sábado 27/02/21

Que festexarán o 12 de outubro?

O café onde acostumo reunirme coa xente que de vez en cando quere debater o mundo real,  é un espazo xeitoso onde a televisión non existe e a música de Roxette, Cindy Lauper ou Tina Turner soa lixeiramente de fondo. Gústame o modo no que conversamos; Sempre con calma e esquecendo por minutos que estamos en Madrid, a cidade frenética e por veces, impersoal. 

O café onde acostumo reunirme coa xente que de vez en cando quere debater o mundo real,  é un espazo xeitoso onde a televisión non existe e a música de Roxette, Cindy Lauper ou Tina Turner soa lixeiramente de fondo. Gústame o modo no que conversamos; Sempre con calma e esquecendo por minutos que estamos en Madrid, a cidade frenética e por veces, impersoal. 

"E é que ben pensado, que estraño que a simboloxía da Galiza, Euskal Herria ou  Catalunya sexa tan duramente reprimida e a de España se mostre do xeito máis honorífico posíbel en actos público"

Andaba eu pois, o outro día de camiño para aló cunha amiga, namentres matinando na data que se aproxima quixen comezar por preguntarlle: “ Oe, e ti que pensas do xeito no que celebran España o doce de outubro?”  , nun principio dubitativa, así me respondeu: “ Bueno, ti xa podes imaxinar o que creo; O mundo debería ser coma a canción “ Imagine” de Lennon onde non hai fronteiras, nin por suposto,  día de ningunha Patria nin Matria ou como vos dea por chamarlle...” . Horas máis tarde, fíxenlle a outro amigo en idéntico contexto a mesma pregunta, ao que respondeu con seguridade: “ Pois eu véxoo ben, é o día do meu país e estou orgulloso de que se celebre dese xeito. É un espectáculo fermoso onde non debemos esquecer que todo o armamento que mostran é unha simboloxía, comprenderás que non é ningún pecado nin delito”. 

“ Curiosa simboloxía!”, matinei. E a miña cabeza, case sen querer, rodou de inmediato ao pasado catorce de setembro cando en Compostela durante a chamada “ Vuelta ciclista a España” foron identificadas aquelas persoas que levaban a bandeira da Galiza en man. Así que polo tanto,  aquilo si debía de ser unha seria falta ante os ollos dos organismos e institucións do Estado español. E é que ben pensado, que estraño que a simboloxía da Galiza, Euskal Herria ou  Catalunya sexa tan duramente reprimida e a de España se mostre do xeito máis honorífico posíbel en actos públicos sen que a penas, caiba dúbida entre as/os cidadáns do significado real de todo isto.  

E así, namentres lle daba voltas á bebida que estaba a tomar e ollaba como fora chovía sen tregua, figureime por un intre sendo de Madrid, sentíndome española, sabendo que o doce de outubro sería a festividade da miña matria e asistindo ao mencionado desfile de tódolos anos. A cuestión que en min se suscitou de súpeto, foi simple: Que tería que celebrar e aplaudir?  Sen dúbida, arestora , España carece de sentido democrático, así que supoño que en tal caso acudiría a festexar o meu suposto sentimento españolista que intentaría non entender de estruturas políticas, xa que nese caso e tendo un mínimo de decencia humana, soamente cabería en min a vergoña. 

"España carece de sentido democrático, así que supoño que en tal caso acudiría a festexar o meu suposto sentimento españolista que intentaría non entender de estruturas políticas, xa que nese caso e tendo un mínimo de decencia humana, soamente cabería en min a vergoña". 

Pensemos nada máis, na idea de “ democracia” que tan acostumadas/os estamos a escoitar decotío saír da boca de innumerábeis personaxes políticos no Congreso, Senado e Parlamento. Son incontábeis as veces que se fixo alusión a España coma un “país” que a diferenza de Cuba ou Venezuela se mostraba ante o mundo “cun claro ideal demócrata e uns principios abertos ao diálogo, respecto e tolerancia, rexeitando sempre o uso da violencia”. O discurso foi e segue a ser tan constante e repetitivo que afeitas/os estamos a escoitar, interiorizar, aceptar e recitar outra vez cara o exterior ditos preceptos .

Mais a teoría semella distar demasiado da praxes cando nos decatamos da realidade, por exemplo, ao vermos a expresión dos diferentes usos de violencia policial contras as/os manifestantes nas rúas ou observar o desafiuzamento de mozas/os , familias ou anciáns das súas casas mediante o uso da forza. Neses intres, nin tan sequera chega a pensarse no artigo  47 da Constitución de 1978, onde se manifesta o dereito de todo ser humano a dispoñer dunha “vivenda digna e adecuada”. 

Sen embargo , á hora de tratar de facer imposíbel o referéndum do 9 de novembro en Catalunya para decidir de forma pacífica e libre a cuestión independentista, decatámonos de que o dereito de autodeterminación que todo pobo debería posuír xa de por si, vese negado alegando que viola o artigo 2 do Título Preliminar onde se fala dunha “ Constitución fundamentada na indisoluble unidade da Nación española”  , sendo testemuñas á vez,  de como o Tribunal Constitucional hai poucos días se reafirmaba no afirmado, baixo a presidencia ( oh, casualidade!)  de Pérez Cobos, do cal xa se ten demostrado a súa simpatía de cara o Partido Popular. 

"Este ano xa sería o meu terceiro doce de outubro na España onde seguía sen comprender o motivo polo que se sacan os tanques á rúa e se presume de ferramentas que soamente teñen a función de asasinar".

Namentres miraba o meu vaso xa case valeiro, lembrei aquilo que Dunn dicía de que a democracia era aínda unha viaxe inacabada, mais nestes intres nos que a sociedade vive nunha especie de mestura de crise económica e de valores,  penso que nin tan sequera chegaremos ao modo de poliarquía que Robert Dahl mencionaba como requisito previo para conseguir o sistema pretendido. 

E así pensando nisto, pareceume que a fora ía estiñando, ou coma na Galiza se diría “ dando paso ao orballo” e mentres comezaba a erguerme da cadeira e vestir a miña chaqueta, pensei en que este ano xa sería o meu terceiro doce de outubro na España onde seguía sen comprender o motivo polo que se sacan os tanques á rúa e se presume de ferramentas que soamente teñen a función de asasinar.

O primeiro ano, cando contaba con dezasete anos , falóuseme da palabra “ defensa” xustificada cun “ ya lo entenderás...” . Defensa? Que estraña palabra, defensa era o fusil de Ernesto Guevara e ben criminalizado que está por aquelas/es que xustifican o Madrid que este segundo domingo de outubro  parecerá do 36. 

"Por moi española que eu me chegara a sentir, o meu sitio o próximo día doce non estaría ao carón de armamentos, soldados , ministras/os, raíñas, reis e demais altas xerarquías" 

Definitivamente, coido que por moi española que eu me chegara a sentir, o meu sitio o próximo día doce non estaría ao carón de armamentos, soldados , ministras/os, raíñas, reis e demais altas xerarquías que crean o noxento aparato político que na actualidade todas/os temos que pagar e soportar. En tal caso, o meu lugar estaría próximo ao de sempre, á reivindicación dunha España non opresora, onde se viva e se deixe vivir, onde as nacións integradas teñan dereito a irse cando así o queiran e decidan e onde non se abuse de nós nin se nos prohiba saber que “ Galiza é nación e ten dereitos”. Unha España ceibe como non, na cal non teñamos que ser vítimas de atentados contra as palabras que escribimos ou as cores ideolóxicas que pintamos , unha España na que reivindicar os dereitos das/os presas/os políticas/os non signifique ser “ suposta/o terrorista en potencia” nin moito menos pasar a disposición xudicial por “enaltecemento” de dito termo. Falo desa España na que de verdade fose posíbel coñecer o verdadeiro efecto do Estado de Benestar e das palabras “ educación”, “ sanidade”   ou “dignidade”. Un lugar onde as auditorías gobernamentais  se fixeran públicas, houbera redistribución da riqueza e as decisións políticas puidesen ser mudadas cando o poder popular así o decidise.  A fin de contas, soamente falo de xustiza e tal vez demasiada utopía para os tempos que corren, pero quizais neste hipotético contexto , ao mellor en España sentiríase que hai algo que festexar. 

En fin: 

Este doce de outubro vai ser gris porque coido que aquí, en Madrid, xírase ao revés.
Terceiro doce de outubro, 
Outono
Pisando charcos
Ollando o mundo a través dunha fiestra
Cos pés acó e a esperanza na Galiza
Sempre!

comentarios