Opinión

Lolita Aguín

MAREA BAIXA

Alí enriba
case no teito do noso cuarto
atópase a marca da subida das augas.

 

Os nosos soños
fuxiron das nosas mans.
Fomos case reais.

Hugo Williams

Podemos descubrir tesouros agochados da moda galega dos oitenta, vestixios do naufraxio daquela eclosión cando foi sinónimo de deseño e o sector téxtil brillou seguindo unha planificación estratéxica continuada. Tivemos dúas décadas de crecemento no ámbito da moda con protagonistas distinguidas como foi o caso de Lolita Aguín.

Hai tempo que colecciono pezas de Lolita, é a miña deseñadora favorita, e tiña pendente falar do seu caso nun contexto como o actual que precisa referenciar mulleres emprendedoras no marco da economía social. O caso da deseñadora grovense é inspirador, o seu proceso creativo parello ao desenvolvemento empresarial á fronte dunha S.A. desde 1986 ata 2001 debería ser coñecido como exemplo do que sucedeu con moitas firmas de moda galega dos oitenta. Hai moito que contar da historia desta muller autodidacta que aos quince anos comezou a estudar corte e confección por correspondencia e a deseñar a súa propia roupa. Aos poucos anos abriu con dúas amigas un taller, Pamaló. A experiencia durou pouco e Lolita decidiu poñerse pola súa conta con Creaciones Lor.

Cada vez que visto unha prenda de Lolita Aguín identifícome con ela e cunha xeración de deseñadoras que foron distintas de forma enérxica

O Gran Hotel da Toxa foi un ingrediente do éxito da deseñadora que con bo senso colocou un escaparate dentro das instalacións e as veraneantes comezaron a mercar a súa roupa e recomendárona nas boutiques das grandes cidades. Lolita viaxaba dúas veces ao ano para asistir a desfiles de deseñadores internacionais e aproveitaba para mercar en Barcelona os mostrarios para elaborar as súas coleccións. De Camiño a París, ela e o seu marido, pasaban uns días na Costa Azul, aproveitaban para capturar as novas tendencias polas rúas. Lolita cortaba, operaba directamente sobre os deseños. Elaborou coleccións con máis de cincuenta prendas, dúas ao ano, a de primavera-verán para a primavera do ano seguinte, e outono-inverno para vender no seguinte outono. Os tempos daquela eran distintos, máis lentos que os actuais, caracterizados pola flexibilidade extrema na produción e pola confección continuada de coleccións que atopamos nas tendas poucas semanas despois de ser deseñadas.

Lolita comezou con oito traballadoras en Creaciones Lor e chegou a empregar a trinta mulleres. Coincidiu coa época de Galicia Moda, momento documentado pola histórica revista homónima que fixo brillar numerosas firmas que posteriormente pecharon pola imposibilidade de adaptarse ás transformación estruturais do sector.

Cando atopei os deseños de Lolita nunha pequena oulet, Marusía, moi preto da Praza de Abastos en Compostela, namorei das prendas de punto impecables, das camisas sorprendentes, das chaquetas icónicas e dos vestidos de cortes contundentes, tan favorecedores. Sagra, a dona de Marusía, faloume polo miúdo da súa historia e este agosto, durante unas vacacións, puiden por fin coñecela no Grove. Aproveitei a ocasión para preguntarlle polos seus inicios, as súas influencias, polas mulleres coas que traballaba e os lugares onde vendía, por como deseñaba e onde mercaba os materiais e as máquinas, onde presentaba as coleccións, a que feiras asistiu e como foron evolucionando as súas creacións e os gustos das mulleres que vestía.

Cada vez que visto unha prenda de Lolita Aguín identifícome con ela e cunha xeración de deseñadoras que foron distintas de forma enérxica e fondamente conectada co que había dentro e fóra do país, con empresas familiares asociadas, ilusionadas pola transformación, implicadas no avance e o cambio social. Así foi unha parte da moda galega dos oitenta, lembrala hoxe faime sentir unha nostalxia enerxética.

Os bos recordos son alfaias perdidas
Paul Valéry

Comentarios