Opinión

Álex Bergantiños sinala o camiño do ascenso

Que importante é para un equipo volver ter boas sensacións e confianza. Despois dunha tempada con pouco mérito, con moitos partidos pavorosos, cheos de erros, ocasións perdidas e sen ningún tipo de identificación, chegou a promoción de ascenso e a recuperación dun grupo que agora parece imbatible. Só quedan dous partidos para saber se son quen de selo. 

En Málaga o Dépor de Martí tiña poucas condicións favorables. A única visible, a dos afeccionados que foron á Rosaleda a presentar as credenciais dunha afección, recuperada na fe, capaz de facer remontar, cos seus folgos, calquera contratempo que puidese golpear ó cadro coruñés, como sucedeu cos dous paus de Ontiveros ou a ocasión de ouro de Harper cando se topou só diante da portería para mudar o partido. Ou o incríble momento da pifia de Munir, que mandou el só un balón cara dentro da portería cando o coiro realmente ía fóra. Si, porque ese balón de Munir só pode explicarse dun xeito posible: os afeccionados branco e azuis fixéronlle algo, unha hipnose, unha “güija”, ou algo así desde a bancada, para que un porteiro da talla de  Munir pechase a eliminatoria dese xeito.

Como lección da eliminatoria é moi bo lembrar agora cómo tendo que xogar o segundo partido fóra da casa, como vai suceder de novo coa final da promoción, hai que levar os deberes feitos da propia casa

Martí colleulle o ton ó equipo. Semellaba un técnico plano, de ideas fixas, con poucos elementos e recursos, e de súpeto, coa promoción, o adestrador sacou algo da chistera: a confianza. Hai un cadro de futbolistas que cren nas ideas que lle plantexa o seu técnico, aínda que estas requiran asumir riscos. Ten sobre os futbolistas poder de convicción. Só así se pode explicar que un equipo, que amosaba unhas carencias físicas enormes, puidese resistir un plan de partido tan esixente no físico e tan solidario. Apenas hai unhas semanas, sobre o terreo de xogo, víase un equipo que facía a guerra pola súa conta cando lle atacaba a ansiedade e a precipitación.

O Dépor menexou a vantaxe no marcador. Renunciou ó ataque para centrarse na resistencia. Aguantou todos os golpes, principalmente os de Ontiveros, que malia todos os centinelas que lle puxo Martí, conseguiu enviar dous balóns ó pau. Non viría de máis facer aquí un recoñecemento a fror que acompaña neste treito final ó equipo herculino. Xa non é unha flor. É un xardín cheo de flores de todas as cores. Tan importante é a sorte de tela como é a de buscala. Martí repartiu  trevos de catro follas a todos os que forman parte do seu plan de xogo. 

Arriscado era ese plan de partido. Pero non o fixo ó tolo. Martí fixo caso de quen entendía que había que poboar o centro de campo de futbolistas branco e azuis para defender o máis alto posible e en campo propio ó equipo, coa sorpresa de colocar a Vicente por diante de Bergantiños e Expósito, cando o lóxico semellaba que Edu asumise esa faceta. Pero Vicente cumpriu a misión mentres lle aguantou ó corpo, arroupado por un sacrificadísimo Pedro Sánchez por unha banda, e o sorprendente traballo de Carlos Fernández en tareas defensivas por diante de Vicente. O equipo non só foi solidario no esforzo, tamén estivo rigoroso no tacticismo. Mantívose pegado, moi xunto, ata que o Málaga deixou de apertar polo esgotamento físico dos seus. Cando os de Víctor Sánchez del Amo o fixeran todo e máis para marcar, consumidos entre os fortificados muros dos zagueiros e centrocampistas coruñeses, o técnico deportivista mudou de plan metendo a Borja Valle e Fede Cartabia para que o Málaga no canto de correr coa pelota, correse xa sen folgos, detrás dos deportivistas. Un golpe intelixente e definitiva. A Martí saíulle o plan redondo.

Como lección da eliminatoria é moi bo lembrar agora cómo tendo que xogar o segundo partido fóra da casa, como vai suceder de novo coa final da promoción, hai que levar os deberes feitos da propia casa. Este equipo que se fartaba a estragar ata o infinito ocasións moi francas, ante o Málaga no partido de ida recuperou a puntería e o acerto e marcou todas as ocasións claras que se atopou. Coa renda de catro goles encheu o peto de confianza e os pulmóns de osíxeno para que a cabeza e o corazón puidesen chegar onde xa non o poden facer as pernas. Con ese plan, deben volver contar. E para elo, teñen que conseguir a mesma inspiración, se é posible e o rival o permite. 

Impresionante e mención á parte ten que levar Álex Bergantiños. Foi o cerebro e a válvula de escape do Dépor. O capitán non fallou ó equipo. Respondeu como o primeiro dos branco e azuis. Foi o corsé do Málaga. Anticipouse incluso dentro da área deportivista para roubar limpamente o balón en dúas ofensivas perigosas dos de Víctor. Cando o Málaga xa estaba totalmente asfixiado e co Dépor máis liberado, Álex tamén tivo liberdade para moverse polo campo co acerto de atopar un espazo para guiar o balón ao balcón da área e, con máis fe que cabeza, disparar á porta coa sorte de que Munir lle fixera o resto do traballo corrixindo a traxectoria do coiro cara a súa propia porta. Álex, como en Barcelona, recuperou ao Dépor para facelo soñar. Dunha vez, para lograr unha agónica permanencia, desta vez, para certificar que os seus xogarán a final da promoción cargados de ilusión. 

Álex é un talismán para o Dépor. Un home da casa, maltratado por adestradores cegos e sen olfacto que pasaron polo berce deportivista certificando o seu fracaso. Pero Álex Bergantiños sempre está aí. E nos momentos importantes sae da súa humilde discreción para rachar un partido. Sempre serio, coa cabeza fría, pero cos obxectivos moi claros. No capitán repousa agora o valor da credibilidade, a forza da remonta e a ilusión cunha afección que segue emocionada o camiño ascendente que sinala o canteirán deportivista.  

Comentarios