Opinión

Unha bala estragada en Riazor

Falta sentido común no Dépor. No xogo, na dirección técnica, na bancada.

Falta sentido común no Dépor. No xogo, na dirección técnica, na bancada. O Dépor está perdido. Camiña lento, a trompicóns, pero camiña buscando con torpeza aire para vivir en medio de continuos atrancos endóxenos e exóxenos.

Centrándonos no aspecto deportivo, o equipo perdeu unha bala. Malgastouna. Tirouna ó aire. Un punto suma, pero pouco nunha xornada extraordinariamente propicia. Un empate sen goles que fala ben poco dun equipo que precisa sobrevivir económica e deportivamente. Tacticamente unha decepción. Home a home, outra decepción. Un rendemento baixo, escaso. A seca goleadora, preocupante.

O conformismo do punto non pode ser unha boa escusa. Aínda que iso signifique un pequeno respiro. O boca a boca non chega. Queda moito tempo, dez longas xornadas. Os de Víctor Fernández estragan ocasións claras de gol e agonizan no intento cada vez que se enfundan a elástica branca e azul.

Hai unha falta total de intensidade. A que obedece? Está preparado fisicamente o equipo para competir as próximas dez xornadas?

Falamos de recuperación nas últimas semanas. Vimos como o equipo construía e construía numerosas chegadas. Tiraba a porta ata por esgotamento. Pero ante os periquños nada de nada, ou case nada. Que pasou? Que se viu ante o Espanyol en Riazor? Que se pode aproveitar do partido? Que aprendemos?

No fútbol profesional hai que esixir máis. A Primeira División pide outro esforzo, outras ideas, outra rendibilidade. Agora chega o punto en que se vai ver se o cadro de futbolistas foi armado para competir esta temporada con feituras de equipo profesional. En 28 xornadas os futbolistas do Dépor demostran que compiten con marchas cortas. Pouca velocidade, co motor revolucionado, precipitado, para nada. Unha lentitude que mata. Facendo que o rival adiviñe o que vas facer en calquera momento. Hai unha falta total de intensidade. A que obedece? Está preparado fisicamente o equipo para competir as próximas dez xornadas? Como están as reservas para afrontar a fase definitiva? Está traballado este punto?

Que o descanso ligueiro sirva para que Víctor reflexione. Que o parón provoque un verdadeiro cambio no Dépor. Non vale só tirar para adiante. O golpe á Liga do Dépor xa comezou e non lle pode perder o pulso. Os patinazos agora xa son fatais. 

Comentarios