Opinión

O último poeta do campo

Piso a primeira neve
levo no corazón lirios de novas forzas.
A tarde acendera
a candea azul dunha estrela.

Iso é luz ou non serán tebras?
É un vento quen canta ou un galo?
Quizais iso non sexa neve
senón cisnes deitados no prado.

Es bela, lisura branca!
O frío quéntame o sangue.
Quixera premer contra o corpo
os peitos espidos das faias.

Vurullo silvestre, arboredo!
Goce de cultivos nevados!
Preciso abrazar
as cadeiras leñosas dunha mata.

[1917]


Serguéi Esenin: 

Home negro na patria vermella

1895. Nace o 3 de outubro nunha familia labrega en Konstantinovo, pobo da provincia rusa de Riazan. Críase cos avós maternos, labregos acomodados que lle transmiten a literatura relixiosa e oral. Con eles aprende oracións, contos e cancións populares mentres asiste á escola local. Comeza a escribir poemas á idade de 16 anos.

1912. Trasládase a Moscova.

1913. Comeza a traballar nunha imprenta onde coñece a súa primeira muller, Anna Izriadnova, e teñen un fillo. Asiste á universidade por libre centrado nas lecturas de filosofía, filoloxía e historia.

1914. Marcha a San Petesburgo, daquela Petrogrado, onde coñece a Alexander Blok, Anna Akhamatova, Nikolay Gumilev, Gorodecki e Kliúyev. Maximo Gorki relata un encontro co novísimo poeta, segundo a evocación do novelista, semellaba un neno boiardo dunha postal ilustrada «lendo versos áxiles, brillantes, dunha asombrosa cordialidade».

1916. Publica Radunitsa, onde canta á súa terra natal. A natureza e as xentes do pobo son para o poeta o espírito verdadeiro da patria querida e cantada ao longo da súa obra. Coa primeira entrega da súa poesía transfórmase nunha figura e comeza unha actividade cultural incesante.

1917. Celebra o triunfo da revolución que considera a vía de rexurdimento do mundo rural fronte a vida desnaturalizada das cidades. Casa coa actriz Zinaida Reich, coa que ten dous fillos.

1918. Funda o movemento imaxinista xunto a Marienhof, Shershenevich, Kusikov, and Gruzinov. Publica Inoniya.

1921. Publica Confesións dun Hooligan.

1922. Publica o drama lírico Pugachyov. Casa con Isadora Duncan, gran personalidade artística que transformou a escena moderna, que coñecera no estudo do pintor Georgi Yakulo cando a bailarina americana, convidada polas autoridades revolucionarias, se desprazara a Rusia para fundar unha escola coa que encetar o nacemento da danza do futuro.

A parella viaxa demoradamente por Europa e América aproveitando unha xira da artista. Os medios americanos vilipendian á Duncan, muller liberada e con simpatías bolcheviques que non dubida en sentenciar: «O comunismo é a única solución para o mundo». A xira asediada polos medios fracasa e Isadora non acada o diñeiro para levar adiante a súa escola.

Coinciden con Maximo Gorki na casa de A. N. Tolstói en Berlín nunha velada onde Esenin recita longamente a súa poesía e Duncan baila. O novelista ruso rememora a imaxe gardada do poeta na súa memoria: «era un órgano creado pola natureza só para a poesía, para expresar a inesgotable tristeza dos campos, o amor cara a todo o que vive no mundo, e a piedade, que o home precisa por riba de todas as cousas». Deprimido, emperora a súa adicción ao alcohol e o seu comportamento errático.

1923. En agosto, separado da Duncan, volve a Moscova e publica Amor dun Hooligan. Agrávase a súa saúde. Escribe: «Non medraron, non se cumpriron  / os propósitos dos días rosados. / Pero si na miña alma aniñan os diaños / e que antigamente habitaron os anxos».

1924. Publica Moscova das Tabernas. Casa con Sofía Andréyevna Tolstáya.

1925. Remata a escrita do poema O Home Negro: «Home negro: / es un mal hóspede / Fai tempo / que  levas esa fama». Cinco anos atrás escribira outro autorretrato ben distinto: «Son o último poeta do campo / é parca en cancións a ponte de madeira. / Rogo na derradeira misa / dos bidueiros que incensan a follaxe».

Pertencente á longa estirpe dos poetas suicidas, Serguéi Yesenin aforcouse o 28 de decembro nun cuarto do hotel «Anglaterre». Deixou escrito con sangue un último poema que comeza «Ata logo, querida; ata logo...». O seu enterro foi multitudinario. Despois dun tempo silenciado, a súa obra volveu editarse e estudarse nas escolas. Na actualidade, milleiros de rusos de distintas xeracións coñecen de memoria os seus poemas.

Comentarios