Opinión

Nace o Arquivo da Memoria das Mulleres do Courel

Laga de liño

Unha pequena serpe

Cruza o solpor

 

Ótomo Óemaru

Como é que se chama aquel trasno da árbore preto da estación que che pasaba mensaxes para min cada tarde ao volveres para a casa?

Pregunta John Felstiner entre as Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito ao meu pai, un pequeno texto que atopamos na valiosa colección non venal da Amastra-N-Gallar publicado polo ano 2003.

Cando camiño polos soutos e chego aos prados do río, tamén como Felstiner, arrepíntome de non ter gravado na memoria todos os nomes dos prados da miña casa. Lembro algúns, os que están máis preto, e demasiadas veces confundo os lindes. Por esta desmemoria é que na miña aldea, e noutras moitas semellantes, colocan unha inicial ben visible no tronco dos castiñeiros: a inicial do apelido das casas para distinguir os propietarios. Mal imos cando desaparecen os topónimos, cando descoñecemos os nomes propios das terras e temos que marcalas. Sinto como John Felstiner, moita pena de non ter unha oportunidade nova de lle preguntar ao meu pai outra vez os nosos nomes.

Hai preguntas que precisamos facer moitas veces, repetilas e fixalas na memoria. Moitas veces intentamos recuperar as respostas e non acadamos esas mensaxes do trasno que lle levaba o pai a John Felstiner.

Unha película que pregunta limpamente sobre a memoria é Zumiriki de Oscar Alegría. Esas preguntas que fai na madrugada aos últimos pastores sobre que soñaban ou pensaban nese intre. É Zumiriki un marabilloso filme sobre a memoria da infancia e da familia, unha illa asolagada e na beira unha cabana para conquistar o tempo. Liberar o propio tempo das gaiolas, quizais entón liberaremos a memoria cinguida aos eidos máis queridos.

Recordar doe, como escribiu Herminio Barreiro e dixo en voz alta Visita de Peroneto. Sentimos que é tempo de recordar e queremos facelo xuntas. Lembrar como era a vida fóra dos libros, escoitar as palabras na memoria falada. E por iso, iniciamos este mes un Arquivo da Memoria das Mulleres do Courel co obxectivo de recoller unha pequena mostra da memoria da serra, documentala, arquivala e logo liberala, é dicir, compartila e doala á comunidade. Máis dunha ducia de veciñas entrevistarán ás súas nais, avoas e amigas, todas elas veciñas de a diario, porque queremos recuperar a memoria da vida cotián das distintas aldeas do lugar.

As preguntas escollidas para suscitar as conversas, xa que queremos conversar, non so escoitar, son as puntiñas do fío para que agromen outras preguntas que xurdan destas tan sinxelas como, por exemplo:

̶   Recorda algún xogo? De quen aprendeu máis cousas cando era nena?

̶  Lembra o tempo da escola? Recorda que aprendeu na escola?

 ̶  Lembra algún soño ou conto que poida compartir ou contar?

Que boa oportunidade conversar entre veciñas sobre cousas das que xa non se fala!

En moitas ocasións o desleixo é so po para non amosar canto doe recordar. Mais tiramos do fío de sol que é a memoria, algunhas veces tórnase negro e vai mudando polo camiño a cor das conversas.

Chega unha feliz idade, como intitula a poeta Olga Novo, na que precisamos renomear as palabras, recuperalas tirando dun fío de sol transformado nese liño tan igualiño que xa non plantamos. Agora plantamos unhas poucas sementes e observamos mentres abrimos as lembranzas das nosas veciñas de aldeas e idades diversas. Quizais agora suceda aquilo que só albiscamos cando facemos por liberar o tempo.

Que liño

              máis igoaliño!

Non veña o toupo fozalo

nin veña o torbón deitalo.

                      Uxío Novoneyra

Comentarios