Opinión

Cidade, porto e universidade: unha estratexia sustentable inexplorada

A urbe e o porto da Coruña son dúas realidades inseparables desde as orixes do asentamento humano na península herculina. Pola súa banda, a Universidade da Coruña, UDC, creada en 1989, é unha institución pública que acolle a 16.800 estudantes e dá traballo a  máis de 2.100 persoas, entre profesorado e persoal de administración e servizos. Probablemente concentra o maior número de empleos públicos na área metropolitana ártabra, conformada polas cidades da Coruña e Ferrol.

O convenio de 2004, asinado entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento, recollía o compromiso de reordenar urbanisticamente, nun prazo máximo de catro  anos, os solos desafectados do porto interior, tras desprazar á dársena de Punta Langosteira diversas actividades. Entre eses terreos localízase o ámbito dos peiraos de Batería e de Calvo Sotelo, cunha extensión de case seis hectáreas e media, á cal o PXOM de 2009 asigna usos residenciais, comerciais e terciarios, entrelazados mediante zonas verdes e de lecer.

No ano 2018, o Concello convocou un concurso de ideas sobre a fachada marítima da cidade, que incluía a intervención no devandito ámbito. Sen entrar a valorar os pormenores do concurso, poden resumirse os usos achegados polos concursantes en dous: lecer e residencia, en maior ou menor grao en función de cada proposta.

E entón, por que estamos onde estamos? Non por estratexia, nin por unha planificación intencionada. Foi o resultado dun encadenamento de oportunidades sobrevindas desde finais dos anos 60 do século XX

Uns meses máis tarde, desde a UDC exponse desenvolver, nunha parte da parcela da Fábrica de Armas, un novo recinto universitario: o Campus da Tecnoloxía da Información e Comunicación, coñecido como Campus TIC.

‘Observando’ os múltiples e variados titulares que esta noticia xera, non podemos senón pensar nas veces que nos Campus da Zapateira e Elviña queixámonos da distancia á cidade. Polo menos en Arquitectura. Aínda que sabemos que é oun queixume compartido con outras facultades.

Preguntámonos por que non dispomos de edificios representativos como o cuartel de Atocha, ou o da Fábrica de Tabacos… como sucede en múltiples cidades nacionais ou internacionais. Gústanos o “cogomelo”, o noso edificio, pero gustosos cambiariámosnos á cidade consolidada. Iriamos camiñando á Escola –á Facultade–; sería moito máis sinxelo incorporar o contexto urbano ás aulas… A actividade universitaria tería, sen dúbida, unha repercusión maior e máis directa na cidade. E, desde logo, gozaría dun maior grao de eficiencia e sustentabilidade.

E entón, por que estamos onde estamos? Non por estratexia, nin por unha planificación intencionada. Foi o resultado dun encadenamento de oportunidades sobrevindas desde finais dos anos 60 do século XX. A primeira, da man da Fundación Barrié, que dispuña duns terreos nos que se executaron sucesivamente as Escolas de Arquitectura Técnica, de Arquitectura Superior, e o Colexio Universitario, actual Facultade de Ciencias. A segunda xurdiu co peche de Fertiberia, a fábrica de fertilizantes, que facilitou a ampliación do recinto, no que hoxe se coñece como Campus de Elviña.

Case sesenta anos máis tarde, xorde unha nova ‘oportunidade’: os terreos da Fábrica de Armas. E a misma resposta: aproveitémola, terreos baratos… Aos oito campus que temos na UDC, dous en Ferrol e seis na Coruña, engadémoslle un máis. Fagamos un novo campus ao que chegaremos tamén en coche… Ou máis ben chegarán o persoal investigador adscrito e as empresas vinculadas.

Curiosamente, tanto no proxecto para o porto, como para o Campus TIC manéxase a sustentabilidade como eixo vertebrador. Un concepto que leva implícita a condensación de funcións, o aproveitamento de sinerxías. Reusar, reciclar, rehabilitar; reducir os movementos en vehículo privado; favorecer o comercio de proximidade; establecer usos polifuncionais, e recuperar a cidade tradicional, o feito construído máis sustentable. Aspectos todos eles moi vinculados á terceira dimensión da universidade: a transferencia de coñecemento. Mesmo a unha cuarta, a responsabilidade social. Esta manifestase cun vicerreitorado dedicado a tal fin, pero tamén co seu compromiso coa sociedade. Nas aulas apréndese, pero a comunidade universitaria ensina coa súa maneira de actuar. Libre, científica, racional. Sustentable.

Con estas consideracións, aunar a actividade no porto cos usos universitarios, reutilizando e pondo en valor o patrimonio industrial, parece unha opción pertinente. Unha alternativa que pon en contacto dúas situacións urbanas de primeira orde que poden confluír nunha acción común, dando resposta a tres cuestiones, que se fai co porto?; onde debe situarse a universidad con respecto á cidade?; como se pon en relación a cidade coa Academia?

O emprazamento do campus universitario no enclave portuario, a cota baixa da cidade, achegaría numerosas vantaxes. Entre outras, a proximidade ao Palacio de Exposicións e Congresos, Palexco; ás áreas comerciais do centro; ás instalacións hoteleiras e á lonxa, edificio que simboliza a relación da nosa cidade co mar. Así mesmo, tería unha repercusión moi positiva para a rexeneración do barrio do Orzán e da Cidade Vella, ao implementarse un uso que require de aloxamentos transitorios de curta e longa estancia para o alumnado, o persoal investigador e docente, ou profesionais ligados ao  Campus. Tamén favorecería, ao longo do día, os desprazamentos sen unha dependencia plena do transporte automobilístico, sexa privado ou público. Incorporaría a intermodalidad, elemento clave na mobilidade urbana, co fin de rebaixar os niveis de contaminación ambiental existentes. Por outra banda, os edificios industriais, coa súa imaxe característica, consolidada ao longo do tempo, actuarían como memoria viva dun pasado común. E, ademais, existe superficie suficiente para unha ampliación futura se fose preciso.

A relación íntima entre a universidade, a través do Campus do TIC, e a cidade, a través do porto, entraña unha relación biunívoca. A primeira pode aproveitar, entre outros equipamentos, os auditorios e as salas de exposicións da contorna e, á súa vez, as instalacións ligadas aos usos universitarios poden ser compartidas coa cidadanía.

A institución académica ocuparía uns terreos con vocación pública. O seu emprazamento nos peiraos permitiría dar continuidade ao paseo marítimo, enlazando o existente con Oza. Recuperar o bordo litoral para a colectividade. E sen ter que renunciar aos usos portuarios, industriais e turísticos presentes na zona, tal e como se explicou nunha comunicación presentada polos abaixo asinantes no Congreso Internacional Cidade e Territorio Virtual celebrado en Barcelona os primeiros días de outubro do presente ano.

Un último apuntamento. A finais do século XIX, Pau Gil, un banqueiro barcelonés asentado en París, ordenou no seu testamento que, tras liquidar a Banca Gil, da súa propiedade, a metade dos bens obtidos destinárase a construír un hospital, que debía ser xestionado polo Concello de Barcelona ou outra entidade similar. Á súa vez, neses anos, a Fundación da Santa Creu decidira construír un novo hospital ante as deficientes condicións do edificio situado no barrio gótico. Os xestores da fortuna de Pau Gil e a Fundación da Santa Creu xuntaron esforzos. De aí nace o Hospital de San Pau e a Santa Creu, unha referencia no campo socio-sanitario e arquitectónico, e un modelo de estratexia colectiva.

Porse de acordo en establecer estratexias encamiñadas a conseguir un mesmo fin non é un camiño fácil. Pero sen dúbida, a longo prazo  é máis efectivo e relevante que asumir oportunidades sobrevindas. E desde logo, máis sustentable.

 

María Carreiro e Cándido López. Profesores e investigadores na Escola de Arquitectura da UDC

Comentarios