Opinión

A morte da exhibición

Sempre soubemos que non sairíamos mellores, aínda non saímos. Estamos confundidos e sen perspectiva, repregados sen capacidade que accionar. Zumbados pola explosión.

A cultura despois dun confinamento que provocou a meirande avalancha de contidos, algo semellante a un hackeo a escala planetaria, deixounos inapetentes, extenuados e defendéndonos coma nostálxicos do directo transformado agora nun soporte sen capacidade.

Todo isto sucedeu cando o formato de festival estaba asentado como monocultivo, agora as leiras de millo transxénico cobren o territorio até a costa. Non somos un prado de millo, senón traballadores da cultura na nova situación marcada pola incerteza que é un estado distinto da precariedade,  condición común da falta de posibilidade. Esa precariedade que é insostible, acelerada e previa ao desastre, pola imposibilidade dun contacto normalizado entre os corpos, polas dificultades de desprazamento deses mesmos  corpos obturados pola enfermidade ou pola súa posibilidade.

É posible a cultura como acto manifesto de creación e comunicación neste intre pandémico?

Niso estamos os traballadores da cultura, probando e avanzando pola corda do Mr. Vertixe de Paul Auster. A cultura como industria cultural subvencionada polo público pronto ha desaparecer, o golpe é letal. O modelo baseado na exhibición esbourou a principios deste mesmo ano. Aínda estamos e continuaremos desorientados pola explosión, zumbados agardando saír do pesadelo.

A cultura financiada polos orzamentos públicos está bailando o canto do cisne neste setembro de programacións e reprogramacións, de festivais recuperados, xiras nacionais e inauguracións de todos os formatos e disciplinas que semellan actos exclusivamente institucionais, onde todo está medido por un protocolo descolorido. As cadeiras separadas, sen bocas, sen narices, sen posibilidade de crear e compartir unha mirada común.

Vivimos tempos onde a xestión dos dereitos dos autores está sen resolver, onde os espazos financiados polo público iniciaron un proceso de apertura dos seus contidos antes baixo estrito control. Todo foi compartido, case quedamos baleiros, sen vídeo ou foto que subir ás redes; que enguliron todo e despois da vertixe veu a depresión. Haberá un traballo pendente no futuro ou no non futuro que vén, arquivistas e outros especialistas estudarán o mundo pandémico.

A cultura como industria cultural subvencionada polo público pronto ha desaparecer, o golpe é letal. O modelo baseado na exhibición esbourou a principios deste mesmo ano.

Mais nós que insistimos coa teima e preguntámonos: Cara onde vai a nosa cultura?

A cultura que facemos nós, galegas dentro e fóra de Galicia, neste mundo global infectado no que incluímos esa diáspora galega que pode iniciar un proceso de retorno presionada pola situación impracticable das grandes cidades que expulsará un excedente indeterminado de man de obra que xa non precisa.

Vai ser frío este inverno no que constataremos o colapso de múltiples planificacións, entre elas a planificación cultural baseada na política de públicos expansiva e curtopracista. Semella difícil pensar en grandes festivais ou a grandes festas. No pasado inmediato case calquera resultado positivo estivo fiado ao incremento no número de espectadores ou no número de visitantes, é dicir, no número de consumidores. Cada ano máis e mellor foi o indicador de calidade a conseguir.

Semella que nun outono inverno pandémico, a actividade cultural repregarase sobre a produción, sen poder programar actividades baseadas nuns parámetros cuantitativos de impacto inmediato.

Neste intre de fortes restricións séntanse nun teatro 60 persoas como máximo, independentemente do aforo total. Sabémolo, non é viable, máis comunicalo desde as institucións incomoda, ninguén quere ser portador de malas novas, sempre hai opción de matar ao mensaxeiro e seguir bailando unha muiñeira deturpada.

Semella que nun outono inverno pandémico, a actividade cultural repregarase sobre a produción, sen poder programar actividades baseadas nuns parámetros cuantitativos de impacto inmediato. As institucións están atrapadas nun terreo pantanoso.

A creación sen acompañamento, solitaria, sen demasiada foto inaugural, semella ser o que vén. A cultura que vén chegará cuns recortes que emendarán plenamente o discurso da profesionalidade en tempos contraditorios onde iniciamos o desenvolvemento do Estatuto do Artista. Un paso para diante e moitos para atrás mentres intuímos aquela insoportable iluminación de Rimbaud que di:

 

Mentres os fondos públicos son desbaldidos en festas de fraternidade,

unha campá de lume rosa repenica nas nubes.

Comentarios