Opinión

Problemas coa memoria da guerra en Irlanda

Houbo polémica en Irlanda no comezo deste ano 2020. O goberno de Leo Varadkar (Fine Gael) quixo conmemorar para o vindeiro 17 de xaneiro os corpos policiais do Imperio Británico na illa. Concretamente o RIC (Royal Irish Constabulary) e o DMP (Dublin Metropolitan Police). A polémica non tardou en saltar, sobre todo, porque a conmemoración coincide co centenario da Guerra de Independencia de Irlanda sobre o Reino Unido (1919-1921).

A idea do acto, en realidade, foi proposta do ministro de xustiza, Charlie Flanagan, quen propuña unha conmemoración dos membros do RIC e do DMP polos seus anos de servizo (1836-1922). O ministro de xustiza defendeu que tanto o RIC como o DMP estaban formados maioritariamente por irlandeses católicos. Cousa que é certa e que, ademais, adoitaban ser de extracción social media-baixa. De feito, o IRA nos anos da guerra tiña algúns problemas para topar coa chave que lles permitise actuar contra os policías do RIC nas pequenas vilas rurais de Irlanda sen perder o apoio da veciñanza. Nalgúns casos o problema era especialmente agudo, xa que, como comenta o xornalista Ryle Dwyer, logo da Primeira Guerra Mundial, sen traballo, moitos mozos irlandeses e católicos pasaban a engrosas as filas do RIC nas áreas rurais[1]. Por este motivo, o ministro de xustiza tentou xustificar que eses homes so facían o seu traballo, como todo policía en calquera parte do mundo e que, ademais, abrindo outra crítica, a historiografía irlandesa tíñaos tratados inxustamente.

Pola contra, partidos políticos como o Sinn Féin, mais tamén outros políticos independentes, ou membros tamén do Fine Gael ou do Fianna Fáil criticaron e chamaron abertamente a boicotear os actos. Entre as voces criticas apuntouse que tanto o RIC como o DMP non eran máis que instrumentos de dominación dos británicos na illa[2]. Mais ben, sen dúbida o peor do asunto era a inclusión nos actos de memoria do corpo de auxiliares do RIC. Un corpo policial “especial” creado ad hoc polos británicos para facer fronte ás actividades insurreccionais do IRA. Estes auxiliares eran coñecidos polo nome que lles daba a súa vestimenta, Black & Tans quen, xornalistas dende o The Irish Times, non dubidaron en denominalos de corpo vergonzoso. Unha impresión que xa se mantiña naquel tempo, como apuntan ao falar da súa fama froito das súas actuacións violentas[3]. Esta cuestión, seguramente se entendería mellor si sabemos que os auxiliares eran un corpo policial militarizado, xa que estaba formado por soldados británicos e veteranos da Primeira Guerra Mundial. Desta forma, a idea do goberno de Londres era levar as prácticas da guerra ao IRA para tentar controlalos. Porén, o resultado da chegada dos auxiliares á illa en 1920 foi a rápida notoriedade que gañaron polos seus des mans. Entre outras cousas: incendios, violacións e torturas contra a poboación civil sospeitosa de colaborar co IRA, ou ben, contra os propios membros do IRA detidos e que, asasinados extra-xudicialmente, non chegaban nunca a ser presentados diante dun xuíz.

Que pasará agora? Iso é o que se preguntan na illa. A forza das protestas contra o acto e os altos niveis de impopularidade sorprenderon ao ministro de xustiza, e as críticas arrecían máis ca nunca sobre o executivo do conservador Leo Varadkar. O acto programado tivo que adiarse indefinidamente en busca doutras solucións. Mentres tanto, na música, ese vehículo de memoria tan eficaz para os irlandeses, colocouse no número 1 de iTunes a vella canción dos Wolfe Tones “Come out ye Black & Tans”[4].

[1] Ryle Dwyer, T.: The Squad and the intelligence operations of Michael Collins. Mercier Press, Dublin, 2005.

[2] https://www.irishtimes.com/culture/heritage/commemoration-controversy-who-were-the-ric-dmp-black-and-tans-and-auxiliaries-1.4134977

[3] https://www.irishtimes.com/opinion/britain-should-not-forget-the-irish-war-of-independence-1.4134044?fbclid=IwAR3o9NTMNz_7goGjxSNZfYFvBPecO-9rWxYxZbc3ChE0wnP8JSJhBUr-d9o

[4] https://www.irishmirror.ie/news/irish-news/black-and-tans-dublin-varadkar-21242436?fbclid=IwAR247lmza9SGNqHDzPz-zX1MWCLOyvwaA5hOPcJ7uZXgQddWPPmqXAYnrJo

Comentarios