Opinión

As flores de Tomihiro Hoshino

Se algo é certo
nin se necesitan unhas poucas palabras

Algo brilla nun pequeno xesto
como a herba salvaxe
tremendo no aire

Hai algo curador nas flores que son poemas de Tomihiro Hoshino. Algo tan delicado como a vibración dos seus debuxos. Algo valioso do sentir xaponés transmite este poeta que pintou e escribiu cun cepilliño na boca e dixo: "A cor cálida das follas no inverno é quizabes a nosa consolación para o tempo do frío".

Moi novo Tomihiro Hoshino (Azuma, 1946) pasou nove anos rehabilitándose nun hospital tras sufrir un accidente no ximnasio da escola onde traballaba. Inmóbil do colo para a baixo, comezou a crear pinturas, poemas e breves ensaios. As flores son o seu tema máis coñecido, a súa extensa obra atópase no museo que leva o seu nome na súa vila natal de Azuma, na Prefectura de Gunma, rexión de Kanto, no centro-leste da illa de Honshu.

A observación da vida nas flores e o diálogo que intercambia con elas é tan delicado que nos emociona sen mancarnos. As lecturas e pinturas que curan son descubrimentos que debemos compartir e durante longos períodos o libro Journey of The Wind traducido por Gavin Bantock e Kyoko Oshima, regalo de Ayako Sugitani, foi e continúa sendo para min un libro curador.

As flores do Autorretrato con radiador, de Bobin, son moi distintas. Flores que curan no dó mentres reproducen o ciclo vital permitíndonos observalo diariamente. Noutra ocasión escribirei de Bobin e as súas naturezas mortas. Pero Tomihiro Hoshino escribiu: "Cando pinto os pétalos dunha flor, desexo expresar a beleza que hai baixo a flor, e a beleza oculta das raíces na terra…". As flores de Hoshino son humanas, igual que as persoas amosan distintas caras, a cor das flores que segundo o poeta pode mudar nun só día.

Coa chegada da primavera, tres anos despois do accidente, Tomihiro Hoshino pensou que non podía seguir enfadado, non podía máis que desfrutar da beleza das flores. Sobre unhas Orquídeas escribiu:

As túas flores, florecen en ramalletes,
dun xeito alegre

Pero cada flor ten unha cara triste
dun modo semellante aos seres humanos

Observar as flores como as persoas é viceversa é unha idea curadora, comparalas e compararse como fixo nestes versos: "O talo quebra facilmente / como o meu colo". Nunhas breves notas escritas durante os primeiros tempos da convalecencia recolleu:

A miña nai colocou a miña camilla sobre rodas e levoume ao xardín traseiro do hospital.
Unhas flores de algodón semellaban achegarse cara a ruína dunha parede destruída polas chamas.
Mirando ceo arriba, as flores. A luz foi tan potente que sentín nacer bágoas dos meus ollos.
Sentín vergoña diante da miña nai que observou como choraba.

Máis adiante anotou:

Un dos meus amigos tróuxome unha maceta con azaleas.
"Cando desaparezan as flores", dixo, "estarás de volta na casa, e o próximo ano, cando as flores volvan outra vez a abrirse, eu volverei outra vez".
Sucedeu que durante moito tempo non naceron as flores que prometera pero cada día regounas e coidounas.
Coitado, pesada carga debedora daquela promesa! Eu non fixera nada semellante por el.

Sobre unhas Camelias vermellas escribiu:

Para que unha flor floreza
Cantas follas
pregúntome
deben soster o frío do inverno?

As follas da camelia brillan
pulindo o vento do inverno

Elas brillan como a Nai

Da mesma forma que os camelios xaponeses brillan nos antigos parques, agardamos o nacemento da primeira camelia branca no paseo de camelias máis antigo de Compostela, aquel que lembra o seu uso curador na finca do desaparecido Sanatorio de Lois. Un suceso, o florecer da primeira camelia, anunciará pronto coa utilidade da beleza o

Comentarios