Opinión

Unha decisión necesaria

As forzas políticas do sistema bipartito que predominaron desde a Transición, nas eleicións do 24 de maio padeceron un grave retroceso.

As forzas políticas do sistema bipartito que predominaron desde a Transición, nas eleicións do 24 de maio padeceron un grave retroceso. Conseguiron ainda unha maioría eleitoral mais, como xa sucederá en Cataluña e Euskadi, perderon a supremacía. No concernente a Galiza, o Partido Popular aparece como unha organización declinante e a baixada relativa do PSdeG, sen negar o papel que lle poda corresponder, indica que pode ser superado por forzas alternativas. O conseguido por organización como as distintas Mareas, con EU, Anova e outros componentes, Compromiso por Galicia e BNG-Asembleas Abertas, con representación directa en máis de 200 concellos, revela particularidades que favorecen unha  expresión determinante das ansias de liberdade, igualdade e xustiza da sociedade e anuncia o camiño a emprender para as posicións nacionalistas e da esquerda atinxiren a hexemonía.

"Depois dun tempo de desacordos e retrocesos, cando está en xogo no Estado o recoñecimento da plurinacionalidade, danse as circunstancias precisas para Galiza ter un Grupo Parlamentar proprio no Congreso".

Non é a primeira vez que se dá unha situación favorábel. Xa se produciran feitos tan significativos como a consecución en 1979 da alcaldía da Coruña por Unidade Galega;  o traballo realizado desde a sociedade e no Parlamento de Galiza polo BNG, o PS-EG e o PC, que culminou entre 1997 e 2005, cando depois da unidade das formacións nacionalistas o BNG obtivo o 25% no voto das eleicions galegas e o 23% para as europeas; o logro de tres deputados no Congreso, sen ficar lonxe de alcanzar catro; e a presidencia en tres alcaldías entre as  sete da principais cidades, participando no governo na maior parte das outras, ademais de facelo nun número notábel das vilas máis importantes e dos concellos de menor populación.  

Sendo iso así, e depois dun tempo de desacordos e retrocesos, cando está en xogo no Estado o recoñecimento da plurinacionalidade, danse as circunstancias precisas para Galiza ter, como as outros nacións, un Grupo Parlamentar proprio no Congreso. Para iso é preciso unir nunha candidatura de país ás forzas nacionalistas e da esquerda e aos cidadáns que partillaren ese propósito. Non tería sentido que desde unha nación como a galega, que ten unha necesidade vital de pleno autogoverno, se entregase a representación no Congreso a formacións políticas de ámbito estatal, coas que por outra parte se pode concordar, desde a independencia, en determinadas iniciativas da Cámara, como sempre se fixo. Todo na consciencia de que, co estalido da crise en 2008 causada polo polo capitalismo neoliberal e do fundamentalismo de mercado e pola rapiña dos governantes, a emancipación nacional, a procura do benestar colectivo e o direito a viver na propria terra van da man. Tal como en Escocia a respeito do Reino Unido.

Comentarios