Opinión

Poesía primitiva para recolocar as flores

Ise vento, ise vento
fai tremer a miña tenda, fai tremer a miña tenda,
e canta unha canción para min
e canta unha canción para min.

Estes versos dos indios Kiowa celebran a natureza do vento que lles canta. Nestes intres, despois do confinamento, todas as palabras semellan gastadas. Un vestido vello, raído pola codia, racha cando o acomodamos. Querémonos vestir á antiga moda e xa non nos senta, non entramos nas teas dos discursos de mala calidade e confección rápida. Usar e tirar.

O tempo do confinamento reverdeceu os clásicos, ademais do canon, cada un temos os nosos clásicos. Neste intre perdido topamos co interese de Ernesto Cardenal polos versos dos pobos primitivos. Quizabes este sexa o momento para ler poesía primitiva carente de imposturas, poesía da sabedoría expulsada do mundo que progresa cara a súa extinción.

Os pobos primitivos improvisaban, lembraban e cantaban. Percibo que hoxe é bo relembrar a poesía que durante moito tempo foi canto, poesía oral, palabra esencial para a vida como escribiu o poeta nigaraguense no prólogo da súa Antoloxía de Poesía Primitiva publicada no ano 1979 por Alianza Editorial onde dixo: “O verso é a forma máis natural da linguaxe”.

Cando fago unha pausa—
o murmurio
da aldea.

Fantástica antoloxía a de Ernesto Cardenal! No prólogo conta que o labor levoulle moitos anos. Quizais todas as antoloxías deberían construírse en tempo lento. Non semella bo acelerar o ritmo de traballo do antólogo. Cardenal reuniu, pesquisou, traduciu e axustou versos de múltiples fontes coma estes que traemos. Aquí, por orde, chegan versos dos indios Kiowa, Chippewas, Navajos, Esquimais e os seguintes son dos moradores das Illas Palau:

Nós que somos da túa idade, rapaza,
queremos cambiar contigo bicos alados,
morder a túa boca de forma bela,
o froito vermello das túas enxivas

Neste preciso intre é urxente seguir o consello de Rumi e pararse a escoitar como se fractura a continuidade do presente. Temos moitas preguntas sen resposta baixo avalanchas de imaxes e xa non podemos fiar o pensamento, moitas veces somos incapaces de ordenar a fala polo colapso.

Entre múltiples cuestións escollemos estas: Cal é a poesía que non escapa da responsabilidade do presente? Cal é a palabra que pode axudarnos a escoitar o seu murmurio?

Sufrimos polo ruído e teño unha intuición, unha posible lectura para reaccionar: os versos dos pobos primitivos con idiomas máis afeitos ao verso que a comunicación cotián. Pobos resistentes fronte a desfeita da colonización en todas as súas formas mutantes ata hoxe. Penso en Galicia e noutros moitos lugares. Hoxe é bo día para escoitar a poesía primitiva dos pobos.

Para nós, tan colonizados coma peixes que na auga nadan sen saber dela estamos, coma moitos abisais, en perigo de extinción.

A poesía primitiva evita a deturpación da cultura popular —ben saben os poderes utilizala coma recurso de control— tamén asume a transformación da imaxe concreta que ilumina a oración dos Dualas africanos:

Non esquezas, oh Deus

darme unha lámpada europea

e tamén aceite!

Os pobos colonizados negan a súa identidade, autolesionan o seu pensamento, destrúen o corpo social que os sostén. Os pobos colonizados viven de costas á terra, aceptan manobras extractivas, delegan decisións, victimízanse. Mentres o poder deforma os dereitos sobre o territorio, a lingua, a capacidade de autorganización social e política. Fai anos que por aquí estamos desafeitos da terra e moitas veces nin a podemos camiñar.

Ditoso quen poida camiñar

Ditoso con abundantes nubes negras poida camiñar

Ditoso con abundantes chuvias poida camiñar

[…] Semellante coma foi en días serodios poida camiñar

[…] En beleza isto remata

Quizabes os galegos coma os esquimais temos que recuperar os espazos remotos do noso país despoboado e preguntarnos:

Quen desexaría vivir nun lugar tan triste?

O campo está enteiro cuberto de xeada

e a xente que alí vive non pode viaxar

ata moi alta a primavera

Hoxe se nos paramos a escoitar é o intre exacto para recolocar as nosas flores.

Levamos fermosas flores.

Floreciñas de melón levamos.

Floreciñas de sandía levamos.

Entón agora levamos flores.

Comentarios