Opinión

Cronoloxía dunha práctica do salvaxe

o regato Piute

de Gary Snyder

Serra enteira de granito:
Unha árbore sería bastante
Ata unha rocha, un pequeno regato,
Un cacho de cortiza nunha charca
Lomba tras lomba, con fendas e ondas,
Grandes árbores pechas
En estreitas fendas de pedra
Unha inmensa lúa enriba, é demasiado.

A mente vaga. Un millón de
Vraos, o aire quedo da noite e as rochas
Quentes. O ceo sobre interminables montañas.

Todo o lixo que conleva ser home
Despréndese, a dura rocha treme
Ata o sólido presente parece non acadar
Esta burbulla do corazón.

Palabras e libros
Coma un pequeno regato debrocando dunha pena
Desaparecen no aire seco.
Unha mente clara e atenta
Non ten opinión, pero aquelo
Que fita o fita de verdade.
Ninguén ama a rocha, mais aquí estamos.
A noite xea. Un piquelo
Na luz da lúa
Afúndese na sombra dos cimbros:

Ocultos alí atrás
Fríos e altivos ollos
De Puma e Coiote
Obsérvanme erguerme e marchar.

1 930. Gary Snyder nace en San Francisco nunha familia concienciada involucrada en movementos de reivindicación social. Algúns membros da familia Snyder foron wobblies, parte dun histórico colectivo anarco-sindicalista fundado en Chicago no ano 1905, os Traballadores Industriais do Mundo (Industrial Workers of the World). O poeta medra en pequenas granxas no estado de Washington e en Oregon e estuda en escolas públicas en Seattle e Portland. Comeza a súa educación lendo historias dos indios e dos pioneiros.

1951. Gradúase cunha tese sobre un mito do matrimonio entre un home e unha muller-cisne procedente da cultura Haida, grupo indíxena americano habitante da costa Pacífica de Canadá. O pensamento mítico será un dos centros enerxéticos do seu pensamento. Snyder será un explorador das culturas nativas norteamericanas, das súas lendas, mitos e ritos.

1952. Múdase a San Francisco para estudar linguas orientais en Berkeley e traballa nos bosques en empregos temporais coma a prevención de lumes, condutor para madeireiras ou gardabosques.

1955. Participa na lectura fundacional do movemento beat na San Francisco´s Six Gallery onde Ginsberg leu o emblemático poema "Howl". Esa mesma noite, Gary Snyder leu o poema "The Berry Feast".

1956. Marcha a Xapón onde vivirá durante máis dunha década estudando budismo zen e meditación. Visitará a India, Indonesia e chegará ata Estambul. A dedicación ao coñecemento e práctica do budismo transformarase nun centro no que recoller unha dimensión ética e ontolóxica onde fundar a súa reverencia pola natureza salvaxe.

1959. Publica o seu primeiro libro Riprap e o ano seguinte Myths & Texts (Mitos e Textos). Neles articula os centros de enerxía da súa obra poética e ensaística posterior: aguda observación do mundo natural, porosidade ás estéticas orientais, exploración dos mitos nativos de Norteamérica e celebración do traballo físico como modo de vida e coñecemento que conflúe coa práctica intelectual e espiritual.

1970. Retorna e edifica a súa propia residencia no norte das montañas de Serra Nevada onde segue a residir na actualidade.

1974. Gaña o Premio Pulizer de poesía con Turtle Island (Illa Tartaruga) polo que comeza a adquirir unha sólida reputación literaria ata acadar un amplo recoñecemento arredor da obra. Snyder acadou numerosas distincións: o Bollinguen Prize, o American Academy of Arts and Letters award, a Guggenheim Fundation fellwship, o Bess Hokin Prize and Levinson Prizenfrom Poetry, entre outros.

1990. Publica o ensaio The practice of the Wild (A práctica do salvaxe) que constitúe unha achega maior ao pensamento ecolóxico.

1996. Despois de 40 anos traballando no poema narrativo Mountains and Rivers Without End (Montañas e ríos sen fin) sae do prelo. Constituído en seccións que toman como punto de partida a pintura paisaxística clásica china, incorpora múltiples referencias sobre prehistoria, xeoloxía, etnobotánica e mitoloxía china, así como achegas autobiográficas da vida beat dos anos 50 e 60.

2000. Árdora Ediciones na súa colección express publica la mente salvaje (poemas y ensayos) coa tradución ao castelán de Nacho Fernández. O poema Piute Creek (el arroyo Piute) aparece na páxina 20.

2004. Gary Snyder publica despois de vinte anos unha nova colección de poemas que titula Danger on Peaks (Perigo nos Cumios). 2016. La práctica de lo salvaje aparece en Varasek Ediciones traducido ao castelán por Nacho Fernández e Luis Regojo.

Comentarios