Opinión

Ánxel Fole. Cronobiografía dun exilio interior

1903. Nace en Lugo. Fillo de María Benita Sánchez Corredoira e Reinaldo Fole Quiroga, avogado que chegaría a ser alcalde de Lugo. A súa cidade de nacenza será fundamental na vida do autor e xornalista:

Para min é Lugo unha serie de centros sentimentales ou de lembranzas. O primeiro é o río Miño. Sin o río, Lugo no sería para min Lugo, o que se di. Do río Miño gardo un tesouro de lembranzas. No río Miño aprendín a nadar e nas súas orelas sentín por primeira vez a emoción da paisaxe.

E logo siguen outros centros psíquicos das miñas lembranzas. O segundo é a Muralla... A Plaza Maor, o Círculo das Artes, a Catedral, catro ou cinco cafés...

1924. Marcha a Zamora a facer o servizo militar.

1927. Comeza a carreira de Dereito e Filosofía e Letras na cidade de Valladolid. Publica o seu primeiro artigo no xornal La provincia.

1932. Funda e dirixe a revista literaria Yunque na que se publican por primeira vez os poemas galegos de Lorca.

1933. Candidata pola agrupación do Partido Republicano Radical Socialista ás eleccións municipais. Trasládase a Santiago de Compostela coa intención de rematar a carreira de Dereito e facerse notario.

1935. Entra no Partido Galeguista da man de Ramón Piñeiro.

1936. Golpe de Estado e Guerra Civil. Prepara unha colección de contos dos que se conservan tres: dous publicados na revista Nós en 1935 (Eu i o meu corazón. Elexía ao xeito romántego e Idilio na Ínsua) e o terceiro no xornal El Pueblo Gallego (Treboada na penedía). Este volume, intitulado Auga lizgaira, desapareceu nos primeiros tempos da guerra.

1941. Abandona a cidade cara ó exilio interior. Marcha á Veiguiña en terras quiroguesas onde é acollido coma preceptor pola familia Quiroga. Estes anos, protexido nas terras da montaña durante a primeira posguerra, serán definitivos para facer posible a súa dedicación vocacional á escrita.

1953. Galaxia publica Á lus do candil. Contos a carón do lume onde o autor lucense reflicte a vida e costumes da xente do Courel a través do relato curto. A súa persoalísima voz recolleu os tipos, os costumes e unha lingua popular cos xiros e vocábulos empregados polas xentes das terras altas da montaña.

1955. A Editorial Galaxia publica Terra brava. Contos da solaina, unha obra cumio da literatura galega. Fole foi un «mestre da ficción máxica» (Alonso Montero) mesturando elementos imaxinarios e realistas para contar cinematográficamente o mundo tradicional galego. «Galicia falaba nel, a Galicia perdurable» deixou dito Filgueira Valverde.

1958. A Editorial Citania remata de imprentar o 9 de xuño de 1958, na imprenta López, Perú 666, Bos Aires (subterfuxio reiterado para superar a censura) o conto escénico en tres cadros, Pauto co Demo.

1963. Ingresa na Real Academia Galega o 5 de outubro, Día de San Froilán.

1970. Funda Táboa redonda, páxina literaria do xornal El Progreso.

1972. Publica Contos da néboa en Edicións Castrelos.

1976. É distinguido como Fillo Predilecto da Cidade de Lugo.

1978. Recibe o Pedrón de Ouro.

Unha década despois do seu pasamento, dedícanlle o Día das Letras. foi un gran recuperador do idioma, un mantedor da historia nacional

1981. Edicións Xerais publica no número 2 da colección Grandes Mestres, Historias que ninguén cre.

O Círculo de Belas Artes publica Cartafolio de Lugo, unha compilación de artigos foleanos que recolle «a visión calidoscópica do Vello Lugo» (Ramón Villares). Para os lugueses non é posible entender a imaxe física e a memoria histórica da cidade sen a obra xornalística de Ánxel Fole.

1983. A Asociación de Escritores en Lingua Galega propono para o Premio Nobel de Literatura.

1985. Publica Contos de lobos en Edicións Xerais.

1986. Morre en Lugo onde é considerado un símbolo vivo da cidade. Sen a estampa de Fole saíndo do Café Lugo en dirección á sede do xornal El Progreso, a cidade perde un personaxe identitario.

1997. Unha década despois do seu pasamento, tempo mínimo para candidatar rexistrado pola Academia, dedícanlle o Día das Letras Galegas. Ánxel Fole foi un gran recuperador do idioma, un mantedor inestimable da historia nacional coa verdade popular. Os seus contos son unha xoia, rica receita para ler e reler sempre, para recuperar o verdadeiro camiño da fala en perigo de extinción.

Comentarios