Opinión

Onte inda servos, hoxe xa donos 1919-2019

En Irlanda levan dende o ano 2016 de conmemoración en conmemoración. É previsible que siga ocorrendo así ata polo menos o 2022 ou o 2023. O motivo? Organizan, celebran e divulgan o relato triunfante da independencia de Irlanda. Nesa liña, todo comezou co Easter Rising de 1916 e os mártires xurdidos daquel acontecemento. Como esquecer aos Thomas J. Clarke, Patrick Pearse, James Connolly ou o tráxico Joseph Plunkett dicindo: “No se trata de vencer, senón de trascender”.

Agora, no pasado día 21 de xaneiro celebrouse outro centenario marcado a lume no imaxinario da independencia do país. Fixo cen anos dun movemento político curioso e transcendental. Fracasada a estratexia da vía insurreccional para lograr a independencia, os superviventes de 1916 volveron presentarse ás eleccións xerais do Reino Unido. Os resultados das eleccións de fins de 1918 arroxaron uns resultados espectaculares para o Sinn Féin, un partido que serviu naquel momento a modo de barco de salvamento para todo tipo de independentistas naufragados na derrota, na ilegalización ou na represión política británica.

A vía da fronte electoral deu os seus froitos ao conseguir 73 dos 105 escanos da illa. Un total do 46,9% dos votos totais emitidos. Cos resultados electorais na man, a estratexia independentista sería non recoñecer o parlamento de Wesmister, quedarse en Dublín e proclamar alí o Dàil Éireann (Asemblea de Irlanda). Deste xeito, contan que na Mansion House, o edificio céntrico dublinés onde se reuniron os deputados do Sinn Féin, amoreouse un importante rebulicio de xente pola mañá. Cal foi a sorpresa que os curiosos que roldaron pola rúa non estaban alí para ver un acto de recoñecemento aos soldados irlandeses retornados de Francia. Non. A xente concentrada ás portas da Mansion House apoiaban os deputados electos do Sinn Feinn cando estes se dispuñan entrar no edificio.

Quen vaia a Irlanda este ano poderá participar seguramente na morea de actos que se prevén organizar ao redor destes acontecementos

 

O resto xa é historia coñecida. Ese Dàil Éireann auto-constituíuse nun poder soberano que mantivo un pulso tenso con Londres ata que comezaron as hostilidades e con elas, a guerra aberta entre o RIC e o exército británico e as distintas partidas do IRA. Quen vaia a Irlanda este ano poderá participar seguramente na morea de actos que se prevén organizar ao redor destes acontecementos. Abrirase unha vaga de eventos históricos, recreacións, efemérides ou reedicións de xornais, libros e outros que durarán ata o 2022 cando por fin remata a guerra e se proclama o Irish Free State.

Seguramente haxa exame de conciencia coa posterior conmemoración da guerra civil irlandesa ata o 2023, e incluso haberaos que queiran esperar ao 2037 para celebrar con máis xeito a proclamación da verdadeira Irish Republic. En calquera caso, isto xa serán cuestións propias da Historia de Irlanda e da política interna do país. O importante para nós é coñecer e aprender destes eventos históricos para ter en conta que o imposible, e só o que non se intenta.

Comentarios