Opinión

A poesía para a xente de June Jordan

fai unha mañá soleada
cos xasmíns florecendo
sinxelamente 
e un bando de paporroibos
sumerxíndose entre a hedra que cobre
o que adoitaba ser
un valo traseiro
ou pombas empurrando 
as follas do bidueiro
cando
un mozo camiña entre
as flores
cara a porta de entrada da miña casa
alí chama 
e aínda permanece
brillante na súa camisa branca.
Ergue o puño suave 
cara a porta
e chama de novo
Veu dicir isto
foi, ou aquelo
non
foi
e que
pode calquera de nós facer
sobre o xa feito
o pasado
senón sal irritante para aguilloar  
os nosos ollos
E que pode calquera de nós facer
sobre o que está xa feito

June Jordan (Harlem, 1936-Berkeley, 2002) dedica o poema É Duro Manter Limpa unha Camisa Limpa a toda a xente de Poetry for the People, un curso de poesía que impartiu na Universidade de Berkeley a principios da década dos noventa. Alí decidiu programar un curso cos mínimos requirimentos de inscrición co obxectivo de dar paso a todos os estudantes interesados na escrita e lectura de poesía. Daquela Jordan fixo un chamamento a toda a xente: mulleres, homes, afroamericanos, americanos asiáticos e europeos, latinos, gais, lesbianas… Todas e todos podían asistir ao curso intitulado Poesía para a Xente que abriu no 1991. 

Unha morea entusiasta respondeu á convocatoria desta destacada poeta, ensaísta e activista polos dereitos civís e diversidades sexuais da que podemos ler os seus ensaios escollidos en Dificultades Técnicas publicadas na colección BAAM da editorial La Oficina, introducidos por Angela Davis. Un libro valioso, destacan os discursos vibrantes, desta muller que coa palabra fixo imaxinable outra realidade soñada máis libre e xusta para toda a súa xente.

Entre as publicacións de Poetry for the People destaca Poetry for the People in A Time Of War (Poesía para a Xente nun Tempo de Guerra), unha antoloxía elaborada por persoas de distintas disciplinas, ideoloxías, procedencias étnicas e orientacións sexuais, a prol dun proxecto común sobre a Guerra do Golfo. As expectativas iniciais do curso de poesía quedaron moi curtas e, para responder ás necesidades dos estudantes que querían ensinar, June Jordan ofertou un curso de apoio, The Teaching and Writing of Poetry (Ensinanza e Escrita de Poesía), para que puidesen replicar a experiencia con outros estudantes. Aprender poesía de forma colectiva e creativa mobilizou unha comunidade diversa que elaborou materiais propios de aprendizaxe e os estudantes convertéronse en amigos que colaboraron na acción aprendendo e compartindo xuntos.

Cando June Jordan proxectou Poetry for the People tiña unha ampla experiencia na escrita e ensinanza da poesía na que integrara a palabra de poetas mulleres e poetas afroamericanos vivos. Interesáballe a poesía feita polas amizades como Clarence Major, Calvin Hernton, David Henderson, Audre Lorde, Sonia Sánchez, Adrienne Rich e Susan Griffin; sentía que xuntas estaban implicadas na escrita do mesmo poema de vida en común arredor da perpetua dificultade do nacemento. 

June Jordan, descendente dunha familia de emigrantes xamaicanos, foi quen de renomearse como “muller, unha muller negra, unha muller negra poeta que escribe e loita para protexerse coas súas comadres, colegas e estudantes, co obxectivo de rescatar a dimensión social termando das calidades da vida humana en calquera lugar”. 

“A poesía significa tomar o control sobre a linguaxe na túa vida». Tamén dixo: «Non podes escribir mentiras e escribir boa poesía”. Previa a experiencia de Poetry for the People, June Jordan ensinara nun obradoiro de poesía en Brooklyn, The Voice of the Children, onde traballara con adolescentes negros e portorriqueños expulsados do territorio branco. Estas mozas e mozos empregaban a lingua das súas comunidades para renomearse, e Jordan percibiu alí, como noutros moitos lugares, que a poesía é o medio para dicir a verdade, porque o poema é a antítese das mentiras e a superficialidade. 

A xente que se inicia na práctica da poesía ten unha excelente oportunidade de transformarse en real, pode coñecerse, renomearse e formar unha voz colectiva. June Jordan que definiu a comunidade como o estado democrático no que a xente pode dar nomes que eles inventen para si mesmos e para os demais, concibiu esa capacidade ideal como a potencia de renomear as diversas identidades oprimidas do mundo. Neste ano 2022, vinte anos tralo seu pasamento, para que June Jordan retorne no ano que comeza, repetimos o seu desexo: Poesía para a xente!

Comentarios