Opinión

Nó de amor

Coa moza da praza do mercado
fixen, en tres palabras, un nó de amor.
Nen xiquera probei a desatalo cun cravo;
descólgase todo e cae ó chan.

A bandeira da sorte da miña amada
á beira dun salgueiro flamea izada.
Irmán que do salgueiro es o garda,
non sexas ti mesmo o que tires as pedras.

Vizosa flor da malvela,
se ti volveses obxecto da oferenda,
tamén eu xoven "abella azul",
porta -da gracia- no templo dos deuses.

Se aquela pola cal eu perdín o corazón
me deixase por adorar ós deuses...
Tampouco eu quero ficar aquí;
subirei á hermida do monte.

Fun a un santo Lama
para pedirlle guía ó meu espíritu.
Pero a miña mente non puido cambiar;
polo cal voltei á beira da miña amada.

Botade unha ollada á certas rapazas,
dentes cándidos, faces sorridentes...
Unha, voltándose, miroume á cara,
de esguello, temesiña.

Ts´Angs-Dbyangs-Rgya-Mtsó (1683-1706) pouco antes do seu nacemento foi recoñecido como a reencarnación do Quinto Dalai Lama. Desde os oito anos viviu en Potala de Lhasa e aos 13 anos foi consagrado Sexto Dalai Lama. Lonxe de levar unha vida pontifical, frecuentaba polas noite as tabernas do barrio nocturno de Shol. Destituído por Pekín no 1701, desapareceu nunha emboscada orientada polo emperador chinés Kang-Si. A súa morte é un misterio. Persiste a crenza que escapou á conxura e foi pelegrín por máis de corenta anos.

María do Carmo Kruckenberg traduciu 20 dos 62 cantos escritos polo Sexto Dalai Lama, un corpo poético moi apreciado polos tibetanos. En 1956 atopou nunha librería de vello en Xénova un libro sorprendente editado por Giocomo Prampolini e decidiu trasladar da versión italiana ao idioma castelán 20 composicións para a revista Papeles de Son Armadáns, nº CXLVII, xuño 1968.

Na revista NÓ editada pola Asociacións de Escritores en Lingua Galega 87, nº 2, publicou no ano 1987 catro composicións. O poema que rescatamos é un dos catro do autor tibetano que Kruckenberg versionou ao galego cunha introdución e unhas precisas notas.

Comentarios