Opinión

Son eficientes os nosos medios de comunicación?

Andy Warhol,  afamado cineasta e artista plástico de gran apoxeo na década dos sesenta, tivo un día unha curiosa premonición que na actualidade xa se alberga dentro do grupo de frases célebres: “No futuro todo o mundo será famoso durante quince minutos. 

Andy Warhol,  afamado cineasta e artista plástico de gran apoxeo na década dos sesenta, tivo un día unha curiosa premonición que na actualidade xa se alberga dentro do grupo de frases célebres: “No futuro todo o mundo será famoso durante quince minutos. Todo o mundo debería ter dereito a quince minutos de gloria". Evidentemente, tiña abundantes razóns para argumentar esta hipótese; El mesmo, exercendo a dirección da compañía Factory, comprobaba en primeira persoa como a sociedade cinematográfica incrementaba ano tras ano os seus éxitos de produción, sendo á vez consciente de que estas novidades tecnolóxicas se sucedían noutros campos como o dos medios de comunicación informativa. Era tal a expansión, que ben podía ser factíbel crer neste porvir que baseado no ideal demócrata supoñía un gran triunfo. 

"Barack Obama empregaría estes métodos para gañar votos a través de novos instrumentos da era como twiiter ou a creación dunha propia páxina web".

Pero quizais porque Warhol xamais chegou a ter grandes intereses políticos e a súa  observación da sociedade, centrada principalmente en fotografar e gravar case todo aquilo que observaba, podía chegar a resultar bastante frívola e superficial ( Véxase a frase :Amo Los Ángeles, Amo Hollywood. Son tan fermosos. Todo é plástico, pero amo o plástico. Quero ser plástico), ocorreu que non tivo cabida no seu  axioma a posibilidade de que estes adiantos puidesen ser facilmente adquiridos polas altas xerarquías que sen pestanexar censurarían o  cuarto de hora daquelas voces que se manifestaran contra os seu poderío. 

Nos nosos días, coido que se cuestiona máis ben pouco esta problemática. Cando falamos de avances tecnolóxicos mesturados con política , numerosas veces comezamos pensando nos Estados Unidos de América e aquel famoso debate televisado entre Nixon e Kennedy, onde este último conseguiu transmitir á audiencia de 1960 unha maior credibilidade e seguridade fronte á cámara que posteriormente  se viu proxectada na súa vitoria . Así mesmo, en iguais circunstancias pero bastantes anos despois, Barack Obama empregaría estes métodos para gañar votos a través de novos instrumentos da era como twiiter ou a creación dunha propia páxina web.

Ditos exemplos incítannos a crer que grazas a estes materiais podemos dispoñer dun maior contacto e proximidade cos nosos políticos. Pero, ata que punto esta interacción ten como causa o beneficio da actividade demócrata? Se nos detemos a analizar as veces nas que máis dispositivos tecnolóxicos se puxeron en marcha, descubriremos que sempre coincidiu con pleno período electoral, onde por conveniencia do  propio partido se proxecta unha imaxe masiva e recargada de marketing e publicidade. Pero, que nos reporta iso a nós? Simplemente verdadeiros enganos. 

Por outra banda, é curioso observar que cando alguén decide cuestionar que tipo de motivos son os que impiden a execución dun poder popular más directo e transparente, a través iniciativas como referendums, a resposta da clase política sempre é  a mesma “carecemos de  suficientes medios”. Unha contestación ilóxica que fala por si soa e soamente deixa lugar á indignación, rabia e protesta daquelas/es que ven oprimidas e pisadas as súas verbas. 

Ante esta circunstancia, non sería xusto deixar de facer mención á información que vive somerxida e se mostra invisíbel ante os medios convencionais pero que a pesar de todo, existe. Os exemplos poderían ser milleiros, mais quizais un dos primeiros que ven a miña memoria foi o sucedido hai cerca dunha década tamén en  EE.UU cando a canción da cantante Pink “ Dear Mr. President” chegou a ser censurada nas radios pola súa connotación de protesta anti- Bush. Recordo que coa miña curta idade de entón, non deixaba de abraiarme ante aquel feito sucedido no marabilloso mundo estadounidense que tan ben se nos sabía vender nas películas e políticas exteriores. 

"Como dixo Noam Chomsky: “ Cando máis logra vostede aumentar o medo ás drogas, o crime, as nais desamparadas, os inmigrantes e aliñados, máis controla a toda a xente”. 

Co paso dos anos, pareceume querer descubrir ademais nos medios deste mundo globalizado un certo interese por inculcar o terror aos seus consumidores. Un medo moitas veces inexistente mais interesante de facer chegar á poboación, xa que como dixo Noam Chomsky: “ Cando máis logra vostede aumentar o medo ás drogas, o crime, as nais desamparadas, os inmigrantes e aliñados, máis controla a toda a xente”. 

Certamente, é triste que para mostrar as diferentes caras da noticia, tanto as/os verdadeiras/os xornalistas como todas aquelas persoas consideradas anti-sistema, téñanse que agochar baixo estruturas case clandestinas que grazas a medios como Internet fan posíbel a súa difusión. E é neste punto onde debemos coller exemplo  do que significa un bo aproveitamento de canles ; Aquelas que nos permiten escribir, falar e vivir en liberdade e non as que limitan o dereito de que os nosos pensamentos sexan escoitados ou nos mostran un presidente de Estado dando conferencias a través de pantallas xigantes que imposibilitan á/ao xornalista realizar preguntas que poidan comprometer ao manda máis.  
Matinándoo ben, como xa se dixo algunha vez, hai algo da frase de Warhol que acadou ser realidade; Cando prememos a televisión observamos que pode ser doado ser atendida/o  pola opinión pública, inclusive , durante máis tempo do que estimara o cineasta . Pero resulta curioso que a/o nova/o famosa/o sempre sexa a " mona de distracción" que ocupa cadeiras de programas baleiros de contido e raramente o ser indignado.

Penso que de vivir nos nosos días Karl Marx, de  seguro que houbese posto de releve urxente no Manifesto comunista a necesidade de que o proletariado, a xente traballadora que decotío  pon a andar o mundo, se apoderara desta industria que tantas masas  move ideoloxicamente e que sen dúbida, en base ao emprego das palabras pode chegar a cambiar o mundo. 

Comentarios