Opinión

Un poema sen data de Isadora Duncan

último telegrama

"Dionísio Crucificado!"

Quizais eu sexa La Madonne qui monte le Calvaire

en Dansant.

Oh Dionísio, Porte-Flambeau.

Alumea o meu camiño en chamas.

I sadora Duncan (1877-1927) foi a bailarina máis influínte do século XX. Muller libre, revolucionaria, durante vinte anos teimou do soño de manter unha escola propia na que formar a muller do futuro. Intentouno ao longo de dúas décadas en Berlín, París e Moscova, onde dedicou os seus ingresos ao financiamento do proxecto educativo. A falta de apoio continuado, abortou os tres intentos sen que ningunha das escolas cumprira o lustro de vida.

Isadora personificou coma ninguén a muller liberada, o seu mito permanece incorruptible na memoria da arte. Acreditaba que a súa arte era universal e, cando encadraban a súa danza coma grega, matizaba: «Se son grega é o helenismo da "Oda a unha furna grega" de Keats». As danzas políticas e espirituais de Isadora, a obra súa escrita e as achegas pedagóxicas postas en práctica a través das sucesivas escolas Duncan, mudaron a arte da danza para sempre.

A obra de Duncan é afirmativa, mantén entidade por si mesma, no senso que afirma Alain Badiu.

Cronoloxía das Escolas Duncan

1904-1908. Duncan inaugurou a súa primeira escola en 1904 en Grunewald (Berlín) dirixida pola súa irmá Elisabeth. A danza nesta escola apoiouse na ximnasia coma técnica para lograr un fin espiritual. Isadora potenciaba a liberdade creativa do alumnado que debía descubrir movementos que lle resultasen naturais, non traballou a favor da mímese cos seus movementos, polo que non codificou unha técnica ao estilo de Martha Graham.

Isadora entendía a súa escola de danza coma un museo vivo, aberto aos artistas para inspiralos nun modelo ideal de beleza que as alumnas representaban cos seu corpos en movemento.

As Isadorables —Anna, Erika, Irma, Lisa, Margot e Marie-Theresa de apelido Duncan—, foron as fillas adoptivas de Isadora, alumnas desta primeira escola onde comezaron os estudos con menos de 10 anos e, posteriormente, divulgaron os resultados en xiras internacionais por Europa e América. Isadora manifestábase en contra de que as nenas actuasen nos teatros (ela mesma experimentara unha dedicación temperá á escena); mais accedeu a que as alumnas desen recitais para manter o financiamento das escolas. As alumnas non pagaban pola súa educación, a meirande parte eran orfas ou pertencían a familias con problemas; vivir, educarse nas escolas Duncan, foi unha oportunidade única para acceder a unha formación artística. Vivían rodeadas de beleza, as estancias nas que estudaban estaban fermosamente decoradas con debuxos, cerámicas e esculturas de figuras fisicamente equilibradas. Isadora pensaba que as nenas debía bailar coma nenas, endexamais como adultas con actitudes deformadas. Considerou a educación unicamente correcta cando incluía a danza, arte que provoca un mellor acceso a determinadas experiencias espirituais non accesibles a través da palabra. A través do movemento natural, as nenas empregaban as súas cualidades e capacidades naturais para modelar un corpo harmónico inspirándose na natureza.

1914. A segunda escola que abriu foi na Maison Bellevue en París, unha magnífica edificación cedida polo seu compañeiro, o magnate Paris Singer. Esta experiencia tivo unha vida fugaz: sete meses ata que Isadora decidiu pechala e transformala nun hospital de feridos a principios da I Guerra Mundial.

1921-1924. Duncan declarouse revolucionaria e comunista. Convidada polo camarada Lunacharsky, viaxou a Moscova e apoiou publicamente a revolución rusa. En América, os medios conservadores e moralistas reprendérona, ridiculizárona e boicotearon as súas xiras pola súa adscrición ó comunismo. Para Isadora significou a aplicación máis ambiciosa da súa teoría pedagóxica nunha escola en Moscova apoiada directamente Lunacharsky, máximo responsable da política educativa rusa. Neste período dedicouse a explorar a danza como medio educativo co que esculpir o carácter no ritmo, a beleza e a liberdade. Isadora e Irma Duncan traballaron con centos de nenas na nova escola e desexaron traballar con miles de nenos obreiros para crear un mundo novo. Esta última experiencia tamén fracasou e, con problemas económicos para mantela, unidos ás reticencias das novas autoridades bolcheviques, Duncan abandonou Moscova no ano 1924.

Comentarios