deportivo está no pozo. Está na pomada do descenso. E está por méritos propios. Esta situación xa está vivida. Poñamos unha vela ó Eibar para que empate na casa ante o Sporting o vindeiro domingo. Se a vela funciona o problema está solucionado. Se o Dépor ten que esperar a última xornada porque os asturianos gañan en Ipurúa, que Deus colla o Dépor confesado e requeteconfesado. Porque onde había permanencia case asegurada pode haber precipicio.

Será bo, efectivamente, que Mel ille os xogadores, pero non do ambiente de pesimismo ou negativo, como di. Ese ambiente buscouno o equipo e o adestrador. Os afeccionados volveron demostrar que son fiables. Máis de 22.000 persoas foron a Riazor porque crían. Os que fallan son os xogadores e o adestrador. Dos últimos nove partidos só unha vitoria. Os números de Mel son tres vitorias, catro empates e seis derrotas. Ollo con iso!

O Dépor na primeira volta fixo a estas alturas 17 puntos. Nesta segunda volta só sumou trece puntos. Son números de descenso. E cara él vai o equipo se non se mentaliza que para os dous partidos que quedan, os branco e azuis teñen que deixarse de verdade a pel no campo. Ata agora o visto foi un equipo de monxas ursulinas. Así non hai permanencia. 

Vai sendo hora de que alguén dea un ultimato. Porque o que se ve é un desbaraxuste tal que só queda unha lectura: varrer o 80 por cento do equipo, adestrador incluido, para a temporada que vén.

Comentarios