Opinión

De Cataluña, a Unión Europea e Galiza 

Nos debates das eleccións do 27 estando en xogo a cuestión nacional catalana


        
Nos debates das eleccións do 27, estando en xogo a cuestión nacional catalana e os efectos que terán no conxunto do Estado español, en particular en Euskadi e Galiza, apenas se evidenciou que a reivindicación de independencia comezou en 2010, cando por causa dunha demanda do PP, o Tribunal Constitucional estragou un Estatuto que, apresentado polo Parlament, fora aprobado polas Cortes e en referendo como está estabelecido para os países recoñecidos como nacionalidades.

Definíndose como Intérprete Supremo da Constitución e co argumento da “indisolúbel unidade da Nación española” o Tribunal chegou a dicer que para o texto estatutario ser aprobado tería que modificarse a Constituición de 1978. Non se tomara unha decisión semellante no momento do ingreso na Comunidade Europea, cando sen tocala o Tribunal Constitucional e as instituicións centrais do Estado deron vía libre a unha integración que afectaba a competencias básicas do exercício da soberanía. Ignorando, por outra parte, que no desenvolvimento das competencias transferidas á UE o tal intérprete supremo, nunca chamado así, é o Tribunal de Xustiza radicado en Luxemburgo.

Cargando as tintas nos elementos máis dogmáticos e contraditorios do texto constitucional, quixeron fechar as reducidas vías de recoñecimento da diversidade nacional que se abriran na Transición, desconsiderando a Disposición Transitoria Segunda e a aplicación do artigo 151 que recoñecían os Estatutos de Autonomía da Segunda República de Cataluña, Euskadi e Galiza, os únicos países recoñecidos como tais e non como unha agregación das provincias criadas en 1834 [1].

"A sentencia do Tribunal confirmou o que tiña de ilusorio pensar nun autogoverno nacional galego a partir dunha modificación dunha Constituición outorgada polo Estado español"

A sentencia do Tribunal confirmou o que tiña de ilusorio pensar nun autogoverno nacional galego a partir dunha modificación dunha Constituición outorgada polo Estado español. Evidenciou que a emancipación pasa necesariamente pola criazón dun sistema proprio de organizacións políticas e pola manifestacion dunha vontade democrática maioritaria, tanto se a vontade ou a posibilidade histórica é a de compartillar un Estado plurinacional como se se pretender un Estado independente: a experiencia do tempo autonómico, particularmente a referente á primeira década do século XXI, mostrou a imposibilidade de compatibilizar as aspiracións das nacións internas co carácter centralista e uniformista do Estado español, concebido por riba como nación exclusiva.

Agora, cando se achega a decisión catalana sen os poderes españois teren feito proposta algunha tendente ao recoñecimento da plurinacionalidade, aducindo que na UE son imposíbeis tanto o alargamento con Estados emerxidos no territorio comunitario como a modificación de cuaisquer fronteira interna, os españolistas basan a súa campaña na negativa da entidade comunitaria a aceptar como Estado membro a unha Cataluña independente.

"É preciso recordar que sen os Tratados foren alterados, foi tomada unha decisión tan transcendente como a da integración da República Democrática Alemana na República Federal de Alemaña"

Frente a isto é preciso recordar que, sen os Tratados foren alterados, foi tomada unha decisión tan transcendente como a da integración da República Democrática Alemana na República Federal de Alemaña. Igualmente que as provincias do Ulster incluidas no Reino Unido poderían integrarse na República de Irlanda se así o deciden os seus cidadáns e que de Escocia se independizar mediante un referendo sería aceptada sen reservas nas instituicións da Unión Europea. E todo iso é ben deitar a mirada en que, mudada a situación política na Europa do Leste, todos os países afectados que así o quixeron tornaron en Estados membros da UE, varios deles depois de recuperaren, ou estabeleceren por primeira vez, a condición estatal [2]. Hai que dicer que as declaracións de dirixentes de Estados da UE utilizadas para descualificar ás posicións dos soberanistas cataláns non poden substituir a unha decisión que corresponde ao Consello Europeu e ao Parlamento Europeu cando se materializar unha decisión dos cataláns. Sen esquecer que de chegar ás instituicións da UE este é un caso novo que requerirá un tratamento específico e que a exclusión de persoas que xa son cidadáns comunitarios violentaría os principios inscritos nos Tratados. Mesmo se transitoriamente se dera ese feito, nada impediría a asociación, partillando entretanto relacións e elementos substanciais. 

Sendo isto así, na perspectiva das eleccións estatais do 20 decembro, Galiza non pode ficar fora nos debates abertos. Non se descobre cousa ningunha ao constatar que, vivíndose un confronto destinado a superar a política económica e social fundamentada no capitalismo neoliberal e do fundamentalismo de mercado, a cuestión da plurinacionalidade ocupará o primeiro plano. Na consciencia de que para Galiza ambas cousas son a mesma, as formacións políticas e sociais proprias teñen que estár alí. Nas Cortes con un Grupo Parlamentar independente elexido para iso pola sociedade galega.

[1] Para unha crítica do españolismo. Xerais. Ensaio. Vigo. 2012. 

[2]  No proprio Parlamento europeu na lexislatura 1999-2004 foi fundado o Intergrupo de Nacións sen Estado que, presidido polo deputado do BNG na Cámara e con presenza de deputados e deputadas de Escocia, Flandres, Gales, Cataluña ou Euskadi que na circunstancia do alargamento ao Leste de Europa traballou polo recoñecimento do alargamento interno.

Comentarios