Opinión

Un poema novo

A miña lingua

 

A cada… podería…

Narrar

A miña lingua

Contar mitos

 

Ao varón… os máis nobres asuntos

Máis grandes…

 

[…]

… no peito

Fai seis anos os papirólogos S. Burris, J. Fish e D. Obbink publicaron na Revista de Papiroloxía e Epigrafía (Zeitschrift für Papyrologie und Epigrapik) unha serie de cinco fragmentos do Libro I da poeta Safo de Lesbos na súa edición helenística. Cos títulos: E a noite, O poema dos irmáns e o apaixonado A canción de Cipris, xunto co arriba traducido A miña lingua, sumáronse a outras achegas anteriores dunha obra que acada 200 fragmentos recuperados. Estes últimos poemas apareceron en papiros reciclados cubrindo momias modestas que non puideron empregar o liño para preservar os seus corpos mortais.

Safo escribiu nove libros de poesía lírica e o tempo perdeu a maior parte, do mesmo modo sucedeu coa meirande parte dos poetas líricos da Grecia arcaica. Sobreviviron de forma fragmentaria. Agora cada novo fragmento produce lecturas emocionadas e renovadas edicións do pequeno corpo da poesía sáfica como o coidado diálogo que atopamos nos Poemas e testemuños da nova edición de Aurora Luque para a casa Acantilado. A tradutora e estudosa celebra os xenerosos tempos que vive a obra de Safo, obra medular para a nova e a antiga poesía que hoxe mantén a capacidade de estrañar e manterse viva.

As múltiples manifestacións do amor sáfico a través da palabra precisa e delicada non son recuperacións arqueolóxicas que buscan asemellarse aos amores líquidos, nin aos amores tóxicos, voan riba das etiquetas do discurso amoroso actual e, a través da experiencia da beleza, cegan o amor fracturado, sobreexposto, mercadoría luxada, esencia perdida que na súa multiplicidade é capacidade de transformación que trae Safo nos seus fragmentos, ruínas vivísimas sen reconstrucións mentireiras que nos ensinan cal é un dos camiños verdadeiros: desbotar todo o que sobra do poema; primeiro por decisión da poeta, e logo polo tempo que destrúe os soportes orgánicos da palabra e só achega douscentos fragmentos lexibles.

Ler a Safo foi unha lectura iniciática escollida, non foi unha lectura didáctica obrigada. Atopeina na biblioteca familiar, logo merqueina nunha edición de peto das que boto de menos na entrada das librerías. A edición última de Acantilado atopeina na Biblioteca Ánxel Casal, na sección de poesía agochada na segunda planta dese espazo vivo que resiste nunha cidade de tradición literaria como Compostela, que volve celebrar o seu festival de poesía Alguén que respira nesta edición baixo un lema que convida reler a Safo, "Corpos, disidencias e desexo" celebrarase os días 13, 18, 19, 20 e 21 de marzo. Agardamos que algunha poeta convidada cite un fragmento de Safo para atoparse nela.

A lectura das poetas que son medula debe camiñar nesa dirección, na de atoparse na súa poesía, e non na dirección inversa e redutora que reflicte a nosa vivencia diminuíndo o campo de enerxía. Temos que entrar no campo de enerxía do poema, non debemos reducilo coa nosa estreita apropiación. A forma de relacionarnos coa poesía das poetas medulares, por exemplo, con Rosalía, non debería ser a lectura pechada do poema rosaliano sobre a nosa experiencia. Debemos transitar na dirección contraria, a de entrar no poema como un campo de enerxía que nos acolle e multiplica, que amplía os nosos estreitos límites, o poema non é noso, non é só para agora; é para nós neste intre, mais non debemos mancalo nin recortalo cando o recitamos. Coidado con esmagar a amplitude das grandes poetas, elas non solo son para nós, acollen a outros moitos distintos que aínda descoñecemos.

Comentarios