Opinión

Chegou a hora de levar á práctica o “ Nunca máis!”

Arestora vivimos nun mundo que leva o mal nome de “ xustiza dos poderosos”, onde curiosamente estes personaxes se xulgan a si mesmos e converten a súa sentenza  na nosa xenreira. Na mesa, polo tanto,  hai varias opcións: Podemos pasar de longo, indignarnos “ a secas” ou indignarnos ata o extremo de que comece a fervernos tanto o sangue como para sentir a necesidade de loitar a prol de que a decisión sexa trocada.

“ Mar é querido

Mar é soñado
Mar é quen por centos de homes navegado, 
Coñécente aínda vivo”

 “Mar” / “Vou ao Mar” (1981). XOCALOMA

Arestora vivimos nun mundo que leva o mal nome de “ xustiza dos poderosos”, onde curiosamente estes personaxes se xulgan a si mesmos e converten a súa sentenza  na nosa xenreira. Na mesa, polo tanto,  hai varias opcións: Podemos pasar de longo, indignarnos “ a secas” ou indignarnos ata o extremo de que comece a fervernos tanto o sangue como para sentir a necesidade de loitar a prol de que a decisión sexa trocada.

"O meu pobo non esquece o esforzo de hai anos por deixar Galiza limpa; limpa daquela marea escura, pero non da busca de culpábeis. Trátase de “dignidade galega” 

O pasado día 15 de novembro, cando o malestar popular se fixo visíbel nas rúas, comentabamos algo disto nun xantar en Madrid: En verdade as/os galegas/os non estamos tan xunguidas/os como deberíamos, xa que aínda hai moitas/os que ao ollar a terra galega non son quen de entendela e sentila como nación. Por iso, nestas situacións concretas é inevitábel querer saber que materia de espírito será a que nos abrangue? Que meigallo é o que nos move a saír ás rúas ,  ou que ar do norte será o que nos enche os pulmóns de forza para berrar con furia “ Nunca máis!”? Porque a nosa xente tamén pode ser moi teimosa e rabuda cando quere!

Non sería tampouco xusto pola nosa parte: Prometeuse mentres se enchían as prazas con bandeiras negro-azuis, mentres se concienciaba ás/aos nenas/os nos colexios ou namentres se observaba con dor e bágoas a costa negra. Prometémolo: “ Nunca máis!”. E eu penso que o meu pobo non esquece o esforzo de hai anos por deixar Galiza limpa; limpa daquela marea escura, pero non da busca de culpábeis. Trátase de “dignidade galega” e por ela, sabemos que non o vamos deixar correr, faltaría máis!. 

Ese mesmo día, recibía tamén unha mensaxe da Galiza dende a concentración das oito da tarde, afirmando con moita ledicia que “ estar aló reunidos xa era pasar das palabras aos feitos” . Discrepo. Se ben é certo que as manifestacións son reflexo  da resistencia e indignación do pobo, estas non deixan de ser a simboloxía da teoría; igual cas imaxes presentes nos libros de texto. Precisamos máis, moito máis!

Precisamos non desistir, recoller sinaturas, levar as nosas protestas ao Tribunal Supremo, non esquecer aqueles “fíos de plastilina” e gravar ben na mente o nome do señor José Luis López Sors . En definitiva ,é mester insistir e revisar tódalas vías xudiciais posíbeis  e que á par, se escoite unha gran protesta sistemática. Non nos podemos deixar devorar polo Estado e   elas/es teñen que saber  que non pensamos abandonar nin vamos limitar os nosos actos a unha manifestación con carteis.

"Precisamos non desistir, recoller sinaturas, levar as nosas protestas ao Tribunal Supremo, non esquecer aqueles “fíos de plastilina” 

Se non o facemos pode que sega a navegar para sempre sobre as nosas conciencias ese buque petroleiro de nome “ Prestige”. 

Comezaba este artigo cuns versos dun vello disco que a unha rapaza coma min, criada na montaña do país , me fixeron escoitar e sentir de preto a presenza do mar. Remátoo cun poema de Pondal,  musicalizado á vez pola mesma autoría. Coido que pode explicar moi ben a historia deste combate na nosa patria por acada a verdadeira “xustiza popular”. Sen dúbida, un camiño de silvas e toxos, unha loita na que depositamos todas as nosas esperanzas de saír como xustas/os vencedoras/es.  


Os fillos escuros do chan polvorento,
De rostro mourisco, os fillos do vento
Os sempre envexosos dos galegos feitos,
Borraran os fastos...(....)
(...)Máis non borraron a fala,
Máis non borraron o xenio,
Máis non borraron o espírito 
dos fortes galegos!”


“ Os fastos”. Poema de Pondal/ “Soio un sono...” (1979). XOCALOMA

Abofé que agora si, chegou a hora de levar á práctica o “ Nunca máis”!

Comentarios