luns 25.05.2020

O anxo da garda mudou de barrio

Por un intre, a tentación fíxome crer que o Dépor xogou en Madrid cun anxo da garda. 

Por un intre, a tentación fíxome crer que o Dépor xogou en Madrid cun anxo da garda. Sobre todo entre o minuto dez e o vinte da primeira metade, logo de ver á BBC en acción. A elite merengue fixo tremer o pao de Fabricio por  dúas veces. Pero non. O anxo da garda, en realidade, que si estaba no Bernabeu, ía de branco. Non hai tentación que me quite a idea da cabeza. Os anxos, din, van de branco e sobre o campo a elección estaba clara. A protección foi caseira. E non só foi inmaculado, senón que baixou ó templo madridista a protexer os ídolos madrileños. Aínda que a verdade foi que sobre o céspede eses deuses merengues que tanto idolatran os seareiros estaban bastante ausentes. Estaban, sin estar. Probablemente, a festa branca máis comentada polas redes sociais pasoulles factura. Os ánimos non estaban para moitas alegrías. Claro que as iconas xogan con outras vantaxes, como é o caso da superioridade, coa que os seres máis terrenais non poden competir. Eles con pouco, soen levar todos os rezos da feligresía. E gañar, gañaron, pero sen a alegría de outras ocasións. As plegarias dos “Cristianos” foron máis fortes, aínda que ante o Dépor ó “máximo Cristiano” cadráballe mellor o papel de plañideira, por aquelo do entroido.

Si, porque o Deportivo, con parte do equipo na reserva, pensaba máis na súa Liga. Saíu, esta vez si, a dar a cara ante o todopoderoso Madrid. Había dúas posibilidades: que fose o día dos merengues e lle fixesen pagar os pratos rotos esnaquizando o Deportivo, despois dunha semana con tanta polémica interna e para o escarnio público da parroquia branca; ou ben que saíse un Madrid brando, descentrado, tocado, afectado pola resaca dun aniversario pouco feliz, ou sen final feliz. E saíu o segundo Madrid posible para descargo dos deportivistas. Ademáis, algunhas das iconas quedaron na sacristía. Unhas quedaron físicamente -por estar magoadas-, otras por estar atolondradas polos acontecimentos discotequeiros. Polo menos, quedaron na sacristía as almas das figuras particpantes. Estaban en corpo, pero sen espírito. 

A todo isto Víctor Fernández non sacou o equipo de gala. Apostou, dentro do que podía, polos homes máis veteranos, coa sorpresa de Manuel Pablo como central. Últimamente, Manuel Pablo só sae os “días de santos”. O do Bernabeu foi o día sinalado para o canario, xa que o confrade Fernández decidiu vestilo para a ocasión. Cunha barba que mete medro, por certo. Quizáis foi por iso. A barba “hipster” impón ante tanto imberbe.

Moi bo día de Cuenca, pero sen sorte na execución, o mesmo que Riera, ó que xa lle vai sendo hora de ir marcando algún gol

Pero faltoulle sorte ó Deportivo, esqueceu a contundencia no remate e estivo escaso de convencemento. Do contrario, ben seguro, habería de complicarlle o partido a un Madrid sen luces, salvo as das discotecas que deslumbraron aos futbolistas madrileños toda a semana. E é que o conto deu para moito. Malditas redes sociais, que todo o descobren! Que indiscreción a de Internet, maldita sexa!

A Casillas sorprendeuno un Cuenca moi perigoso, dúas veces. Riera tamén probou os reflexos do internacional. Borges fixo resoar no pao do Madrid o aviso de que o partido puido ser de “Un par de horas” máis tensas e sostidas que o das notas da afamada canción de Kevin Roldán, sona conseguida tralo escandaloso aniversario. Cando Cristiano enviou o coiro á luz da lúa, máis tarde erraba só ante a portería, logo Bale remataba sen puntería e otra de Benzema, moi frouxo, errando só ante Fabricio, eran todas elas accións que sumadas daban sinais moi claros de que o Madrid non funcionaba ben. Era un magnífico día para aproveitarse dun equipo sen brúxula nin temón. Pesaban os destellos das luces acendidas da discoteca da discordia.

Con todo, as horas de “adestramento” de noite tamén contan, e entre tanta escuridade hai quen sabe moverse mellor, por costume. Un zarpazo espectacular de Isco e outra con máis sorte de Benzema finiquitaron calquera esperanza herculina de soñar.

Dos deportivistas, estivo moi ben Fabricio. Impresionante. Seguro. Firme. Sobrio. Serio. Ilusionante, a zona de creación branco e azul. Con certo oportunismo os homes de ataque. Moi bo día de Cuenca, pero sen sorte na execución, o mesmo que Riera, ó que xa lle vai sendo hora de ir marcando algún gol, o mencionado Borges, Lucas, que tamén tivo a súa, pero sen o “anxo” que o acompaña, e Cavaleiro, traballador como sempre.

O Dépor fixo un papel digno. Lonxe daquel papel arrepiante do partido de ida en Riazor. A derrota era un resultado previsible para o nivel deste equipo. Caer con honra é polo menos unha obriga, unha esixencia mínima.

Falta unha característica común a case todos os partidos disputados esta temporada: a intensidade

Non obstante, baixo o meu punto de vista segue a faltar algo. Falta unha característica común a case todos os partidos disputados esta temporada: a intensidade. É unha asignatura pendente, na que os xogadores de Víctor Fernández, ou Víctor Fernández, suspenden constantemente. Esa intensidade ha facer falta, xa o verán, nos últimos 5 partidos de Liga (lembren que un deles vai ser no Camp Nou). Quizáis a reservan para o final. Quizáis estean a dosificala. Se hai que xogala ós chinos diría que non, que as costuras de Víctor Fernández non están feitas para xogar con apreturas, non vaia ser que lle rebente o traxe. Xa veremos se o xastre ten ben tomadas as medidas ou non. De momento, este traxe ben vale para saír os domingos a pasear. Haberá que coidalo ben, como se non houbese outra muda nova que poñer. Así é como se tira para adiante en anos de crise, de apreturas. Porque é tempo de andar entre costuras. 

comentarios