Opinión

Verba que comeza

Encéndeseme o peito, brua en alma soia

̶ verba que comenza ̶.

Ti que sabes de onde viñen

ti que sabes ben quen son,

ti que ves por onde ando.

Ouh, raxa o tempo ca túa hora, raxa as cousas!

Ti xa morta, viva ou non sei, ti...

Pro, quén eres ti?

Si non peneiras o farelo, si non daás

formento á masa,

si non coce xa o teu forno,

que pan sacara o teu grau ben do mundo?

Ti, hoxe miña, ̶ sóio hoxe, mañán xa

non,

mañán serás nebra nubra como outra.

Hoxe dime,

dime das cousas, dime si o meu de ti alento

é alento ou bruma,

dime si respiro ou afogo,

dime daquela hora miña  ̶ día noso ̶ .

Ouh Natureza pequeniña e longa, hoxe

téñote na man, cinguida ós meus dedos de

terra,

puño xusto da miña forza,

soio latido.

María Mariño publicou Palabra no tempo no ano 1963 mentres Silvia Palth escribía coa máxima urxencia Ariel. Na Rusia comunista, Ana Ajmátova rematara no 1962, despois de 22 anos de escrita, o seu Poema sen heroe. Celso Emilio en Galicia publica ao mesmo tempo Longa Noite de Pedra e só uns meses antes, en1961, aparecera Nimbos de Díaz Castro.

Dez anos antes Galaxia publicara Os Eidos de Novoneyra e Fabulario Novo de Cuña Novás. En América Charles Olson, Adrianne Rich, Robert Creely e os poetas beats descubrían novos vieiros. Os poetas da posguerra civil e os de entre-guerras mundiais foron autores desacoplados, sen a percepción dunha pertenza xeracional que consideraron en múltiples casos artificial fronte a marcada conciencia de identidades nacionais, clase ou raza.

Foto Uxío, María Mariño, Manuel María e Saleta Goi

María Mariño, que por data do nacemento pertencía á Xeración do 36, non escribiu nin publicou antes da Guerra Civil. Comezou a facelo tarde, con urxencia, vinte anos despois, de forma concentrada entre 1957 e 1967, ano no que faleceu en Parada do Courel.

En Galicia, os poetas da posguerra seguiron conectados coa anterior xeración e a María Mariño, Don Ramón Otero Pedrayo prologoulle Palabra no Tempo. Tamén mantivo correspondencia con Ánxel Fole, Terra Brava foi unha das súas lecturas favoritas.

A ruptura da sintaxe foi o trazo identitario da poesía de María Mariño, unha característica compartida con abondosa poesía do seu tempo. O seu tratamento da linguaxe non derivou dun coñecemento de novas formas de creación poética. A fractura esencial da súa palabra, pola Uxío Novoneyra a nomeou como “dinamiteira da fala”, ascende da posesión da lingua popular tensionada pola vivencia interior tecida coas fracturas exteriores e compartidas cos seus contemporáneos como a Guerra Civil, o exilio, unha longa posguerra inicialmente tan dura coma guerra, o eco ao lonxe das guerras mundiais e un proceso migratorio que desangrou o país durante os derradeiros anos da autora.

A súa poesía automática e onírica foi surrealista sen forzalo, tamén metafísica e en certo senso mística e revolucionaria. A súa achega poética é singular, contextualizada na re-emerxencia da literatura galega con novas voces poéticas como Luz Pozo, Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg e Dora e Pura Vázquez.

Francisco Fernández del Riego destacou na Historia da Literatura Galega (1971) o intimismo e o pulo experiencial da poesía de María Mariño, Miguel González Garcés mencionouna na Antoloxía Poesía Gallega de Posguerra. Estas referencias coinciden coa publicación en prensa de artigos asinados por X.L. Méndez Ferrín, Ánxel Fole, Luis Trabazo e Francisco Umbral, que souberon reaccionar fronte a ise “algo novo” que amosaba o único libro que a poeta publicou en vida.

Pasaron máis de dúas décadas da súa morte e o Concello de Noia, cando Avilés de Taramancos era concelleiro de goberno publicou Verba que Comenza (1990), edición ao coidado de Uxío Novoneyra. 25 anos despois da súa morte saíu do prelo a Obra Completa (1994) en Edicións Xerais. Apareceron diversas publicacións en revistas e separatas que reactivaron o interese pola autora.

Durante décadas o traballo de Uxío Novoneyra e de colectivos noieses a favor do recoñecemento da obra de María Mariño agromou e no centenario do seu nacemento a Real Academia Galega decidiu dedicarlle as Letras Galegas no ano 2007. Foi a terceira vez que se lle outorgou a maior distinción a unha muller. Nesta ocasión cunha ampla discusión na Academia sobre a autoría da obra dunha muller que foi unha poeta-pobo cunha voz fondamente posuidora da fala e cultura populares.

Comentarios